Miles de persoas nas rúas de Compostela en defensa da sanidade pública

Miles de persoas percorreron as rúas da capital de Galiza para manifestar o seu rexeitamento ao proxecto de modificación da Lei Galega de Saúde e en demanda de que se desenvolva a existente desde 2008. Na mobilización, convocada pola Plataforma SOS Sanidade Pública, exixiuse ademais que se poñan os medios para cumprir os prazos que estipula o Decreto Lei de Garantías das prestacións sanitarias e a apertura dun proceso de negociación para abordar as consecuencias do deterioro do sistema sanitario público galego, polos recortes e privatizacións.

Persoal sanitario, doentes, plataformas das áreas sanitarias afectadas polo desmantelamento dos hospitais comarcais e miles e miles de usuarios e usuarias da sanidade pública galega desprazáronse este domingo a Compostela para defender o sistema sanitario público e universal.

Entre os manifestantes destacou a presenza activa do nacionalismo e dos seus referentes políticos e sindicais como Paulo Carril, Secretario Xeral da CIG, Ana Pontón, Portavoz Nacional do BNG ou Néstor Rego, Secretario Xeral da UPG, xunto con outras moitas persoas militantes e afiliadas do nacionalismo organizado.

Pontón denunciou  que “nos últimos anos recortáronse máis de 3.000 profesionais, deixaron de utilizarse 700 camas, aplicáronse repagos  que impiden o acceso de  moitas persoas enfermas á sanidade e as listas de espera seguen medrando”. Afirmou que Feixóo non pode “usar a maioría absoluta como un cheque en branco” para desmantelar a sanidade pública. Pide ao Presidente da Xunta que escoite o clamor da cidadanía, retire a “contrarreforma” da Lei de Saúde e non converta a enfermidade nun negocio para uns poucos,

A nacionalista reiterou que a masiva  manifestación de Compostela, debe facer reflexionar a Feixóo e ao Goberno galego porque a cidadanía lle está a transmitir que “a saúde é o máis importante que temos”. A saúde  non se pode converter  nun negocio, “para uns poucos” e  hai que parar, de maneira urxente, os recortes e a as privatizacións.