“Galiza pola Paz” convoca manifestación nacional contra o desfile militar en Vigo

A plataforma Galiza pola Paz, da que fai parte a UPG, convoca unha manifestación en Vigo este sábado 30 de maio con saída ás 12h da Via Norte en rexeitamento do desfile das Forzas Armadas españolas. Este desfile é un intento de branqueamento do belicismo e de xustificación do aumento do gasto militar e que vai en detrimento da nosa calidade de vida.

Baixo o lema ‘Paz e soberanía. Nin guerra, nin OTAN nin gastos militares. Non ao desfile militar’, desde a plataforma buscamos expresar o firme compromiso do pobo galego e vigués con valores como a paz e o antimilitarismo fronte aos tambores de guerra no mundo. Queremos denunciar esa maquinaria de guerra posta en marcha polo imperialismo que está dinamitando o dereito internacional e esnaquizando diferentes nacións e países como Palestina, Líbano, Iemen, Irán, Venezuela ou a ameaza actual sobre Cuba.

Alertamos ademais do rearme na Unión Europea, con máis de 800.000 millóns de euros destinados a alimentar a guerra e non a seguridade ou a defensa. Acusamos ao Goberno español e galego de complicidade con esa escalada bélica e do gasto militar que está a significar unha maior carestía da vida con repercusións no día a día. Todos eses recursos teñen que destinarse a gasto social, a defender as pensións, o ensino e a sanidade pública ou a dependencia.

Unha escalada bélica que, para Galiza pola Paz, nos encamiña a unha guerra global que van pagar as clases populares e traballadoras. Seremos os pobos quen poñamos os nosos corpos e as nosas vidas en risco, non os que deciden dende despacho. Expresamos tamén a solidariedade cos pobos agredidos hoxe no mundo polo imperialismo.

Por estes motivos, facemos un chamamento a encher as rúas de Vigo o sábado 30 de maio para contestar a esa deriva militarista cunha aposta por unha paz xusta e duradeira, que respecte a soberanía dos pobos, unha orde internacional baseada en normas e regras, e un dereito internacional digno de tal nome que hoxe está sendo dinamitado polas potencias imperialistas.

Listaxe de autobuses para ir á manifestación:

•             A CORUÑA: Saída ás 9h do Campo da Leña. Paradas en San Pedro de Mezonzo e Av/ da Vedra –á altura do local da CIG-. RESERVA DE PRAZA: 981 169 810. PREZO 5€

•             BAIXO MIÑO: Saída da Guarda ás 10.15h desde o Centro Cultural. RESERVA DE PRAZA: 986 610 465

•             FERROL: Saída ás 9h do local da CIG-Av de Esteiro. RESERVA DE PRAZA: ferrol@galizacig.gal, Tlf.: 981 358 750. PREZO 10€

•             OURENSE: RESERVA DE PRAZA: 676 611 848 // 988 782 726

    • 8.15h saída da Mezquita (Praza do Concello)

    • 8.30h saída da Agudiña (Gasolineira da Gudiña)

    • 9h saída de Verín (Aduana de Verín)

    • 9.20h saída de Xinzo (‘Antela’ estación de servizo)

    • 9.40h saída de Allariz (Restaurante Limia N-525)

    • 9.50h saída de Celanova (Repsol ‘Rante’)

    • 10h saída de Ourense (pavillón dos Remedios)

    • 10.20h Carballiño+ O Ribeiro (rotonda ‘Viña Costeira’)

•             PONTEVEDRA: Saída ás 10.30h desde o Pavillón dos Deportes. RESERVA DE PRAZA: 986 847 610 // 986 866 205. GRATUÍTO.

•             SANTIAGO: Saída ás 10h da explanada do Estadio Verónica Boquete. RESERVA DE PRAZA: compostela@bng.gal. PREZO 5€