Manifestación pola defensa do territorio. ALTRI Non!
Este domingo 26 de maio está convocada a primeira gran moblización contra a macrocelulosa de Altri na Ulloa, será en Palas de Rei ás 12 h, baixo o lema “Dende a Ulloa ata a ría. Terra, auga e aire son vida!”. Unha mobilización imprescindible contra esa bomba ambiental no corazón da Galiza e na que temos que participar todas as persoas que acreditamos nun futuro para o noso País.
O proxecto de Altri é un exemplo perfecto do modelo de espolio colonial dos recursos naturais do noso país, na repetición do modelo de implantación da celulosa de ENCE na ría de Pontevedra: dispoñibilidade de solo barato, dispoñibilidade de eucalipto a grande escala e a prezos baixos, primeira transformación con escaso valor engadido e destino principal á exportación sen peche de ciclos.
O megacomplexo industrial vai ter un impacto negativo nas actividades económicas e no emprego na contorna, o que non compensa en absoluto os supostos beneficios da nova actividade industrial. Trátase dun complexo industrial de enorme dimensión, que se pretende instalar nunha zona na que predomina o uso agrario e as actividades do sector servizos, nuns terreos que non teñen características nin cualificación como solo industrial. A xigantesca necesidade de consumo de auga da megafactoria pon en risco a dispoñibilidade da auga do río Ulla e do encoro de Portodemouros para o abastecemento humano e para outras necesidades dos sectores económicos da contorna e da Ría de Arousa onde desemboca o río Ulla cunha incidencia na propia productividade dunha ría que é un motor económico fundamental nesas comarcas e no conxunto da nación.
A maiores temos uns impractos ambientais enormes, entre os directos podemos sinalar: a contaminación das augas e do ar, o impacto no ámbito paisaxístico, no patrimonio natural e a biodiversidade (hábitats e especies protexidas de grande valor), a afección á zona de amortecemento do BIC Camiño Xacobeo… A zona na que se pretende instalar o megacomplexo foi obxecto do inicio do procedemento para a súa inclusión na Rede Natura e a planta industrial linda polo oeste co espazo da Rede Natura 2000 Serra do Careón.
Por todo iso é preciso que o conxunto da militancia da UPG e simpatizantes participemos nesta mobilización e axudemos a popularizar a súa convocatoria.