Contra o imperialismo, pola paz e a soberanía dos pobos. Non á OTAN!

Desde os seus inicios, o nacionalismo popular galego ten como un dos seus principios fundacionais o pacifismo, o antimilitarismo, a defensa da soberanía dos pobos e o antiimperialismo. 

Trinta anos após o fin da Guerra fría e desaparecido o “inimigo” que teoricamente xustificaba a súa existencia(o pacto de Varsovia), a OTAN non só se mantivo senón que se enmarcou nun proceso continuado de reforzamento e ampliación para o leste. Isto é un elemento máis que confirma a verdadeira natureza desta organización, ser unha ferramenta agresiva ao servizo do grande capital e do imperialismo.

Nun momento histórico en que a hexemonía mundial dos EUA está sendo posta en cuestión e o  capitalismo globalizado busca seguir mantendo os seus niveis insustentábeis de lucro a base de explotar os pobos e as clases traballadoras, é a OTAN -a organización militar máis grande do planeta-o instrumento con que o imperialismo pretende manter esa hexemonía por medio da permanente inxerencia, a intervención e o conflito militar.

Neste momento estamos asistindo a un indisimulado lavado de imaxe da organización militar por parte dos grandes poderes económicos e as súas terminais mediáticas, que pretenden agochar esta realidade, adormecer posicións críticas e deslexitimar calquera intento de confrontación ideolóxica e social con este reimpulsado atlantismo.

Frente a isto o noso Partido, como o conxunto do nacionalismo popular galego denuncia, máis unha vez, os verdadeiros obxectivos da OTAN e continúa a defender a solidariedade internacionalista, a soberanía dos pobos e a solución pacífica dos conflitos e, por tanto, a rexeitar a militarización das nosas sociedades e da política internacional que favorecen a expansión imperialista.

En consecuencia, perante a realización os próximos 29 e 30 de xuño da Cimeira da OTAN no Estado español, a UPG súmase a todo o movemento social crítico con este encontro e nomeadamente ás mobilizacións e actividades organizadas pola Plataforma Galega contra a OTAN. Animamos toda a nosa militancia a participar nestes actos a comezar polo apoio, popularización e asistencia á “Contracimeira Galega. Galiza Contra a OTAN” que decorrerá neste domingo 19 de xuño na Nave de Vidán en Compostela a partir das 9:30h.

Contra o imperialismo, pola paz e a soberanía dos pobos. Non á OTAN!