“Contra a invasión eólica de Galiza” Manifestación nacional o 5 de xullo en Compostela

Uns 50 colectivos e plataformas ecoloxistas, veciñais, sociais, culturais e sindicais de toda Galiza, entre organizacións convocantes e adheridas, fan un chamamento a toda a sociedade galega a participar na gran marcha que terá lugar o vindeiro sábado, día 5 de xuño, en Compostela, con motivo do Día Mundial do Medio Ambiente.O obxectivo desta gran mobilización, segundo explicaron as entidades convocantes en rolda de prensa, é “expresar o amplo e contundente rexeitamento do pobo galego a un modelo de desenvolvemento eólico imposto e colonial que converte a Galiza, unha vez máis, nun territorio de sacrificio para favorecer as ansias especulativas e de negocio do oligopolio enerxético, coa conivencia da Xunta e do Estado”.

O manifesto “Eólica, así non” que presentaron reclama a paralización inmediata dos proxectos eólicos en tramitación e un novo modelo enerxético.

Neste sentido,  as entidades convocantes advertiron de que a produción galega con enerxías renovábeis (eólica e hidroeléctrica) xa supera o consumo actual, exportando arredor do 30% da electricidade que xenera, contando co 14% da potencia eólica instalada no Estado e a maior densidade de aeroxeradores por km2 de Europa.

Manuel Da Cal da FRUGA lembrou que “o modelo colonial que se está a seguir agora coa implantación eólica xa o sufriu Galiza coas celulosas, as centrais hidroeléctricas e a minaría, polo cal os beneficios non fincan nos propietarios das terras, senón nas mans das grandes multinacionais”. Pola súa banda, Paulo Carril da CIG engadiu que estas empresas están aproveitando como escusa a transición ecolóxica para facer o seu particular “lavado verde” sen ter antes compensado os danos ambientais que exerceron sobre o territorio, e que este “non é verdade que as renovábeis, tal e como se están concibindo, vaian xerar milleiros de postos de traballo”.

Nos actuais parámetros, aseguran estes colectivos que Galiza non precisa da nova vaga de megaproxectos eólicos cos que as multinacionais da enerxía pretenden inzar o país. Así pois, na manifestación do vindeiro 5 de xuño reclamarán a paralización inmediata de todos os proxectos eólicos que están en tramitación na Xunta e no Estado e que afectan ao territorio galego. Alén da moratoria a novas instalacións, demandan a derrogación do caduco Plan Sectorial Eólico de Galiza e das “Leis de Depredación”, -en referencia á Lei galega de fomento da implantación de iniciativas empresariais de 2017 e á Lei de simplificación adminsitrativa recentemente aprobada-, por constituír un auténtico atropelo contra os dereitos das persoas á participación pública e contra a preservación do medio natural, do patrimonio e da paisaxe.

Paralelamente, no marco do actual proceso de transición ecolóxica de cara a unha economía e un sistema descarbonizados para poder afrontar a mudanza climática, os colectivos promotores do manifesto “Eólica, Así Non”, confirman que apoian as enerxías renovábeis, incluída a eólica, mais non á costa da destrución do territorio. Reclaman o desenvolvemento dun novo modelo enerxético e de implantación da enerxía eólica en Galiza que sexa descentralizado, baseado na soberanía enerxética, no fomento do aforro, da eficiencia enerxética e do autoconsumo, e na xestión pública do recurso ao servizo da sociedade galega. Segundo declaran os colectivos promotores da marcha, o xeito en que o actual goberno da Xunta de Galiza concibe e permite a implantación eólica no país está fundamentado na desregulamentación legal, no abuso das empresas enerxéticas ás poboacións afectadas, na destrución do patrimonio público e colectivo, tanto ambiental, cultural como paisaxístico, e en intereses de carácter privado e especulativo.

As máis de 20 entidades convocantes da gran marcha contra a invasión eólica expoñen no manifesto as dez premisas fundamentais que se han de seguir no deseño dun novo marco normativo para o desenvolvemento eólico de Galiza. Entre estas destacan: a moratoria urxente dos novos proxectos e a derrogación do plan sectorial eólico, a protección dos servizos ecosistémicos chaves para afrontar a loita climática, a soberanía enerxética, a ampliación da Rede Natura 2000, o estrito cumprimento da normativa ambiental, o fomento do autoconsumo, un trato xusto para as comunidades afectadas e para o rural ou a participación pública efectiva.

O manifesto “Eólica, Así Non” permanecerá aberto ata o Día Mundial do Medio Ambiente a novas adhesións de colectivos, entidades ou plataformas que apoien as súas reclamas e o obxecto da manifestación do día 5 de xuño en Santiago de Compostela. Poderán achegar o seu apoio a través do seguinte formulario: https://forms.gle/tT96JwRjJkZh5dKG6

A Unión do Povo Galego apoia esta manifestación e anima ao conxunto da súa militancia e simpatizantes a participar nela e a publicitar a convocatoria.