Na praga da pataca a Xunta actuou con neglixencia e como unha delegación do goberno español

No ano 2015 tivemos, por primeira vez, coñecemento da presencia na Galiza da praga guatemalteca da pataca. Inicialmente a Consellería determinou como zonas afectadas os concellos de Ferrol, Narón e Neda. No ano 2017 a praga xa se estendía a 31 termos municipais da nosa xeografía.

A masiva propagación desta praga, en tan só dous anos, vennos a indicar que a xestión feita por parte da Consellería do Medio Rural resultou, cando menos, totalmente ineficaz e neglixente.

A administración galega soamente tomou conciencia da gravidade do problema cando este alcanzou niveis de alarma social, e sobre todo cando se estendeu primeiro o rumor e logo a constatación de que non se podía plantar o tubérculo na zona afectada e mesmo que había que levantar o que xa estaba plantado.

A alarma social na Galiza ven determinada por ser tanto a produción como o consumo de pataca de vital importancia para a economía galega. Na Galiza cultivamos mais de 20.000 hectáreas, sendo a zona do Estado con maior superficie dedicada ao cultivo da pataca e por outra parte o consumo por persoa é de 301 gramos e día, cando a media no Estado español é de 145 gramos. Fica claro que o mercado galego de pataca é un mercado moi apetecíbel para as grandes distribuidoras e comercializadoras.

O mais inquietante é que segundo a opinión das persoas expertas é que a praga ven para ficar xa que non hai ningún método de combate totalmente eficaz para conseguir a súa erradicación. Por iso aínda resulta mais preocupante a falta de iniciativa por parte da administración galega.

Durante este dous anos da presencia da praga guatemalteca da pataca o comportamento da Consellería do Medio Rural pasou da inacción inicial á posterior submisión aos ditados emanados da capital do imperio, mais propia de unha delegación administrativa dependente xerarquicamente dun poder central, neste caso do Ministerio de Agricultura español.

Aquí só se adoptaron medidas eficaces para loitar contra a propagación da praga, prohibición de plantar patacas e levantar as que estaban plantadas, cando así o decidiu o Ministerio, o que demostra o grao de colonización e subordinación que asume o Goberno Galego de Núñez Feijoo.