“Non emigramos, expúlsannos. Soberanía para crear traballo digno”

A plataforma Vía Galega, que integra máis de 50 entidades sociais e culturais en defensa dos dereitos nacionais de Galiza, presentou a campaña “Non emigramos, expúlsannos. Soberanía para crear traballo digno”.

A iniciativa comezou onte cunha charla na Facultade de Xeografía e Historia da USC, na que denunciaron a marcha por motivos laborais de 216 mil persoas de Galiza na derradeira década, das que 80 mil eran menores de 30 anos.

Até o 14 de decembro, cando rematará a campaña con actos en todas as vilas e cidade, haberá mocións en todos os concellos, vídeos, charlas nas universidades e un manifesto.

A portavoz de Vía Galega, María Xosé Bravo, sinalou durante a presentación da iniciativa que “estamos nun país con talento e potencialidades que cómpre poñer en valor, porque é necesario concibir o feito da emigración galega como unha emerxencia nacional que precisa políticas que aseguren un traballo digno na nosa terra, con defensa da base produtiva e dunha economía auto centrada que mobilice todos os recursos para xerar emprego e riqueza na Galiza”.

Tamén trasladou a solidariedade en nome de Vía Galega aos presos e presas políticas cataláns e ao pobo de Catalunya, ademais de mostrar o rexeitamento “a esa sentenza profundamente inxusta”.