Evolución histórica 1964-2009

A UPG é un partido comunista e patriótico que enlaza coa tradición política do galeguismo nacionalista previo á ditadura franquista que se inicia en 1936, ao partir da asunción teórica e práctica de que a Galiza é unha nación. Foi durante a fase de emerxencia da burguesía monopolista española na década dos sesenta cando apareceron síntomas de ruptura coa inactividade política e organizativa do galeguismo culturalista. Así xurdiu a Unión do Povo Galego (UPG), primeira organización desde a Galiza que pensa na solución do problema nacional galego desde unha perspectiva marxista.

Nace en 1964, momento no que non hai partidos nacionalistas galegos, xa fosen burgueses ou pequenoburgueses. É, pois, a primeira resposta organizativa do nacionalismo galego despois da Guerra Civil. A súa orixe, o campo que tivo que cubrir e a falta de continuidade organizativa do nacionalismo histórico anterior levaron a UPG a ter que promover alternativas a un tempo frontistas e partidarias.

O primeiro esforzo da UPG consistiu en procurar as conexións entre o nacionalismo e o marxismo, iso é, aplicar o marxismo á explicación política, económica e cultural dunha nación que considera colonizada, un dos criterios básicos da concepción que este Partido ten da Galiza. Pártese da tese de que os principais atrancos para o desenvolvemento da economía galega veñen provocados polas específicas relacións de dependencia que soporta a sociedade galega. Estas relacións de dependencia colonial determinan que a formación socioeconómica galega, ao servizo do modo de produción capitalista e, en xeral, do deseño globalizador-imperialista da Unión Europea (UE) cun capitalismo monopolista desenvolvido, cumpra a función de subministradora de forza de traballo, enerxía e materias primas sen transformar e capital. Precisamente, esta situación, caracterizada a nivel económico polo subdesenvolvemento, a dependencia e a desarticulación da súa economía cara ao exterior, complétase, a nivel social, pola ausencia da clase dominante autóctona, a nivel político, por non se autogobernar e, a nivel cultural, por ter a súa lingua e cultura nacional sen normalizar, dominadas.

Neste etapa histórica do imperialismo mundial, a UPG ten como obxectivo a consecución da liberación nacional da Galiza. Así pois, considera que transformación socioeconómica e política de Galiza necesita a alianza das clases populares, obreiros, campesiños, mariñeiros e sectores da pequena e mediana burguesía, fronte aos seus inimigos de clase; a grande burguesía monopolista dos Estados imperialistas e os seus aliados. Desta maneira, a loita de clases populares pola liberación da explotación de que son vítimas baixo o réxime do capitalismo colonial coinciden obxectivamente na fase histórica actual, e non son máis que as dúas caras do mesmo proceso. A UPG considera que a emancipación social só é viábel mediante a alianza das “clases populares” nunha Fronte de Liberación Nacional

OS PRIMEIROS CHANZOS

Nos primeiros anos da súa existencia, a UPG era sobre todo un grupo de formación e sensibilización ideolóxica nacionalista, con pouca acción sistematizada e escasa práctica a nivel social. Aínda que a actividade de axitación da UPG se notou xa durante os sucesos de Castrelo de Miño, na oposición á construción do encoro con que FENOSA inundou aquel val ourensán, así como en 1968 (Día da Patria Galega), 1969 (estado de excepción), etc., a primeira vez que deu unha resposta articulada a nivel galego consistiu na solidariedade cos folguistas procesados, detidos e asasinados no ano 1972 (folgas obreiras de Ferrol) durante a ditadura franquista.

