Na defensa da sanidade pública, salvemos a atención primaria. Manifestación o 14 de novembro en Compostela.

Este domingo 14 de novembro con saída ás 12h da Alameda de Compostela, SOS Sanidade Publica convoca unha manifestación nacional na defensa e recuperación da atención primaria en Galiza.

O que está a suceder na Atención Primaria, e as súas consecuencias para a cidadanía e as profesionais, ten un claro responsable: a política sanitaria exercida durante os últimos 10 anos polo PP e a Consellaría de Sanidade. Unha política baseada nos recortes e no desmantelamento da Sanidade Pública:
-12 anos continuados de xubilacións das/os profesionais e de contratación en precario, que fomentaban a marcha de profesionais a outros servizos de saúde. Sen que a Consellaría de Sanidade tomase medidas .
– 12 anos de recortes nos orzamentos destinados á atención primaria.
-12 anos de desmantelamento das estruturas directivas de primaria, para que ninguén sexa responsable do que acontece.
-12 anos de soberbia sen escoitar as/os profesionais que denunciaban esta situación, e que esixían poder traballar en condicións dignas.
-12 anos negándose a incorporar novos profesionais á atención primaria para garantir unha atención sanitaria integral.
– 12 anos de populismo xestionando a sanidade con titulares de prensa.

Agora é a poboación galega e as/os profesionais as/os que sofren as graves consecuencias desta situación, cun goberno galego que segue sen escoitar, e sen tomar medidas efectivas para modificar esta situación.

Mais xa chegou o momento de PARAR ISTO, e dicir NON a:
-Ás colas na rúa para acceder aos Centros de Saúde
-A ter que realizar múltiples chamas telefónicas para conectarse co Centro de Saúde.
-Ao peche dos Centros de Saúde periféricos que discrimina á poboación rural, dispersa e mais envellecida, afastándoa da asistencia.
-Á consulta telefónica e telemática como eixo da asistencia, en detrimento da presencial, por que pon en risco a saúde e xera desigualdade para a xente maior.
-Ao recorte de persoal e a situación de inestabilidade e precariedade laboral do persoal dos Centros de Saúde

É necesario recuperar a atención integral, a promoción, prevención, rehabilitación e traballo comunitario.
E imprescindible ter un orzamento finalista para a Atención Primaria, que supoña o 25% do orzamento sanitario.
E imprescindible ter mais persoal e un Novo Modelo de Atención Primaria digno, integral, accesible e de calidade.

Animamos á militancia e simpatizantes da UPG e ao conxunto do pobo galego a participar e popularizar esta manifestación como paso imprescindíbel para revertir a situación da atención primaria na Galiza.

 

Información tirada da páxina web de SOS Sanidade Pública.