Manifestación-Tractorada o domingo 25 de febreiro, MINA de Touro e O Pino NON!

A Plataforma veciñal Mina Touro O Pino Non, na que están integradas organizacións nacionalistas como a CIG e a FRUGA, convoca unha manifestación-tractorada para o próximo domingo 25 de febreiro, a partir das 12 horas da mañá con saída da antiga balsa mineira de Angumil e remate perante do concello de Touro.

A corporación internacional Atalaya Mining baixo a denominación de Cobre San Rafael SL promove un proxecto de extracción de cobre a ceo aberto, entre estes dous concellos, cunha extensión de 689 hectáreas, coa pretensión de ampliar esta superficie até chegar a un total de 122,7 quilómetros cadrados, que mesmo afectaría ao concello de Santiago de Compostela, e unha duración de 15 anos.

Este proxecto implica que durante eses 15 anos e durante as 24 horas dos 365 días de cada un deses anos teremos de aturar voaduras diarias de entre 9 e 16 toneladas de explosivos cada unha, así como a construción de 2 depósitos de residuos de estériles e 4 vertedoiros que van ocupar unhas 300 hectáreas. Un deses de depósitos, en concreto o proxectado na aldea de Arinteiro, da parroquia de Loxo, vai ser unha grande balsa de lodos con capacidade para 50 millóns de metros cúbicos.

A súa explotación afectará directamente, mediante ocupación, a unhas 500 hectáreas de terreos agrícolas e forestais, que son a base produtiva de moitas das explotacións gandeiras existentes na zona de afectación ao deixalas sen a base territorial para desenvolver a súa actividade, mas a contaminación xerada mediante a propagación do po provocado polas voaduras vai afectar tamén ás terras agrarias de toda a contorna. Isto vai provocar a destrución de centos de postos de traballo, tanto no sector primario como no de servizos, fronte ás promesas de postos de traballo, feitas pola empresa, que na súa grande maioría van ser eventuais e de baixa cualificación.

Este proxecto ten como obxectivo a extracción do cobre mediante unha mina a ceo aberto, con as consecuencias que acabamos de referir, mas o peche do ciclo produtivo e por conseguinte a obtención do valor acrecentado xerarase fora de Galiza. Na Galiza ficaremos co refugallo, a contaminación, a destrución dos nosos sectores produtivos e do medio ambiente e a riqueza emigrará para fora. Este proxecto ten todas as características para se cualificado como un claro exemplo de industria extractiva e polo tanto colonial.