Galiza nación, unha selección

Esta sexta feira 31 de maio ás 20h no Estado de Balaidos en Vigo, regresa a selección galega de fútbol con un encontro fronte á selección nacional de Panama. Co gallo deste regreso a plataforma social Via Galega desenvolve unha intensa campaña a prol da oficialidade das seleccións deportivas galegas.

O mesmo día do partido, 31 de maio, convoca unha manifestación previa ao encontro, ás 18:30h, que sairá de Praza America até o estadio de Balaidos baixo o lema, “Galiza nación, unha selección”, reclamando o deito de Galiza como nación a competir internacionalomente en competicións oficiais coas súas propias seleccións deportivas. Posteriormente convidan aos siareiros e siareiras a asistir ao encontro e animar á nosa selección na bancada de Marcador Baixo.

Ao mesmo tempo, Via Galega elabourou un manifesto, que che animamos a asinar, no que se reclama:

– O dereito a podermos competir a nivel oficial e internacional coas nosas seleccións deportivas.
– Fixación inmediata dun calendario estábel de competicións para as seleccións galegas.
– Competencias lexislativas plenas para que os nosos e as nosas deportistas teñan máis oportunidades, para o recoñecemento oficial das nosas seleccións, para rematar coa nosa subordinación ás federacións españolas e para amosarnos como nación que somos.

As seleccións nacionais deportivas representan todo un pobo, danlle acougo a un sentimento colectivo, alimentan o sentir e o orgullo de pertenza a unha colectividade, a unha nación. Afianzan a identidade colectiva e contribúen á cohesión social, pois o deporte non só é fonte de saúde, tamén axuda a vertebrar a sociedade e tende lazos de amizade e solidariedade.

Como galegas e galegos padecemos, froito do sometemento que sufrimos, de falta de autoestima colectiva. Todo o que nos identifica e nos fai galegos e galegas prohíbese, ocúltase ou trátase como irrelevante. É dicir, subordínase ao de fóra, ao alleo. Esta é a razón polo que se nos nega un dereito tan elemental como termos as nosas seleccións deportivas, que nos representen e visibilicen Galiza no exterior.

O dereito a competir coas nosas seleccións, baixo a nosa bandeira e himno, é un dereito que nos asiste como galegos e galegas e que non pode ser prohibido por máis tempo. É por iso que te animamos a asinar este manifesto. Podes facelo pinchando aquí.