O nacionalismo cumpre os obxectivos nas eleccións europeas.

O resultado electoral obtido polo BNG nas eleccións europeas ten que ter unha valoración moi positiva.  Por primeira vez desde 1999 o nacionalismo galego obtén escano na noite electoral e o número de votos e apoio electoral é o mellor resultado en 20 anos nunhas eleccións europeas. 

Estes resultados son unha nova demostración de que o BNG é unha forza política á alza que, proceso electoral tras proceso electoral, incrementa o seu apoio social.

Os case 180.000 votos recibidos polo BNG e que supoñen o 16,13% dos votos, representan un incremento de 4,3% ao respecto do 11,84% de 2019 -un ascenso do 36% en termos porcentuais- e que, comparado coas últimas eleccións europeas en solitario, as de 2014, se eleva o incremento até os 8 puntos.

Tamén é de destacar que as forzas soberanistas integradas na coalición, Agora Republicas,  da que formaba parte o BNG, EH Bildu, ERC e Ara Mes,  situáronse como cuarta forza máis votada no Estado, por riba de organizacións de ámbito estatal, o que confirma que o nacionalismo é un factor determinante na política do Estado Español, como o foi no pasado, o é no presente e o vai seguir sendo no futuro.

Estes resultados adquiren un maior valor tendo en conta o contexto dunha campaña deseñada como unha especie de plebiscito entre o PP e o PSOE, onde as forzas estatais non quixeron poñer o foco nin en Europa, nin moito menos no que se estaba xogando Galiza nestas europeas.  Como moi ben indicou a nosa Portavoz Nacional, Ana Pontón, “Fomos a única forza política que falou de Galiza, do que nos xogábamos os galegos e as galegas e tamén de que modelo de Europa queremos construír nun momento que é decisivo”.