Homenaxe a Lois Obelleiro

Cando se fan dez anos do pasamento do noso camarada Lois Obelleiro, os seus compañeiros e compañeiras de Soutomaior teñen organizado un acto de homenaxe na súa memoria. O acto terá lugar no sábado 24 de febreiro, ás 20 h. no Multiusos de Arcade, e nel será presentado o libro “Lois Obelleiro: compromiso e loita”. Posteriormente, ás 20 horas, decorrerá una cea no Castelo de Soutomaior (Prezo 25€, anotarse antes de 21 de febreiro no tlf: 986 866 205, no correo electrónico pontevedra@bng.gal ou no whatsApp: 620 263 802).

Para a Unión do Povo Galego Lois Obelleiro será sempre una figura senlleira, merecedora de recoñecemento e un exemplo a seguir de compromiso, amor á terra e camaradería. De seguido lembramos dunha forma resumida a súa traxectoria biográfica e política. Aínda que non sexa posíbel recoller a súa extraordinaria personalidade, máis alá da súa traxectoria intelectual e política, queremos destacar a súa calidade humana caracterizada pola súa afabilidade, os seu bo carácter e trato persoal e a súa responsabilidade e sacrificada entrega persoal ás causas nas que cría.

Lois Obelleiro Piñón naceu en Arcade (Soutomaior) no ano 1953, finando no 21 de febreiro de 2008 e deixando un oco moi grande, insustituíbel tanto a nível persoal como intelectual e político, só atenuado pola lembranza da súa traxectoria vital e polo recoñecemento que a historia dá e sempre dará á súa persoa.

Doutorouse en Xeografía e Historia pola Universidade de Santiago. Impartiu aulas en varios institutos sendo o último o IES Torrente Ballester de Pontevedra. Mais, para alén da súa actividade profesional como ensinante colaborou en múltiplos traballos de material didáctico e varios libros sobre a historia de Galiza.

Entre as súas obras podemos destacar Soutomaior. 1700-1936. Aproximación á historia local (1994), As escolas de fundación no Concello da Lama (1998), Historia de Galiza (1991) e Historia Xeral de Galiza (1997) como coautor. A súa última obra foi As escolas de fundación en Galiza. Unha necesidade social de alfabetización (2007).

Con Francisco Carballo levantou a colección de Historia de A Nosa Terra, formando parte do seu Consello Asesor.

Completamos esta biografía coa traxectoria política de Lois Obelleiro, dilatada a pesar da súa prematura morte, e densa por estarmos a falar dun home que achegou o máximo cuantitativa e cualitativamente ao nacionalismo galego en practicamente todas as súas frontes.

Lois Obelleiro iniciou novo a militancia patriótica pois no ano 1974 comeza a traballar na formación e consolidación do Sindicato Obreiro Galego (SOG) e da Intersindical Nacional Galega (ING), especialmente en Soutomaior e nos concellos veciños. Nese ano de 1974 comeza tamén a súa militancia na UPG, militancia que mantivo toda a súa vida. Aliás, foi membro do seu Comité Central e do seu Secretariado Político.

Desde cedo implicouse como activista en diferentes conflitos sociais e participou activamente na creación e consolidación da AN-PG, do BN-PG, da coalición Bloque – PSG e do BNG. No BNG foi membro do Consello Nacional e da Permanente, Secretario de Organización e de Política Municipal e representante do BNG no Consello da CRTVG. Exerceu como concelleiro nacionalista na corporación municipal de Soutomaior entre 1979 e 2000.

Tamén foi membro do Padroado e Secretario da Xunta Directiva da Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas.