Impulsar a mobilización social e o avance do nacionalismo

As chaves do documento aprobado polo Comité Central da UPG

O Comité Central da Unión do Povo Galego (UPG) vén de aprobar en reunión plenaria un documento en que sintetiza as liñas de traballo e prioridades políticas da súa militancia para os próximos meses. O documento analiza a intensa conflitividade social e política, que se estende ao longo e largo da Galiza, que está a marcar a axenda política do País e debe ser tomada como prioridade nesta etapa e neste contexto.

Estamos a falar dunha conflitividade que se articula arredor de varios eixos evidentes: o espolio colonial que padecemos, a lingua, os servizos públicos, o autogoberno e unha situación internacional a cada día máis perigosa. A isto hai que engadir a vaga de incendios que padeceu o noso País no mes de agosto e que pode aínda reproducirse no outono, dependendo das circunstancias.

Trátase, segundo a análise do Comité Central, dunha conflitividade social de tal amplitude que coloca mesmo a proba a capacidade de resposta, organizativa, propositiva e de liderado do nacionalismo galego. Con todo, saliéntase que fomos capaces até agora de manter a iniciativa e xogar un papel determinantes nos procesos de mobilización que está a vivir o País. Mesmo así, é preciso (re)activar o conxunto da militancia do Partido e do nacionalismo para atender adecuadamente a situación, garantindo os obxectivos políticos e organizativos, evitando no posíbel o desgaste que pode implicar que o éxito de os procesos mobilizadores recaia no voluntarismo dun grupo reducido de compañeiros e compañeiras.

Nese sentido, tal e como ten analizado o Secretariado Político e dentro das melloras organizativas acordadas no último Congreso do Partido, cómpre que continuemos a despregar maiores esforzos na planificación do traballo político (social e institucional) a desenvolver, cunha axeitada temporalización, asignación de responsabilidades concretas e tamén un efectivo seguimento e avaliación da execución dos acordos. Para iso debemos sistematizar, quer a nivel nacional quer a nivel sectorial e territorial, plans de traballo periódicos que a partir das liñas de acción trazadas concreten o seu desenvolvemento, atendendo ás condicións e capacidades organizativas de que dispuxermos.

En relación coa  vaga de incendios que acabamos de vivir, o documento do Comité central subliña que permitiu visualizar como o nacionalismo pode e debe combinar a actuación institucional -crítica e propositiva- coa resposta social organizada que xere conciencia social ao tempo que pode actuar de panca para a necesaria mudanza de políticas nese ámbito. Tamén que é preciso actuar con axilidade diante dos conflitos, buscando o momento certo. Mesmo asumindo que neste caso se debeu actuar de maneira máis áxil, a mobilización social foi exitosa, non só pola elevada participación, senón tamén porque do punto de vista discursivo (propostas e exixencia de responsabilidades políticas) foi por diante e marcou mesmo o camiño da actuación institucional.

En todo o caso, en relación cos incendios, o CC entende que é preciso estender unha análise e valoración apoiada en tres elementos.

En primeiro lugar, lonxe de entrar no xogo das forzas estatais arredor da mudanza climática, é preciso sinalar as outras causas estruturais que favorecen a extensión e dimensión dos fogos forestais que vivimos: inadecuada ordenación do territorio; políticas en relación co sector agro-gandeiro que propiciaron o abandono do rural; falta de servizos adecuados que incidiron na mesma dirección; políticas forestais que favorecen o monocultivo de especies de crecemento rápido e, especialmente, o eucalipto, en vez de impulsar un monte multifuncional, coidado e rendíbel…

É innegábel que as alteracións climáticas agravan unha situación que ten detrás causas como as citadas, para alén das escasas medidas de prevención despregadas e dun operativo de extinción insuficiente e mal coordinado. En todo o caso, debemos denunciar o negacionismo climático mais tamén o uso demagóxico que da mudanza climática están a facer PSOE e PP, especialmente este último, para presentar os incendios como inevitábeis e tentar ocultar as súas responsabilidades políticas.

En segundo lugar, é necesario estarmos alerta frente á tentación do españolismo, mesmo da ‘esquerda’ española -gobernante ou non-, de aproveitar esta situación para unha nova volta de rosca re-centralizadora, que xa se apreciou nas críticas á “descoordinación entre operativos autonómicos” e nas reclamacións do PP a que o Goberno español se fixese cargo de todo, e que se enxerga tamén detrás de propostas do PSOE como o chamado a un “Pacto de Estado contra a Mudanza Climática”. A mensaxe que tentan que chegue á cidadanía é sempre a mesma: “Madrid xestiona mellor”.