Os anos 1972, 73 e 74 foron decisivos na conformación orgánica e ideolóxica da UPG como partido comunista, e tamén para a súa expansión por toda a Galiza. Coa aparición en 1974 da Xunta Democrática de España, que defendía para a Galiza o Estatuto de Autonomía do 36, a UPG mostrou a súa oposición a tal formulación, considerándoa desaxeitada por sucursalista, e ineficaz por colonialista, xa que non contemplaba o dereito de autodeterminación nacional. No terreo práctico, dirixiu os seus esforzos a levantar unha alternativa democrática, patriótica galega e anticolonial, que consistiu na promoción e creación en 1975 da Asemblea Nacional-Popular Galega (AN-PG). Esta organización serviu de rápida expansión social do nacionalismo popular e de aumento da súa capacidade de mobilización. Era a primeira formulación dunha fronte patriótica, alicerzada na defensa da soberanía nacional e do anticolonialismo. En 1975, a represión abateuse sobre a UPG co asasinato pola policía dun cualificado militante, Moncho Reboiras e o encarceramento e o exilio doutros. Reboiras comandaba un grupo operativo dedicado a aumentar a infraestrutura organizativa do Partido e orientado a protexer e reforzar os movementos e loitas populares contra as agresións dos monopolios.

A “TRANSICIÓN” ESPAÑOLA

Foi desde 1975, unha vez que existían claros síntomas de descomposición do réxime franquista, cando a UPG se viu na necesidade de facer política táctica para os tempos que se aveciñaban: organizar unha alternativa rupturista e nacional galega que non aceitase a reforma, nen unha transición pactada coas forzas do anterior réxime. A esta dinámica respondeu a aparición do Consello de Forzas Políticas de Galiza e o seu programa de Bases Constitucionais da Nación Galega (1976).

Fiel a este posicionamento, a UPG non aceitou a Constitución española (1978), por considerala antigalega, antinacionalista, antidemocrática e favorábel á economía dos monopolios. A Constitución española efectivamente representaba a negación radical do proxecto de Bases Constitucionais da Nación Galega, iso é, da soberanía do pobo galego e do dereito a un proceso constituínte proprio. Consagraba a unidade da patria española, a estrutura unitaria do Estado, impondo a alternativa de rexionalización e descentralización administrativa, vía Estatutos de autonomía, para neutralizar a loita de liberación nacional das nacións oprimidas. Institucionalizaba os valores ideolóxicos, culturais e sociais da burguesía dentro do que a UPG cualificou como democracia formal represiva, para abrir paso á integración española na Europa comunitaria.

Consecuentemente, a UPG opúxose ao réxime de concesión de Estatutos de autonomía. Tanto no proceso plebiscitario de 1978 (Constitución) como no de 1980 (Estatuto), a UPG defendeu o voto negativo nas urnas, formando parte no primeiro caso do Bloque Nacional-Popular Galego (BN-PG) e no segundo integrada na coalición do Bloque co histórico Partido Socialista Galego (PSG).

A posición antiimperialista da UPG foi clara desde os seus comezos, mais ficou perfilada sen nengunha ambigüidade, sobre todo, cando o proceso de reforma franquista comezou a andar. Foi, neste aspecto, sintomática a súa posición contraria á integración da Galiza na Comunidade Económica Europea (CEE) EN 1986, clarificada, cando menos, desde 1974, cando a UPG advertiu que os desequilibrios espaciais se agravarían coa política económica comunitaria, acentuándose así as diferenzas existentes entre as zonas máis ricas e as menos desenvolvidas. Desde entón, a UPG denunciou concretamente o proceso irreversíbel de agresión que a integración na CEE significaría para o sectores lácteo e pesqueiro e a industria naval galegas. Por outra parte, a súa denuncia centrouse en que o Mercado Común Europeo (MCE) era un organismo supraestatal de carácter imperialista, tanto no plano económico como no ideolóxico e o político, sen que se poidan negar as súas vinculacións co aparello militar da OTAN, organización á que, tanto antes como despois do referendo de 1986, a UPG continúa a se opor, defendendo a retirada do Estado Español da mesma. As razóns para a UPG son:

– Significa un compromiso formal co campo imperialista;

– Control das loitas de liberación nacional;

– Planos de militarización específicos para a Galiza polo seu especial papel xeoestratéxico;

– Aumento da presenza de bases estranxeiras na Galiza;

– Maiores gastos militares, claramente antisociais;

– Nuclearización e militarización da sociedade, así como o control das organizacións populares combativas.

