Na defensa do noso mar e da nosa Terra. Manifestación este sábado 22 na Pobra do Caramiñal
Este sábado 22 de marzo terá lugar unha manifestación “por mar e terra” contra os proxectos da celulosa de Altri e da mina de cobre de Touro e O Pino, con saída ás 12h da estación de autobuses da Pobra do Caramiñal. Máis de 500 barcos na Enseada da Pobra do Caramiñal e miles de persoas en terra serán a “resposta contundente” da sociedade civil fronte a estes proxectos coloniais.
Convocados pola Plataforma en Defensa da Ría de Arousa (PDRA) milleiros de galegos e galegas abarrotarán A Pobra do Caramiñal para reiterarlle á Xunta de Galicia a “contestación social” e a loita de todo un país contra a “depredación industrial que a Xunta de Galicia entende por progreso”.

A manifestación ven marcada pola recente publicación no DOGA da DIA positiva a Altri en Palas de Rei, e a sentenza do TSXG anulando a privatización dos procedementos de avaliación ambiental que practica a Xunta de Galicia. O presidente da PDRA, Rubido, sinalaba ante os medios que “a decisión da Xunta é unha decisión política que pretende impoñernos un modelo industrial para Galiza que non ten o apoio da maioría da sociedade galega e pon en risco a nosa soberanía alimentaria”. Este modelo industrial que a Xunta de Galicia quere impoñer “á forza” vai causar “un dano irreparábel no noso tecido produtivo do marisqueo, a agrogandeiría e o turismo sostible, coa conseguinte perda de postos de traballo e de calidade de vida”.
Isto non é un problema local, a reapertura da mina de cobre de Touro e O Pino e a instalación da macrocelulosa de Altri atinxen a toda a sociedade galega, porque na Galiza estase a dar entrada a grandes empresas co mesmo modus operandi. Non queremos unha mina á beira das nosas casas e non queremos un país no que a maior parte das industrias que quere impulsar o Goberno galego sexan industrias extractivas que o único que fan é aproveitarse dos recursos, exportalos e deixar aquí a contaminación.

A resposta social de urxencia o pasado domingo coas concentracións en diferentes vilas do país e o seu éxito, mobilizando a miles de persoas, representan unha clara e contundente contestación social. Esta mobilización pretende canalizar ese sentimento de resposta, a vontade do conxunto do pobo galego de rexeitar ambos os dous proxectos, que van significar a destrución do noso tecido produtivo, tanto do agro-gandeiro e do marisqueiro, como o do turismo sostíbel.
É moi importante que, con esta mobilización do vindeiro sábado 22 de marzo por mar e por terra, freemos claramente o proxecto da Xunta e presionemos o Goberno estatal e a Unión Europea (UE) porque, evidentemente, está pendente todo o tema do financiamento”, sinalou o presidente da PDRA.
Por todo isto é preciso que o conxunto da militancia da UPG e simpatizantes participemos nesta mobilización e axudemos a popularizar a súa convocatoria. A seguir deixamos máis información sobre o transporte habilitado para asistir á manifestación:
