Galiza quere galego

Ás 8 da tarde do luns a Mesa pola Normalización Lingüística encabezou unha manifestación virtual para reclamar ao presidente da Xunta que cumpra coas súas funcións e defenda a lingua de Galiza, sob o lema “Señor Feixoo: combata o coronavirus e non o galego”.

Milleiros de galegas e galegos acompañaron á Mesa cos cancelos #OGalegoNonMata e #RemovedeLimitations até convertela en Trending Topic en Twitter no estado español con máis de 16.000 interaccións; mentres que no Facebook e Instagram foron compartidas máis de 1.500 veces.

Este mércores, Queremos Galego concentrouse fronte ao Parlamento de Galiza, en Santiago de Compostela, para pedirlle ao presidente da Xunta que defenda a Galiza e galego da nova campaña contra o uso do galego como lingua vehicular no ensino que xurdiu nos últimos días a nivel estatal, a partir dun texto legal que di que “as administracións educativas garantirán o dereito do alumnado a recibiren ensino en castelán e nas demais linguas cooficiais nos seus respectivos territorios”.

“Menten e manipulan para atacar a oficialidade do galego”, asegura o voceiro de Queremos Galego e presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira, “ou é oficial unha lingua que non se permite como vehicular nas aulas?”. “Feixoo sabe que diga o que dixer a lei estatal”, engade Maceira, “quen pode regular o uso do galego é a Xunta e el mesmo decidiu unilateralmente impor por decreto graves restricións ao seu uso, contra todas as entidades do ensino, a sociedade e múltiples e masivas manifestacións e mesmo o Consello de Europa, a última vez en decembro do ano pasado”.

Todo isto cando na reforma da lei educativa se mantén o decreto contra o galego de Feixoo, denunciado por última vez en decembro por parte do Consello de Europa, que textualmente lle pedía que eliminara as trabas para a docencia en galego (remove the limitations of the teaching in Galician).