Cumpre salientar o importante papel que desempeñou a UPG no proceso de restauración do uso público, oral e escrito da lingua galega desde o ano 72. Á súa actividade e conduta lingüísticas debéronse os primeiros pasos para rachar, contra vento e maré, coas normas de uso que facían do español o idioma formal e oral en mitins, escritos, asuntos de importancia, conferencias, intervencións en asembleas, etc. Así, apareceu o galego á luz pública especialmente en ambientes de estudantes, obreiros e traballadores do ensino. No transcurso do ano 72 ao 78, esta actitude obrigou a unha galeguización formal dos diferentes partidos políticos, especialmente da esquerda española. Pódese dicer que os logros idiomáticos están moi vinculados ao combate teórico práctico do nacionalismo, e concretamente da UPG.

A forma de transición á democracia burguesa no Estado español condicionou a táctica da UPG. Así, por exemplo, ante as primeiras eleccións xerais de 1977 tivo que recorrer a legalizar por medio de sinaturas unha coalición electoral, pois non fora aínda legalizada polo Goberno en xuño do mesmo ano, como tamén non o estaba a AN-PG. Foi deste modo como xurdiu o Bloque Nacional-Popular Galego. Como o demostran as teses aprobadas no I Congreso do Partido en 1977 celebrado ilegalmente na semiclandestinidade, a UPG comprendeu a necesidade de facer pasar ao primeiro plano a loita política, entendida como de organización e mobilización de masas, así como estar presente en todos os ámbitos da vida pública.

OS ANOS OITENTA. A CONSTITUCIÓN DO BNG

A celebración do Día da Patria Galega converteuse nun bo termómetro da súa capacidade de mobilización, cunha data especialmente senlleira, o 25 de xullo de 1978, cando máis de 25.000 manifestantes percorreron as rúas de Santiago en contra da autonomía por ser caciquil e colonialista, e a favor das Bases Constitucionais. En xullo 1980, a UPG, conxuntamente coa Mesa de Forzas Políticas Galegas, inicia un achegamento entre dous Partidos que iniciarían a restauración do nacionalismo na posguerra. Aliado o Bloque (UPG e AN-PG) co PSG, nas primeiras eleccións autonómicas celebradas en outubro 1981 conseguiu 62.000 votos e tres parlamentarios, Claudio López Garrido, Lois Diéguez e Bautista Álvarez, cando aínda non pasara un ano do intento de golpe de Estado do 23 de febreiro e despois dunha importante crise no seo do nacionalismo popular.

O 22 de novembro 1982, os deputados do Bloque-PSG foron expulsados do Parlamento Autonómico ao lles ser aplicado retroactivamente un regulamento que obrigaba, por decisión de AP, PSOE e UCD, a prestar promesa ou xuramento de acatamento e fidelidade á Constitución española e ao Estatuto de Autonomía, ao cal se negaron os nacionalistas. En outubro 1982, o Bloque-PSG concorreu ás eleccións xerais na que había de ser a última alianza entre estas forzas políticas. Débese ter en conta que xa en abril do ano 82 a AN-PG aprobara nun plenario a reformulación da fronte patriótica que foi promovida, entre outros, pola UPG. De aí xurdiu o actual BNG (Bloque Nacionalista Galego), conformado en base á militancia con que contaba a AN-PG, coa UPG, independentes, Estudantes Revolucionarios Galegos (ERGA) e o Colectivo Socialista, sector do PSG que decidiu colaborar na construción desta fronte nacionalista. O BNG concorreu ás eleccións municipais no 1983, obtendo 120 concelleiras e concelleiros e 5 alcaldías. Tras a obrigada e imposta ausencia dos deputados nacionalistas durante tres anos do Parlamento Autonómico, o BNG conseguiu 53.000 votos e un deputado nas eleccións autonómicas de 1985. A UPG, pola súa parte, reconsiderou nun Congreso extraordinario a súa posición táctica a respeito da promesa ou xuramento de acatamento e fidelidade á Constitución e o Estatuto por considerar que, de non facelo, se porían en xogo outras necesidades do nacionalismo popular, sen que iso significase a súa aceptación teórica ou práctica. A mesma decisión tomouna o BNG, tamén nunha Asemblea extraordinaria celebrada en Santiago en decembro 1985.

