Mobilizacións frente ás mudanzas climáticas

Entre 20 e 27 de setembro decorren en varios países do mundo accións para protestar contra a crise climática global. Na Galiza, as manifestacións previstas contan co apoio do Bloque Nacionalista Galego. No pasado 12 de setembro o BNG presentou unha batería de medidas para loitar contra o cambio climático no noso País, ao tempo que anunciaba a súa presenza nas accións organizadas.

Na súa proposta o BNG defende ir máis alén de medidas cosméticas e declarativas e deixar de pór o foco na responsabilidade individual das persoas, con solucións voluntaristas e desideoloxizadas, para exixir a actuación decidida dos verdadeiros responsábeis: os estados e os grandes conglomerados económicos e industriais que estes amparan. O problema non é individual, é sistémico. Un sistema, o capitalismo, depredador nato de recursos que á custa dos privilexios dunha minoría practica constantes agresións ao medio co grave deterioro ambiental, para alén de xerar desigualdades económicas e sociais, opresións nacionais e de clase e violencia social, como mostran os centos de asasinatos anuais de persoas que encabezan os movementos contra as grandes empresas que contaminan a súa terra e os seus ríos.

Por isto, se quixermos encontrar solucións a un desafío como a mudanza climática non podemos pór o foco nas consecuencias que xera senón nas causas que nos levan cara a un planeta inhabitábel.

No que atinxe a Galiza, a nosa inserción colonial no Estado Español condénanos a unha economía extractiva orientada a non achegar case valor engadido a esta produción, o que deriva nuns altos custos medio ambientais e nuns baixos beneficios sociais para o país.

Compre ter en conta que o debate sobre a emerxencia climática é un terreo cheo de posturas cosméticas, en que as mesmas empresas que contaminan e os partidos políticos que as avalan pretenden asociarse á moda do verde, do sustentábel, da economía circular, mais sen ir ao fondo da cuestión para non pór en perigo os seus intereses económicos e os seus lucros. Cómpre, pois, menos declaracións e máis actuacións prácticas. En calquera caso, somos conscientes que a verdadeira solución á crise climática pasa acabar co capitalismo depredador, por mudar o sistema social e económico e por construír na Galiza e no mundo sociedades xustas, igualitarias e libres.

A UPG chama a encarar con decisión as causas da crise climática e a que as mobilizacións a realizar sirvan sempre para desmascarar os verdadeiros responsábeis. É preciso, aliás, centrar a atención nas solucións á crise ecolóxica da Galiza ao tempo que contribuímos para as solucións globais e para a abrir os camiños que contribúan para que outros países poidan buscar as solucións mais adecuadas a súa situación. De pouco serviría preocuparse do Amazonas se desatendésemos o combate noso País á depredación ambiental, á megaminaría contaminante ou á actuación de empresas como ENCE que, coa complicidade do Partido Popular, degradan o noso medio natural para garantir os seus lucros.