Manifestación nacional “Galiza Nación. Un Pobo con dereitos”

Vía Galega, plataforma social en defensa dos dereitos nacionais de Galiza, convoca unha manifestación nacional que terá lugar o domingo, 18 de abril, baixo o lema “Galiza nación. Un pobo con dereitos”. Sairá ás 11.30 da Alameda compostelá e rematará na Praza da Quintana, observando todas as normas estabelecidas como consecuencia do COVID-19. Será a culminación da campaña que ao longo de seis meses Vía Galega estivo levando a cabo por todo o país.

A campaña tivo como obxectivos combater as mentiras da Galiza subsidiada, abeirar os complexos, desfacer prexuízos e fomentar a estima colectiva para que cada vez sexa máis pobo o que acredite e tome conciencia de que a nación galega existe e ten futuro.

Somos unha nación. Temos o dereito e a vontade de existir politicamente como pobo soberano. Manifestémonos, o 18 de abril, en Compostela para esixir o dereito á autodeterminación, a exercer o dereito a decidir, para construír unha sociedade galega con plena democracia, liberdade e igualdade e benestar social. Para terminar co asoballamento político, económico, social, lingüístico e cultural polo estado español, e exixir que as galegas e galegos podamos gobernarnos a nos mesmos. A mobilización rematará na Praza da Quintana, cun acto final conducido pola actriz Isabel Risco, coa intervención de María Xosé Bravo, da portavocía de Vía Galega, e a lectura dun manifesto por parte do escritor Suso de Toro e da actriz Neves Rodríguez.

Animamos a toda a militancia partidaria e ao conxunto do pobo galego a participar nesta manifestación e a popularizar a súa convocatoria.