Mobilización nacional contra a suba dos prezos
A escalada de prezos que estamos a sufrir, con especial incidencia na Galiza, está empobrecendo ás familias, á clase traballadora, levando ó límite a moitas empresas e mesmo a sectores produtivos esenciais en Galiza, por iso, o BNG está a desenvolver unha campaña de sensibilización e mobilizacións baixo o lema “Os prezos soben, os teus cartos baixan” e que culminará cunha manifestación prevista para este domingo en Compostela con saída ás 12 h na Praza 8 de Marzo.
Hoxe Galiza sofre un incremento disparado dos prezos, o máis alto dos últimos trinta anos e moi superior ao do Estado. Isto fai que as galegas e galegos suframos esta crise con máis intensidade, sobre todo as persoas máis vulnerábeis e con menos recursos. A guerra na Ucraína agrava esta situación, mais a crise xa era previa, e a pandemia tampouco explica todo.
Ademais, na Galiza agrávase o impacto polo peso do sector pesqueiro e agro-gandeiro, por termos moitas industrias electrointensivas, depender do comercio por vía marítima e estrada, polas carencias históricas en transporte público, pola dispersión poboacional, pola estafa das peaxes… e sobre todo porque desde a Xunta e desde Madrid toman decisións contrarias aos nosos intereses, permitindo os privilexios do lobby eléctrico, ou incrementando o gasto militar no canto de atender outras necesidades.
Unha das subas máis escandalosas é a da electricidade. No mes de febreiro subiu un 111,5% a respecto de hai un ano. Isto provoca que suban outros moitos produtos e servizos que precisan da enerxía. Ademais, resulta insultante que sendo Galiza produtora excedentaria de enerxía eléctrica non teña a cambio unha compensación: unha tarifa eléctrica galega.
Aumentaron moito tamén os prezos dos combustíbeis, supoñendo un grave problema para as persoas que non poden desprazarse en transporte público (moi deficitario no noso país) e para os sectores profesionais que o precisan. Subiu tamén o prezo dos produtos básicos de alimentación (aceite, carne, peixe, froita, pan, ovos) da bombona, do gas, dos alugueiros… Esta escalada xeneralizada empobrece Galiza e amosa o prexudicial que é para nós non termos soberanía e polo tanto máis capacidade para defender o pobo. Lembremos que os salarios e pensións na Galiza están á cola do Estado español.
A perda do control público sobre sectores clave da economía explica a multiplicación de beneficios das grandes empresas (banca, eléctricas, etc) mentres as maiorías sociais sofren e pagan os efectos desta crise. Mais pódese actuar: As decisión políticas poden corrixir a suba de prezos. O BNG presenta unha serie de medidas para impulsar un cambio estrutural na nosa economía, mais tamén para actuar no curto prazo. Porén tamén é preciso a mobilización para esixir que o Goberno español e a Xunta da Galiza non sigan paralizados xa que a situación é insoportábel para moitas persoas. Por todo iso animamos á militancia da UPG e ao conxunto do pobo galego a participar na mobilización deste domingo 3 de abril.