Lingua Vital Xa! Paremos a emerxencia lingüística. Manifestación nacional este domingo 23 en Compostela

Queremos Galego, plataforma social da que forman parte máis de 500 entidades sociais e culturais do país, convócanos a unha grande manifestación pola lingua este 23 de febreiro, con saída ás 12h da Alameda de Santiago de Compostela e remate na Praza do Obradoiro; onde hai prevista unha actuación musical. A mobilización percorrerá as rúas da capital do país en contra das políticas lingüicidas da Xunta da Galiza e reclamando o dereito a vivirmos na nosa lingua en todos os contextos e sen impedimentos. A plataforma de defensa da nosa lingua anima a cidadanía a transformar a emerxencia lingüística en forza reparadora, no día de Rosalía, reclamando Lingua vital xa!

Neste sentido, o voceiro da plataforma, Marcos Maceira, denunciou un “pacto do enterro do galego”, fronte ao que a cidadanía está a reaxir, “co impulso á vida do noso idioma, vital para o noso pobo”. “A lingua é vital para a existencia de Galiza”, recordou,” e os poderes públicos teñen que garantila, en todos os espazos e para todos os usos”. Daí o lema da manifestación do 23F, explicou Celia Armas: “Lingua vital xa! é a enerxía que todo un pobo vai mostrar o Día de Rosalía para transformar a emerxencia lingüística en forza reparadora”. “Do mesmo xeito que Rosalía inaugurou o rexurdir da lingua galega na literatura, o día do seu nacemento comezará o rexurdir do noso idioma co compromiso e implicación do pobo galego”, engadiu Armas.

A plataforma reclámalle á Xunta a reactivación do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega e que asuma uns puntos mínimos e urxentes para comezar a actuar fronte a emerxencia lingüística extrema. En concreto, os referidos ás restricións ao galego no ensino, a asegurar a oferta positiva en todos os servizos públicos e privatizados e a potenciar o papel normalizador da CRTVG. “A principal entidade de defensa da nosa lingua non pode lexitimar un proceso que non teña como obxectivo reverter a emerxencia lingüística”, recordou o voceiro de Queremos Galego e presidente da Mesa, “se o PXNLG era necesario hai 20 anos, hoxe é urxente que entidades sociais de todo tipo e institucións se poñan a traballar conxuntamente para activalo”.

Durante as últimas semanas todas as agrupacións comarcais da plataforma desenvolveron diferentes actos por todo o país para activar o tecido social da Galiza, que está máis mobilizado que nunca en defensa da lingua nunha situación de emerxencia.

Queremos Galego fai un chamamento a toda a sociedade galega, ao que como Partido nos sumamos, a participar na Manifestación Nacional do 23 de Febreiro.

Podes ampliar a información na web de Queremos Galego.