Cumpre resaltar o importante papel desempeñado pola UPG na promoción e desenvolvemento de organizacións de masas nacionalistas, sindicais, estudantís e culturais (SOG, UTEG, ERGA, CCLL, etc.) nos últimos anos do franquismo. Precisamente a partir de xermes sindicais da clandestinidade, creouse a ING (Intersindical Nacional Galega), primeira central sindical nacionalista que existiu na Galiza. Especialmente entre 1976 e 1980, o sindicato Comisións Labregas realizou as maiores mobilizacións labregas de posguerra: mobilizacións e boicot contra a cota da Seguridade Social Agraria, folga polos prezos do leite, contra as agresións dos monopolios, etc.

OS PRINCIPIOS POLÍTICOS E DE ORGANIZACIÓN DA UPG

A UPG basea o seu programa e guía a súa acción política nos principios do Materialismo Histórico e da Dialéctica, aplicándoos de xeito creativo ás condicións concretas da Galiza. Partindo das realidades do noso proprio país, o Partido toma en consideración a experiencia histórica do movemento obreiro e antiimperialista internacional e enmarca a súa teoría e práctica nos principios ideolóxicos e políticos de Marx, Engels e Lenin, ao tempo que incorpora o ideario político de Castelao e dos precursores do nacionalismo galego que loitaron pola consecución dunha patria soberana e liberada da opresión nacional.

A UPG réxese, como partido comunista, polos principios do centralismo democrático. O seu I Congreso celebrouse en agosto de 1977 na ilegalidade e con persecución gobernativa, xa que non foi legalizada polo Goberno até xullo de 1978. Bautista Álvarez, un dos fundadores do Partido, foi Presidente da UPG desde a celebración do I Congreso (1978) até a celebración do XII Congreso en 2008, sendo relixido nos distintos cónclaves partidarios.

O máximo órgano de dirección da UPG é o Comité Central, cun Secretariado Político encargado do seguimento diario da actuación política. Ademais dos organismos de base (Asembleas Comarcais), para o seu traballo sectorial e nas organizacións de masas a UPG dótase de Comisións (sindical operaria, agraria, das mulleres, cultural, etc.). Existindo tamén unha organización xuvenil, a Unión da Mocidade Galega (UMG), creada en 1977 e que ten unha estrutura autónoma, mais ideolóxica e politicamente ligada ao Partido

Dos acordos e resolucións tomados en cada Congreso fanse publicacións. A UPG promoveu a constitución dunha Fundación dedicada ao estudo sobro o movemento nacionalista galego. Naceu en 2004 cadrando coa celebración do corenta aniversario da constitución da UPG. Ten o nome de “Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas”, sendo o cofundador do Partido, Bautista Álvarez o seu Presidente. A revista “Terra e Tempo” editada desde o ano 1965 pola UPG pasa a publicarse, desde o 2004, baixo a responsabilidade da Fundación.

Como partido nacionalista e comunista que é a UPG considérase internacionalista parte do movemento antiimperialista mundial, solidarizándose cos distintos procesos de edificación do socialismo, respeitando as peculiaridades de cada un. Ademais, como partido dunha nación sen estado, a UPG expresa a súa solidariedade con todos os pobos que loitan pola súa autodeterminación.

A UPG sempre foi unha forza política que tiña como misión lograr a unidade e acción conxunta do nacionalismo galego en coherencia co principio de autoorganización, polo que desde os primeiros momentos da (re)fundación do BNG en outubro 1982, a UPG apostou claramente pola expansión e consolidación da Fronte. Así, no seu IV Congreso celebrado en decembro 1983, inmediatamente despois da constitución do BNG, proponse:

•          Consolidar o BNG, participando decididamente no mesmo e asegurando o seu funcionamento, en especial, de órganos como os Consellos comarcais. Así como fomentar a actividade de base, co fin de aumentar a incidencia social, actividade que ten unha especial importancia nas cidades e vilas grandes;

•          Conseguir definitivamente a participación activa de todos os sectores que están hoxe no BNG, aumentando o compromiso que teñen con el. Atraer persoas e colectivos que se identifiquen coa Fronte, cunha política de afiliación;

•          Consolidar, desde o BNG, un traballo efectivo en todos os campos políticos, desde o veciñal, sindical, institucional ao ecolóxico, xuvenil, ao pacifismo, que teñen unha fonda importancia no crecemento da consciencia antiimperialista e nacional. Fomentar campañas de mobilización para descubrir conflitos encubertos que deben pór en contradición tanto o poder central como o autonómico.

