Mobilizacións este domingo 30 de xaneiro para esixir a derrogación real das reformas laborais

Para este domingo 30 de xaneiro a CIG convoca unha xornada de mobilizacións nas sete cidades e en Vilagarcía, Viveiro, Ribeira e Cee, en rexeitamento á fraude que supón a nova reforma laboral e para esixir a derrogación das reformas impostas dende o ano 2010. Ademais, o día que se celebre o Pleno do Congreso no que se convalide o RD/lei 32/2021, que previsibelmente será o 3 de febreiro, a CIG tamén se concentrará diante Delegación do Goberno na Coruña e nas Subdelegacións de Pontevedra, Ourense e Lugo.

Ademais, esta xornada de mobilizacións do domingo 30 vaise desenvolver de xeito conxunto en Galiza, Euskal Herria e Catalunya en resposta ao novo ataque á clase traballadora que supón esta reforma laboral que significa maior precariedade e o aumento da centralización da negociación colectiva.

Horas e lugares das mobilizacións
  • A Coruña: ás 12h, na Praza de Vigo.
  • Ferrol: ás 12h, no local sindical CIG na Avda. do Esteiro.
  • Lugo: ás 12h, no Edificio Sindical (Ronda da Muralla).
  • Ourense: ás 11.30h, no Edificio Sindical (Parque de San Lázaro).
  • Pontevedra: ás 12h, na Praza da Ferrería.
  • Santiago de Compostela: ás 11.30h, na Praza Roxa.
  • Vigo: ás 12h, desde a Dobrada.
  • Vilagarcía: ás 12h, na Casa do Mar.
  • Viveiro: ás 12h, na Praza do Concello.
  • Ribeira: ás 12h, na Praza do Concello.
  • Cee: ás 12h, diante do Concello.

Non á fraude da nova reforma laboral

Coa aprobación do RD/Lei 32/2021, o Goberno de PSOE e Unidas Podemos incumpriu a promesa que tantas veces anunciara, posto que non se derroga a reforma laboral de 2012 imposta polo PP.

No acordo do “diálogo social” do que emana esta nova normativa, tanto o Goberno como UGT e CCOO pregáronse aos intereses da patronal. O pacto social evidénciase unha vez máis como o enterrador dos dereitos dos traballadores e das traballadoras. O texto desta nova reforma, ademais de manter as medidas máis lesivas da do PP, incorpora outras novas que favorecen o empresariado á conta, outra vez, da clase obreira:

  • O despedimento segue a ser igual de fácil e barato e mantense a barra libre das empresas para os despedimentos colectivos.
  • Non se recuperan os salarios de tramitación nos despedimentos improcedentes.
  • Non se recupera a nulidade dos despedimentos en fraude de lei.
  • Segue en vigor o 10% da desregulación da xornada laboral.
  • Incorpóranse novos contratos de formación e temporais, e modalidades de ERTE, que afondarán na precariedade. Ademais, créase unha nova modalidade de traballador/a precario/a baixo o novo contrato fixo-descontinuo.
  • A nova modalidade de ERTE facilita o traspaso de cartos públicos a través das bonificacións nas cotas a Seguridade Social, mentres argumentan que a caixa das pensións está quebrada.
  • Mantense a prevalencia do convenio estatal fronte aos convenios galegos e provinciais, e tamén que os convenios de empresa poidan empeorar os convenios sectoriais, agás nos salarios

Nin pacto social, nin reforma laboral!

Domingo 30 de xaneiro, mobilízate coa CIG!

Información tirada da web da CIG onde podes atopar máis información.