En terceiro lugar, é preciso aproveitar a sensibilización producida arredor dalgunha das causas dos incendios como o monocultivo forestal ou as alteracións climáticas para tombar definitivamente o proxecto de Altri na Ulloa, que iría precisamente provocar maior eucaliptización, polución e perda de biodiversidade, e tamén para remarcar o carácter urxente e imprescindíbel dunha moratoria inmediata e indefinida á autorización de novas plantacións.

En relación co espolio colonial, o documento recolle que a preocupación da militancia do Partido e nacionalista debe ser como mellor contribuír para articular as diferentes loitas sectoriais (eólica, mina de Touro-O Pino, Altri,…) para lle dar dimensión global, contido político e sentido de País á resposta frente ás agresións que a Galiza está a padecer, alimentadas tanto desde a dereita como da esquerda española, neste caso utilizando de maneira demagóxica o “impulso á enerxía renovábel” para “loitar contra a mudanza climática”, mais sen cuestionar en absoluto un modelo que na realidade non está ao servizo do pobo galego, senón de España e das grandes empresas do sector eléctrico.

Ademais, considérase urxente comezar a articular a resposta á nova vaga espoliadora e extractivista da minaría, que se xustifica pola necesidade de metais críticos para as exixencias tecnolóxicas mais tamén, de forma descarada por parte da UE e do Goberno español, para a escalada belicista e a nova corrida armamentística.

En relación coa lingua, o Comité Central entende que co fin de converter o obxectivo da normalización en elemento central da nosa acción política, social e institucional -tal e como temos colectivamente decidido-, cómpre dedicar os máximos esforzos a crear e dinamizar unha máis sólida e estábel estrutura local e comarcal do movemento normalizador, que sexa quen de actuar desde a base, xerar conciencia lingüística e agrupar todas as persoas e entidades que a nivel local estean dispostas a defenderen o idioma nacional.

Iso na práctica concrétase no apoio a todas aquelas iniciativas lanzadas pola Plataforma Queremos Galego -a comezar polo “proceso social Lingua Vital”- coa finalidade de obter a maior incidencia e participación social posíbel. Temos analizado que este ámbito -o da reivindicación popular- resulta decisivo mesmo para provocar mudanzas de políticas no plano institucional.

Aliás, achamos que é imprescindíbel unha actuación práctica máis decidida e continuada no ámbito institucional municipal en relación co uso e normalización da nosa lingua, especialmente onde o nacionalismo goberna, mais tamén onde estamos na oposición e temos capacidade de incidir. Diante dun PP que xa dá, erradamente, por amortizada a resposta social diante da crítica situación da nosa lingua mostrada polos últimos datos do IGE co seu falso “Pacto pola Lingua”, consideramos que o nacionalismo galego debe persistir en facer da cuestión lingüística un elemento central da súa axenda política, achegando con audacia e determinación, para alén da denuncia, alternativas concretas coas que avanzarmos para a plena normalización do galego con políticas inmersivas, para o que garantir o seu carácter vehicular no ensino é fulcral.

Aliás, O Comité Central considera que cómpre manter a máxima coherencia persoal posíbel no uso da nosa lingua, incluíndo a galeguización dos nomes propios e a restauración dos apelidos deturpados, polo que chama a militancia do Partido a dar exemplo neste ámbito.

En relación cos servizos públicos, o CC constata que están a decorrer mobilizacións que resulta esencial impulsar, como o nacionalismo veu facendo. No ámbito do ensino, coa resposta aos recortes e a folga xeral lanzada pola CIG-Ensino, que debe ter continuidade. Mais tamén, coa contestación aos intentos de censura ideolóxica do Goberno do Partido Popular, en defensa dun ensino galego adaptado á nosa realidade, crítico, comprometido co País e coa nosa lingua. A normalización do galego no ámbito educativo debe tornarse, como xa se sinalou, unha prioridade.

No ámbito da sanidade, achamos vital atender as protestas e mobilizacións locais e comarcais -cada vez máis amplas e estendidas- de denuncia de recortes e de reclamación de máis e mellores servizos. Esas mobilizacións, para alén de visaren obxectivos prácticos, poñen en evidencia as políticas de precarización e privatización do Goberno do Partido Popular e deben alentar, na perspectiva do inicio do ano que vén, unha nova e grande mobilización nacional.