A UPG reafirma que a participación nos procesos electorais, tanto municipais ou autonómicos como estatais, hai que enfrontala como Bloque Nacionalista Galego.

O V Congreso, celebrado en 1986, fai un repaso da política fraudulenta do goberno do PSOE para coa Galiza así como as consecuencias previstas para a nación debido ao ingreso de España na CEE (Comunidade Económica Europea). Particularmente activa foi a función da UPG na identificación e conseguinte mobilización social, dos problemas e consecuencias que para a Galiza traía a entrada do Estado español na Comunidade Económica Europea e na OTAN, sendo o nacionalismo galego a única formación política que definiu claramente toda a negatividade económica, cultural, social e política que este ingreso ía supor para a nosa nación, como o tempo se encargou de confirmar.

A CONSOLIDACIÓN TEÓRICA E O AVANZO DO NACIONALISMO FRONTISTA

O VI Congreso baixo o lema “25 anos ao servizo da Galiza”, celebrado en xaneiro 1989, ratificou o valor do BNG non como unha alianza electoral conxuntural, senón como unha alianza social que ten como fin a soberanía da Galiza. Defínese o papel da UPG como instrumental, aglutinador e dinamizador ao servizo do BNG para este ser influente e decisivo na sociedade galega. Na orde internacional, o noso Partido alertou do empeoramento para a vida dos pobos da antiga URSS e doutros moitos pobos do mundo que ía supor a disolución deste bloque dos países do Leste e a súa depredación a mans do capitalismo imperial, desaparición que levaría –como a historia confirmou– ao medro e poder do modelo dos EUA e satelización dos Estados da Europa Occidental., supondo un retroceso para a loita da clase traballadora e dos pobos a nivel mundial ao se estabelecer un sistema unipolar dominado polos EUA. En decembro de 1989, o BNG consegue, por primeira vez, grupo parlamentar propio no Parlamento galego.

En 1996, por vez primeira, o nacionalismo galego obtén representación no Congreso dos Deputados, con Francisco Rodríguez e Guillerme Vázquez, polas circunscricións electorais da Coruña e de Pontevedra respectivamente. A UPG contribuíu, con toda a súa militancia e o seu traballo, para un obxectivo político fundamental, nomeadamente o de completar a representación do nacionalismo galego en todas aquelas institucións nas que, por acción ou por omisión, se dirimen intereses galegos, por tradición reaccionaria e españolista ausentes, durante longo tempo histórico, dos intereses ‘xerais’ do Estado.

As Resolucións Políticas do IX Congreso, celebrado en 1997, daban fe dunha novidade que comezaba a se perfilar na estrutura plurinacional do Estado: a Galiza existía grazas á acción do nacionalismo galego. Prevíamos xa daquela como para a Galiza a solución non residía no relevo no poder de partidos españois, senón na diferenza incontornábel no punto de partida: servir ou non as necesidades da sociedade galega, reivindicar o que é noso, non aceitar o que nos aplican. A esta altura, a UPG era consciente de que todos os logros conseguidos polo nacionalismo até aquel entón non podían obviar o facto de a existencia da Galiza e o seu dereito a existir na práctica presentaren serios problemas para a política dominante no Estado e na Unión Europea. Por iso, o nacionalismo galego foi pioneiro na exixencia da reforma da Constitución española para tornar efectiva dunha vez a democratización do Estado, en termos de recoñecemento dos dereitos colectivos e das nacións que o compoñen. Brilla máis unha vez o movemento nacionalista galego –e, dentro del, a UPG– na diagnose duns poderes públicos, no Estado e nas institucións europeas, entregues ao poder das multinacionais, dos monopolios, das grandes corporacións financeiras, etc., creando unha situación moi lesiva para sectores vitais da economía galega como a pesca, a agricultura e a gandaría ou a construción naval, para alén de tornar residuais e marxinais a nosa lingua e cultura.

