Reseña biográfica

Bautista Álvarez naceu o ano 1933 en Loucía, pequena aldea da parroquia de Lás, no concello de San Amaro, perto do Carballiño. É o menor de tres irmáns dunha familia de modestos labregos.

Aos 10 anos ingresa no Seminario de Ourense, onde estudou Humanidades e Filosofía. O acceso a publicacións chegadas da diáspora arxentina e textos sobre o Estatuto de 1936 xunto coa represión lingüística alí vivida, servironlle para consolidar unhas teorizacións que até ese momento viñera interpretando como achádegos ideolóxicos meramente persoais. Posteriormente trasladase ao Barco de Valdeorras.

Participa como membro fundador da Unión do Povo Galego (UPG) o 25 de Xullo de 1964, sendo un dos que redactaría os famosos “10 puntos” programáticos. Nestes primeiros anos de vida a UPG era sobre todo un grupo de formación e sensibilización ideolóxica nacionalista centrado en Vigo e en Madrid especialmente.

No 1965 parte para Madrid, onde fai o servizo militar e inicia estudos de Filosofía e Letras na Complutense. É aquí onde entra en contacto coa colonia galega, na maioría estudantes. Será membro cofundador do grupo “Brais Pinto” de Madrid. Foi promotor e presidente do Seminario da Cultura Galega do Clube de Amigos da Unesco de Madrid.

A principios de 1973 transladase a Vigo, entrando a traballar nunha empresa d´O Porriño. Nesa altura pasa a formar parte –dentro da clandestinidade política- do Comité Executivo da UPG. Perseguido durante varias veces polas forzas represivas, durante o estado de excepción de 1969 ingresa na prisión de Carabanchel, acusado de manter ideas “separatistas marxistizantes”. Morto o ditador é detido por participar nunha manifestación pro-amnistía en Vigo, no mes de decembro de 1976. Durante 1977, ademais de permanecer 15 dias no cárcere de Vigo e de ser procesado polo Tribunal da Orde Pública (TOP), pasou polos cuarteis da Garda Civil de Cangas, Verín e Pontevedra, tendo como consecuencia das bárbaras torturas sofridas unha rotura de costela. Presidente da Asociación Cultural de Vigo de 1975 a 1978. Sobre temas culturais e literarios ten colaboracións en varias revistas de ámbito estatal, destacando un ensaio sobre “Os vellos non deben de namorarse” de Castelao, na revista Primer Acto. Sobre temas políticos son inumerábeis os artigos publicados en diversas publicacións nos últimos 30 anos.

A fins de agosto de 1977, durante a celebración do Iº Congreso da UPG resulta electo Presidente, data desde a que é reelixido nos sucesivos congresos até a celebración do último, o XII, en novembro de 2008 no que expresa o seu desexo de non candidatarse. Así mesmo formou parte ininterrumpidamente dos órganos de dirección deste Partido até o devandito Congreso. Así mesmo participou na fundación do Bloque Nacionalista Galego, sendo membro da súa Comisión Permanente desde 1982 até o 2002.

Pronunciou conferencias sobre temas do país en numerosas asociacións da Galiza e do extranxeiro. Entre elas destacan as pronunciadas en Madrid, Barcelona, Xenebra, Zurich, Basilea e Rotterdam. Participou en simposios de política internacional do BNG, como na fundación da CONSEO (Confederación de Organizacións de Nacións sen Estado de Europa Ocidental) en decembro de 1985, representou por dúas veces ao BNG na London Dumping Convetion, na que se debateu o tema dos verquidos radiactivos na fosa atlántica a meiados dos 80.

Nas primeiras eleccións ao Parlamento galego celebradas o 20 de Outubro de 1981 sae electo deputado pola circunscrición da Coruña, sendo expulso do Parlamento, xunto cos compañeiros da coalición electoral Bloque (AN-PG/UPG)-PSG, Lois Diéguez Vázquez e Claudio López Garrido por negarse a prestar xuramento á Constitución española de 1978, con carácter retroactivo, pois xa levaban varios meses exercendo o seu labor como representantes nacionalistas. Volverá a resultar electo deputado pola circunscrición de Pontevedra na IIIª, IVª, Vª e VIª lexislatura. Sendo Vice-secretario da Mesa do Parlamento na IVª e Vice-presidente segundo na Vª.

No ano 2004, cadrando coa celebración do 40 aniversario da constitución da UPG, este Partido promove a constitución da Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas, que pasa a presidir desde o primeiro momento. Así mesmo son variados os recoñecementos á súa traxectoria intelectual e de compromiso social e político desde diversas instancias do país; un dos máis salientábeis foi o lograr o Iº premio Manuel María á dignidade nacional, entregado en marzo de 2006. Durante os últimos anos participa como conferenciante por diversos puntos da xeografía galega e escribindo artigos de actualidade e pensamento político.

Faleceu o 16 de setembro de 2017 en Beariz aos 84 anos de idade. Centos de camaradas, compañeiros e compañeiras, amigos e amigas despedímolo na terra que o veu nacer,  ao pé do castro de San Cibrao de Las en San Amaro. No momento en que Bautista Álvarez nos abandona fisicamente, a Unión do Povo Galego quere destacar a coherencia política que marcou toda a súa vida en defensa da causa da independencia nacional da Galiza e o socialismo. Temos a certeza de que as persoas como Bautista nunca morren, pois permanecen na memoria e no corazón do povo, no corazón da nosa Patria. Até a vitoria sempre, camarada.