Pola súa relevancia para avanzar en dereitos e benestar, o ámbito dos servizos sociais e dos coidados, vén a primeiro plano da preocupación social polas evidentes deficiencias e a precarización extrema que padece. O documento recolle o apoio á resposta social que se está a articular, mais tamén a aposta clara na defensa dun sistema público galego de coidados -incluídos SAF, residencias e centros asistenciais- ben financiado e eficaz. Aliás, tanto desde o gobernos municipais como na oposición e no ámbito social, é preciso manter de defensa duns servizos públicos que prioricen as persoas frente ao lucro empresarial e que sexa desenvolto con dereitos laborais e condicións de seguranza.

Por iso se considera fundamental apoiar as intensas mobilizacións que están a decorrer convocadas pola CIG, particularmente de persoal das residencias e do SAF, para denunciar a precarización e reclamar condicións laborais dignas e seguras no desenvolvemento dun traballo esencial.

En relación co autogoberno, o Comité Central considera que unha vez que está aberto o debate sobre un novo sistema de financiamento, o nacionalismo debe aproveitar para asentar socialmente a necesidade para a Galiza dun modelo de concerto económico que acabe co espolio fiscal actual. Defender esta quase-soberanía fiscal é chave para derrotar a mentalidade colonial da propia incapacidade e, por tanto, para que a alternativa da soberanía política poida avanzar. Aliás, ao contrario do que poida parecer polo control mediático existente, pódese constatar -mesmo en sondaxes de opinión- que é alta a porcentaxe de persoas que ve de forma positiva que os galegos e galegas teñamos a chave do noso diñeiro. Así pois, non só se trata de atender esta cuestión no ámbito institucional, senón de retomar a campaña social explicativa da proposta do nacionalismo.

En segundo lugar, no que ten a ver coa quita da débeda, para alén de tentar mellorar a proposta do Estado para a Galiza, achamos primordial valorizar o papel do BNG para que fose posíbel, combatendo a manipulación política e mediática ao respecto que a relaciona con Cataluña. Só o Acordo de Investidura co BNG estabeleceu como condición que a quita se producise mesmo que a débeda fose con entidades bancarias privadas (que é o caso da Galiza) e non só co FLA (como acontece en Cataluña). En todo o caso, temos de ser conscientes de que este é un elemento de debate político medular, porque o Partido Popular ten difícil facer entender socialmente o seu rexeitamento, polo que ao tempo que colocamos en valor o labor do BNG no Estado en defensa dos intereses da Galiza, enfraquecemos a posición do PP.

En terceiro lugar, é inescusábel colocar no debate político o alargamento da capacidade de autogoberno, basicamente por dúas vías: unha, asumindo o antes posíbel todas as competencias pendentes e colocando o foco naquelas esenciais como tránsito, policía galega, grandes infraestruturas e tamén aquelas que teñen unha incidencia directa no ámbito socioeconómico, laboral e produtivo (políticas de emprego, inspección de traballo, control pesqueiro, seguros agrarios…) ; dúas recuperando no ámbito institucional a proposta dun novo marco xurídico-político para a Galiza, sostido no tempo e que sexa tamén trasladado ao debate social.

Convén lembrar que en 2026 se farán 50 anos da proposta de Bases Constitucionais da Nación Galega, lanzada polo nacionalismo en 1976. Debemos impulsar a conmemoración deste feito, non só como coñecemento da nosa memoria histórica senón tamén como recoñecemento da capacidade que sempre tivo o noso Partido e o nacionalismo popular de articular propostas de futuro para o noso País, sen perder nunca de vista o obxectivo final da soberanía.

Mais, a xuízo do Comité Central, non debe ficar nunha mera conmemoración histórica. Polo contrario, debe servir de acicate e inspiración para lanzar unha proposta articulada de novo status político para a Galiza que a recoñeza como nación, amplíe e blinde as competencias de autogoberno, e que desenvolva e actualice as Bases Democráticas para unha Nova Galiza, definidas e aprobadas pola frente patriótica en 2017.

No caso do Estado, o CC acha que para alén de atender os debates sobre aquelas cuestións que dependen dese ámbito, como a quita da débeda e o financiamento, cómpre aproveitar un contexto de incerteza e debilidade do Goberno para facer avanzar ao máximo as medidas necesarias para a Galiza e as clases populares -como as recollidas no Acordo de Investidura (infraestruturas, AP-9, transferencias, lingua…)-, fortalecendo o noso papel de forza soberanista galega de modo que esteamos mellor preparados para o seguinte proceso electoral no Estado, sexa cando for.