Despois de gobernar a Galiza, practicamente de xeito ininterrompido desde o fin da Ditadura, no ano 2005 a dereita perdeu o poder e o BNG entrou no Goberno galego nunha coalición co PSOE, sendo o socio minoritario da coalición e, por tanto, nunha situación complexa, mais considerada por parte da UPG como necesaria para poder iniciar a mudanza na situación económica e social do país. Así, no XI Congreso (2005), avalíase a necesidade premente dun cambio de fundo en moitas das políticas económicas, sociais, lingüísticas e culturais que se aplicaban desde a Xunta de Galiza, mesmo que a presenza do nacionalismo nas institución autonómicas non colmara, nen de lonxe, os nosos obxectivos. A coalición non renovou a maioría parlamentaria nas eleccións de marzo de 2009. O último congreso realizado, o XII, en novembro de 2008, indicaba que a valoración en liñas xerais positiva da acción de Goberno das áreas de xestión nacionalista, non era impedimento para inaprazábeis e importantes cambios na nosa actuación de Goberno.

Outros dos aspectos salientábeis analisados nas resolucións congresuais é o referido á posición crítica do nacionalismo galego respecto da Unión Europeas. Considérase que a actual UE, antes CEE e orixinariamente MCE, está articulada de xeito que unha nación como Galiza vese perxudicada nos sectores básicos da súa economía. Asó o Tratado de Lisboa, que simplifica todos os tratados anteriores, procura dar unha lexitimidade a unha UE que representa basicamente a garantía de desenvolvemento do capital transnacionalizado de orixe europea, isto é, un mercado común con moeda única como fundamento principal; sendo un proxecto preferentemente economicista e transnacionalizador.

O NACIONALISMO COMO ALTERNATIVA Á GLOBALIZACIÓN

O Nacionalismo non pode ser outra cousa que o pólo oposto do imperialismo, por defender valores xustamente contrarios aos devanditos, mesmo por simples subsistencia económica, social e cultural da nación, como tan ben teñen definido os nacionalistas galegos desde as orixes. O Nacionalismo é, xa que logo, o pólo oposto, positivo: o da igualdade recíproca, o do respeito á diversidade como factor positivo por si proprio, o das relacións pacíficas e amigábeis, non opresoras: o defensor dun auténtico Internacionalismo, o defensor do todos os elementos que poden elevar o conxunto dos povos e nacións concretos á humanidade. No caso de Galiza o nacionalismo é, ademais, a expresión política das clases populares, entendidas estas como a clase operaria, as e os traballadores do agro e do mar, e a pequena burguesía.

O nacionalismo significa o esforzo por superar a irracional e inxusta situación presente, como consecuencia do dominio abafante, inhumano, do pólo negativo, do imperialismo económico, social e cultural, do capitalismo oligopolista-financeiro, e as súas derivadas de explotación, desigualdade, homoxeneización e uniformismo cultural, e militarismo destrutor, que pon en perigo de maneira acrecentada o mesmo futuro da humanidade.

En correlación co anterior, un dos elementos fundamentais para facermos realidade o Direito a Viver, a Producir e a Traballar na Galiza consiste na superación das restricións vixentes no ámbito político competencial estatal, de maneira que Galiza dispoña de plena capacidade sobre as políticas económica, financeira e social. Estas restricións constitúen o freo máis importante para o seu desenvolvemento económico e social. Limitan, cando non impeden, a realización das potencialidades plenas dun uso racional dos seus recursos naturais, produtivo-sectoriais e sociais, que, á súa vez, impeden a expansión, diversificación e modernización da súa estrutura empresarial, a densificación das relacións intersectoriais, a realización na Galiza das cadeas de valor sectoriais no grau máximo posíbel, -cerramento de ciclos produtivos-, fundamentalmente naqueles elos que achegan un maior valor engadido e empregos de maior cualificación, a corrección dos acusados desequilibrios espaciais. En definitiva, impeden facer posíbel, non utópico, o obxectivo de plena ocupación en postos de traballo de calidade da súa povoación traballadora e a elevación dos níveis salariais, superando a situación actual que non fai outra cousa do que consolidar o atraso relativo do noso país, para mostrárennos así, como antes, agora, logo, e sempre, “incapaces por natureza” de converxermos e superarmos os resultados alcanzados nos espazos estatal ou europeu.