Gañar unha nova Galiza. XVII Asemblea Nacional do BNG.
Neste domingo, 7 de novembro, decorrerá no Coliseum da cidade da Coruña a XVII Asemblea Nacional do BNG sob o lema “Gañar unha nova Galiza”. Nela serán aprobadas as liñas de traballo para os vindeiros anos.
Esta Asemblea Nacional representa o fechamento dun ciclo político para o nacionalismo galego. O BNG está hoxe en disposición de dar un salto adiante histórico após ser quen de superar a complexa situación que tivo que enfrontar nos últimos anos. Dificultades e retos que o nacionalismo foi quen de superar en base ao traballo militante, a ter unha organización asentada no conxunto da nación, con capacidade de actuación e cunha dinámica de traballo social e mobilizador constante. Tamén, e fundamentalmente, por manter a coherencia política á hora de defender os principios ideolóxicos que dan sentido ao proxecto político, especialmente o da autoorganización, que foi posto en cuestión, e que finalmente revelouse imprescindíbel para a defensa da Galiza e do nosos intereses como pobo. O BNG, seguindo os acordos das últimas asembleas, mantivo unha liña soberanista clara e foi capaz de facelo sen caer en ideoloxismos e desenvolvendo un traballo de pedagoxía política a respecto da necesidade e do beneficio para o noso pobo de ter capacidade de decidir.
Na tese política presentada a debate pártese da análise xeral da situación global e no noso entorno máis directo, concluíndo que todo indica que no futuro inmediato se fará máis profunda unha situación económica e social difícil para as clases populares e para a nosa nación, polo que é preciso estarmos preparados para enfrontala adecuadamente, cunha importancia fundamental no traballo social e na dinámica mobilizadora. É preciso seguir mantendo a presenza activa do nacionalismo na conflitividade social, e non reducir o traballo político exclusivamente ao ámbito institucional.
En relación cos desafíos político que temos pola frente, sinálase a importancia das eleccións municipais como un chanzo imprescindíbel na consolidación organizativa e de presenza política e institucional do nacionalismo, para o que é fundamental ter un proxecto ben definido en cada localidade de que concello queremos e inserir esa proposta no proxecto nacional que defendemos e no que necesariamente ten que estar integrado.
A respecto da actuación no Parlamento Europeo sinálase que é preciso continuar desenmascarando a natureza realda UE, a que intereses responde e as repercusións negativas para a Galiza. E, ao mesmo tempo,mostrar a utilidade da presenza do BNG alí onde se tomen decisións que nos afectan como pobo.
No que ten a ver co Congreso, saliéntase a necesidade de continuar cunha liña clara de confronto co réxime da restauración borbónica, sen complexos e mostrando a súa verdadeira face, así como seguir mantendo unha dinámica de independencia de criterio para garantir a defensa coherente dos intereses da Galiza e de todos os galegos e galegas.
Nesta asemblea o nacionalismo coloca un dos obxectivos máis ambiciosos que teña marcado historicamente: presidir á Xunta de Galiza. A folla de ruta estabelecida pasa por reforzar a e alargar a organización, consolidar a presenza local e incrementar a representación municipal, asegurar a presenza con maior capacidade no Parlamento europeo, aumentar a representación no congreso e gañala no Senado e, xa en 2024, liderar a mudanza de rumbo do País desde o Goberno Galego.
Nesa perspectiva, sinálanse diversas cuestións importante. A primeira, ser conscientes de que no marco actual existen moitas limitacións para resolver algunhas das problemáticas que determinan a situación social, económica e política da Galiza e de que a correlación de forzas resultantes das próximas eleccións determinarán moito o campo de xogo. En segundo lugar, que a posíbel acción de goberno do nacionalismo terá que orientarse en dúas vertentes complementarias: xestionar ben e de maneira distinta e transformadora as ferramentas actuais de autogoberno, levando ao límite as competencias que permite o actual modelo -mesmo para pór en evidencia as súas limitacións, e, por outro lado, desenvolver un traballo político de superación do actual marco que permita dotarnos de ferramentas de decisión propias eavanzar no camiño da soberanía.
Máis para chegar a ese obxectivo será preciso desenvolver un intenso traballo previo, mantendo a liña política claramente soberanista dos últimos anos e que nos trouxo até aquí, e realizar un traballo de ampliación e alargamento pola base do corpo social nacionalista que permita achegar sectores sociais máis amplosao proxecto do nacionalismo e tamén asegurar un apoio popular sólido á futura acción de goberno.
Na tese organizativa márcanse como obxectivos “desconfinar”a organización após estes longos meses de confinamento e emerxencia sanitaria, mellorar o funcionamento organizativo, integrar adecuadamente a nova militancia no día a día da organización, aumentar a implantación territorial e avanzar nunha organización máis ecoloxista e feminista. Nesta Asemblea, e dando resposta a un mandato do Consello Nacional, desenvólvese un protocolo de actuación interno en caso de violencias machistas.
Así pois, unha Asemblea Nacional fundamental para fechar un ciclo político e abrir unha etapa de expansión do proxecto nacionalista no camiño da hexemonía social, sen renunciar aos principios, cunha dinámica de actuación social e institucional orientada a sumar máis pobo ao redor das propostas e liña política do nacionalismo. Para desenvolver todo este traballo, a militancia elixirá unha nova dirección nacional con capacidade e compromiso. Para iso foi presentada unha candidatura que conta co aval unánime do Consello Nacional saínte, encabezada pola compañeira Ana Pontón, e que temos a certeza que contará co apoio do conxunto da militancia.