Galiza pola paz. Contra o militarismo, a OTAN e a guerra

Diante da escalada belicista lanzamos a Plataforma Galega pola Paz, na que participa o noso Partido, para denunciarmos a falacia da autodefensa e a carreira armamentística en detrimento dos servizos públicos e para chamar a atención sobre o papel que está a xogar a OTAN.

O pasado 2 de abril presentouse públicamente a Plataforma Galega pola Paz para dar resposta desde Galiza á deriva belicista dos gobernos da UE e ao ambiente prebélico que se está alimentar xunto coa inoculación de medos irracionais ao noso pobo.

Como primeira medida convócanse concentracións para esta cuarta feira, 9 de abril, ás 19:30h nas sete cidades galegas. Así mesmo elaborouse un manifesto aberto á adhesión de novos colectivos e entidades e onde se explican as propostas e reivindicacións da Plataforma Galega pola Paz. (Ler aquí)

As entidades galegas asinantes deste manifesto, afirmamos que o único futuro real para a humanidade é a paz. Que o único futuro posíbel para o pobo galego é a paz. Mais non esa paz que nos receita o imperialismo, unha paz que asenta sobre o silencio das vítimas e se invoca en abstracto. A paz que nos dará un futuro é unha paz que aínda non existe, e que deberá ser construída sobre a derrota do imperialismo, das súas lóxicas unipolares e do seu brazo armado, a OTAN.