‘Galiza pola Paz’, mobilizacións nas sete cidades este domingo 20 de marzo
A plataforma ‘Galiza pola Paz’, unha resposta galega ante o conflito bélico que se está a dar na Ucraína e composta por máis de 30 organizacións e colectivos, entre eles a UPG, convoca mobilizacións simultáneas, ás 12:00 horas, nas sete cidades para o vindeiro domingo día 20 de marzo, reclamando a fin da guerra e a aposta pola vía diplomática para resolver o conflicto.
A plataforma reitera o máis enérxico rexeitamento á intervención militar rusa en territorio ucraíno, reclamando a retirada inmediata das tropas rusas. Expresando ademais a plena solidariedade co sufrimento do pobo ucraíno e o de Donestk e Lugansk, e cos xa millóns de refuxiadas e refuxiados que está a provocar este conflito.
Volta á diplomacia
Xunto a isto fai un chamamento ao cesamento das accións de guerra e á volta á diplomacia como única vía para a resolución deste conflito. Nese sentido cómpre atopar o camiño para unha desescalada militar e unha política de paz, o que require apostar no diálogo, nos esforzos diplomáticos e no marco de organizacións como a ONU ou a OSCE, para lograr unha solución estábel sobre a base do respecto á soberanía dos pobos e a paz. Reclama o compromiso da non incorporación de Ucraína á OTAN, en consonancia cos acordos de Minsk, así como o recoñecemento das repúblicas populares de Donestk e Lugansk, respectando a súa vontade democrática.
A plataforma lamenta o papel que está a xogar a Unión Europea neste conflito, como monicreque dos intereses da OTAN e os EUA, e as declaracións ameazantes do portavoz da UE para Asuntos Exteriores, Josep Borrell, que crean aínda máis tensión. Nese sentido reclama que a Unión Europea deixe de enviar armas, de censurar medios de comunicación e de alimentar o conflito, e pase a ter un papel mediador e favorecedor dunha solución negociada.
Xunto a isto reclama a neutralidade activa do Estado español, a retirada inmediata das tropas españolas enviadas ao Mar Negro, Bulgaria, Letonia e Lituania seguindo directrices da OTAN e dos Estados Unidos, e o cese no envío de armamento á Ucraína porque, para contribuír á resolución deste conflito, ten que se reforzar a vía diplomática, non enviar ametralladoras.
Impacto económico na Galiza
A plataforma sinala ademais o impacto económico e social deste conflito tamén na Galiza, e moi especialmente sobre as clases populares. Un impacto derivado dunha crise que xa existía antes do inicio dos ataques militares, que agravou a guerra e que se plasma na carestía da vida, cunha suba brutal de prezos en produtos básicos de alimentación, nos combustíbeis, na electricidade, ou no gas, provocando o sufrimento e a desesperación na maioría do pobo galego, que mantén salarios e pensións moi por baixo da media estatal.
Por iso, resulta indecente que neste contexto haxa quen obtén inxentes beneficios económicos, nomeadamente os propios Estados Unidos ou as grandes empresas eléctricas, a costa do empobrecemento das maiorías sociais.
A plataforma manifesta ademais a súa solidariedade coas vítimas e cos millóns de refuxiadas e refuxiados que está a provocar o conflito da Ucraína, mais tamén coas de outras guerras e outros dramas na humanidade, todas elas merecentes de solidariedade, recoñecemento e apoio.
Por todo isto faise un chamado á solidariedade e á mobilización social participando nos actos convocados para o domingo día 20 ás doce da mañá, nas sete cidades galegas.
Información tirada da web da CIG.