Mudemos de rumbo. Polo futuro do galego. Concentración este domingo 17 en Compostela

A plataforma cidadá Queremos Galego convoca un gran acto aberto a todas as entidades e persoas interesadas na defensa da lingua para este domingo 17 de novembro ás 1º2 h na Praza da Quintana en Compostela, baixo o lema Mudemos o rumbo. Polo futuro do galego. Esta mobilización responde aos datos do IGE, que -en palabras do seu voceiro, Marcos Maceira- “certifican a emerxencia linguística extrema que vive a nosa lingua, como consecuencia de non se ter actuado sobre a expulsión e exclusión do galego de todos os ámbitos da vida social”.

Marcos Maceira,  voceiro de Queremos Galego, denuncia a “expulsión e exclusión do galego de todos os ámbitos da vida social intensificada nos últimos 15 anos”, mencionando expresamente o decreto contra o galego no ensino, a modificación da lei da función pública e a  desaparición da programación infantil ampla e actualizada da TVG. “A todas estas accións”, recorda Maceira, “houbo resposta desde a sociedade. Queremos Galego advertiu reiteramente de cales ían ser as consecuencias e a súa posición foi escoitada, avaliada e avalada polo Consello de Europa e o relator da ONU”. “A Xunta teimou soa en conducirnos a esta situación”, lamenta.

A esta convocatoria xa se teñen sumado máis de 150 entidades do país que asinan unha declaración unitaria que recolle os puntos mínimos e as medidas urxentes para mudar o rumbo do galego. Este gran acordo compartido por asociacións pola lingua, partidos políticos, sindicatos, colexios profesionais, institucións empresariais, educativas, deportivas e culturais será presentado e debatido na “asamblea pola lingua” que terá lugar este domingo, día 17 de novembro, ás 12h da mañá na Praza da Quintana.

 

En palabras de Marcos Maceira: “Para que nunca máis haxa pasos atrás na normalización do idioma e deixar atrás a emerxencia lingüística extrema que motiva esta convocatoria, este domingo día 17 mostraremos publicamente a vontade colectiva de actuar para mudar o rumbo e garantir o futuro do galego”. Maceira insistiu en que non se trata dunha manifestación e que, polo tanto, non decorrerá polas rúas de Compostela, senón que comezará directamente ás 12h na Praza da Quintana, onde se celebrará a “activación da sociedade galega pola lingua que nos une”, cunha grande asemblea pola lingua na que Queremos Galego decidirá as liñas xerais das acción dos próximos meses, na procura da “mudanza de rumbo que o galego precisa para garantirmos o seu futuro”. O evento, que será conducido polo profesor, activista, escritor e músico Xurxo Souto, comezará coa lectura da declaración unitaria por parte de Tareixa Navaza, e concluirá, tal e como xa anunciaron as artistas nas redes sociais, cunha actuación das Tanxugueiras, exemplo na música de como a lingua galega e o pobo galego poden vencer todas as dificuldades se hai vontade.

“O proceso de eliminación de galego pódese reverter e entre todas e todos farémolo”, afirma Maceira, “asegurando o galego en todo e para todo”. O presidente da Mesa e voceiro da plataforma Queremos Galego recorda, asimesmo, que “o pacto nacional pola lingua xa existe, é o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega que está referendado unanimemente polo parlamento”. “A Xunta ten que cumprir os compromisos, os obxectivos e medidas xa acordadas, cun calendario de actuación concreto”, afirma. Neste sentido, Maceira é moi crítico coa Xunta de Galicia, que “anuncia un gran pacto político, dándolle as costas á sociedade galega”. O voceiro de Queremos Galego lamenta que a Xunta de Galiza non contestou sequera ás solicitudes de encontro de entidades pola lingua como A Mesa pola Normalización Lingüística, que mantivo e segue a manter contra vento e maré a necesidade de cumprir as recomendacións do Consello de Europa e que proximamente estará na ONU para denunciar o incumprimento dos acordos nacionais e internacionais sobre a lingua.

A declaración unitaria pola lingua, pódese consultar e asinar na web de Queremos Galego.