O nacionalismo homenaxea a Castelao reivindicando o seu ideario e os dereitos nacionais da Galiza

Neste pasado sábado o Bloque Nacionalista Galego desenvolveu o seu tradicional acto de homenaxe a Castelao co que dá inicio ao ano político. Nesta ocasión tomaron a palabra nun ateigado auditorio municipal de Rianxo, Elvira Blanco, responsábel comarcal de Galiza Nova na Barbanza, Adolfo Muiños, alcalde de Rianxo, e Ana Pontón, Portavoz Nacional do BNG.

Destacou no discurso da Portavoz Nacional a necesidade de defender os dereitos nacionais da Galiza nun momento político en que  o debate político no estado español está centrado nese ámbito e cada vez é máis evidente que son as forzas soberanistas as que están a pór en cuestión o réxime da restauración borbónica de 1978. Nese sentido, Galiza corre o risco de ficar desaparecida dada a actitude submisa e españolista do presidente Feixóo, polo que é preciso que sexa o nacionalismo o que manteña viva a bandeira nacional de Galiza e o seu dereito á soberanía política.

“Son chegadol-os tempos d´erguere a y-alma e o pensamento de Galicia, e sobor todo a súa soberanía, compreta e sin cativeces. N-isto non caben discusións: Galicia ten direito,un direito fundamental, a ser dona ausoluta de si mesma. Con vountade ceibe faremos nupcias d´amore con outras soberanías, contr´as que non vai nin quér ire a soberanía nosa”. Esta declaración final da Asemblea Nacionalista de Lugo, da que se fan 100 anos neste 2018, foi recordada por Ana Pontón para pór en destaque a nosa tradición e o noso horizonte.

Tamén tivo palabras para sinalar o desafío das eleccións municipais do ano que vén, animando o conxunto da militancia nacionalista a se pór xa no traballo da súa preparación e a enfrontalas con entusiasmo e optimismo, reivindicando o labor que os gobernos municipais do BNG están a desenvolver polo conxunto da nación, como exemplo de que outras formas de gobernar, transformadoras e ao servizo do pobo, son posíbeis de executar.

Finalmente tivo palabras no seu discurso para lembrar o asasinato de Diana Quer e de todas as vítimas da violencia machista, sinalando que cada ano máis de 5.000 mulleres galegas poñen denuncias nos xulgados. “Sabemos que a fin da violencia machista non vai vir polo Código Penal, senón que a resposta está na educación” indicou e advertiu que “as mulleres perdemos o medo e non imos deixar de camiñar soas polas rúas, nin de noite nin de día”.

A homenaxe a Castelao finalizou cunha ofrenda floral e o canto do Himno Nacional ante o busto do histórico nacionalista no paseo da Ribeira de Rianxo.