En relación coa situación internacional, a dirección da UPG considera imprescindíbel continuar organizando e alimentando a solidariedade galega con Palestina -de que a Galiza deu exemplo coa ocasión do paso da “Volta” polo noso País- e denunciando a hipocrisía da UE, que aplica dous pesos e dúas medidas se se tratar de Rusia ou de Israel, e a súa complicidade por acción e omisión. Neste sentido, debemos continuar a reclamar pasos firmes e accións efectivas por parte do Estado español que vaian alén das medidas aparenciais despregadas ou anunciadas polo Goberno, reiterando a exixencia da ruptura de relacións diplomáticas e comerciais con Israel así como un efectivo embargo de armas.

En todo o caso, convén lembrar que o nacionalismo galego impulsou desde o primeiro momento a mobilización popular contra o xenocidio. Aliás, o noso Partido non dubidou desde o inicio en apoiar o dereito á resistencia do pobo palestino frente á ocupación israelita da Palestina. Son feitos que debemos valorizar e motivo de orgullo para toda a nosa militancia.

Ademais, hai que continuar a combater por todos os medios a escalada belicista, o aumento do gasto militar, o papel militar agresivo da OTAN e as políticas de confrontación que desenvolve ao servizo do imperialismo norteamericano.

Nesa liña, o documento sinala que convén colocar o foco na nova ofensiva política e mediática da UE en relación co conflito na Ucraína, coa que pretende reactivar a política de confrontación con Rusia ao tempo que tenta ocultar a situación de crise social e económica (estancamento e risco de recesión, desindustrialización, inflación, recortes, limitación de dereitos democráticos…) pola que están a pasar estados chave, nomeadamente a Alemaña. A esta situación non son alleas as medidas de ruptura de relacións económicas con Rusia e as sancións-boomerang, que acaban impactando nas clases populares dos pobos de Europa.

Ao mesmo tempo, cómpre estarmos alerta sobre as novas manobras inxerencista dos EUA en relación coa América Latina e particularmente coa Venezuela bolivariana.

Á par destes eixos de traballo, o documento salienta a necesidade de dar maior impulso a un movemento feminista que se quere forte e en chave de País, capaz de combater o machismo desde unha perspectiva nacional e de clase e de impulsar novas e masivas mobilizacións sociais, a comezar polo próximo 25 de novembro. Nese sentido, a militancia do Partido debe contribuír para fortalecer o feminismo e implicarse na tarefa con intensidade.

Da mesma forma, debemos prestar atención á resposta a un dos principais problemas sociais do momento, como é a crise da habitación pola constante carestía dos prezos. Temos que lograr que as propostas que se presentaren nas institucións teñan tamén o contrapunto necesario da mobilización social de reivindicación do dereito a unha vivenda digna e de novas e decididas políticas de vivenda pública.

Aliás, no que aínda resta de 2025, é preciso re-impulsar as actividades de difusión do legado político, da obra e do exemplo de Castelao, como mellor maneira de divulgar principios e razóns básicas do nacionalismo galego e de avanzar na tomada de conciencia nacional.

Do mesmo modo, o CC considera  primordial verificar todos os obxectivos marcados en relación coa conmemoración do 50 aniversario do asasinato de Moncho Reboiras. Valoramos moi positivamente todo o realizado até agora sob o impulso da Comisión do 50 aniversario e do noso Partido, particularmente o salto que se produciu na socialización da figura do noso camarada. Mais falta aínda moito por conseguir. Particularmente, é inescusábel a implicación dos gobernos nacionalistas para o recoñecemento da figura referencial de Moncho Reboiras no nomenclátor ou nos espazos públicos.

Ambas as conmemoracións deben contribuír para fortalecer a conciencia nacional e o propio movemento nacionalista. Na mesma liña, o Comité Central valora como fundamental o traballo a realizar entre o estudantado e na mocidade, para garantir a incorporación máis importante de sectores novos ao traballo político e garantir o éxito pleno da aposta por achegar máis mocidade galega ao proxecto nacionalista.

O Comité Central considera que, tal e como temos analizado en debates anteriores e particularmente no noso XVI Congreso, estamos nun momento chave para conseguir consolidar o avance do nacionalismo na sociedade galega, tanto en organización como en capacidade de incidencia ou apoio político e electoral. A amplísima conflitividade social existente no noso País, mesmo que nin sempre teña un reflexo político-electoral tan inmediato como nos gustaría, é chave para conseguilo. Nos conflitos créase conciencia, actívase o compromiso e fórxase militancia e organización. Por iso resulta imprescindíbel unha boa e correcta coordinación do traballo social e institucional, de modo que se retroalimenten mutuamente. Está na nosa man conseguilo.