Non á estafa da luz. Concentracións o 19 de setembro convocadas pola CIG

A CIG ten convocadas para o vindeiro domingo, día 19 de setembro, un total de 20 concentracións en cidades e vilas de toda Galiza baixo o lema “NON Á ESTAFA DA LUZ, Recuperación das Centrais Hidroeléctricas, Tarifa Eléctrica Galega”. A central sindical fai un chamamento, ao que nos sumamos como UPG, a participar nestas mobilizacións diante do imparábel medre da factura da luz e a impunidade coa que actúan as eléctricas pero, sobre todo, tal e como denunciou o secretario xeral, Paulo Carril, diante do “nulo papel que tanto o goberno galego como o español están a facer para  garantir, con políticas públicas, o acceso á electricidade do conxunto do pobo en condicións asequíbeis”.

Carril fai este chamamento “coa lexitimidade e autoridade das moitas propostas e iniciativas que desde a CIG levamos anos facendo, para poñer fin ao réxime de oligopolio, á mafia das empresas eléctricas, que por decisións de todos os Gobernos españois gozan dun marco regulatorio e tarifario acorde aos seus exclusivos intereses”.

Especialmente “lamentábel e despreciábel” considera o papel do PP e da Xunta. Máis despois das súas políticas en favor das mesmas, “nomeadamente as que explotan os nosos ríos”, matizou, e da súa “permanente oposición a que en Galiza puideramos dar solucións como as que a CIG ten defendido e levado ao Parlamento Galego”.

A este respecto lembra as diferentes ILP promovidas pola central sindical nos últimos anos -que o PP no Parlamento Galego rexeitou-, como a da tarifa eléctrica galega, a da recuperación das Centrais Hidroeléctricas ou as propostas da CIG para dar solución á industria electrointensiva. Así como na recente tramitación da Lei de Cambio Climático e Transición Enerxética e nas propostas feitas en outubro do ano pasado para “Unha saída galega xusta da crise”.

Propostas que demostran que “existen mecanismos legais, que é posíbel se hai vontade política, garantir prezos xustos da enerxía”, afirma. Un ben de consumo de primeira necesidade que, ao seu entender, “obriga aos poderes públicos a recoñecer a enerxía como un dereito universal de todas as persoas ao benestar social e a adoptar medidas de intervención no sector eléctrico para garantir unha vida digna e un desenvolvemento económico, social e industrial que cree postos de traballo”.

Colonización enerxética

Carril denuncia ademais que toda esta gravísima situación de alza nos prezos da electricidade, ten lugar nun momento no que Galiza se atopa diante dun novo proceso de “colonización enerxética” que no franquismo destruíu os ríos e agora vai polas terras e montes, “mentres se mantén a moita xente na pobreza enerxética e comarcas enteiras de Galiza camiño da desertización social e industrial, sen plans alternativos de ningún tipo de reindustrialización”.

Canda isto advirte que as grandes empresas eléctricas “están a aproveitar a ocasión do negocio eólico para facer o seu lavado verde, sen ter previamente reparado a súa débeda ecolóxica nin resolto o impacto social xerado”.

Por iso demanda unha verdadeira transición ecolóxica galega “ordenada, xusta, ao servizo do País, cunha xestión pública que poña fin ao oligopolio das grandes eléctricas”.

(Información tirada da web da CIG, onde poderás coñecer as medidas concretas propostas para facerlle fronte a esta estafa)

Iniciativas do BNG

O Bloque Nacionalista Galego non só apoia estas concentracións e fai un chamamamento á súa militancia a participar nestas concentracións, se non que está a desenvolver un importante traballo político para combater esta situación de alza interesada dos prezos. Tanto no ámbito institucional como a pé de rúa co desenvolvemento dunha campaña de recollida de sinaturas e de actos públicos en contra da estafa da factura da luz e a favor dunha tarifa eléctrica galega.

No Congreso Néstor Rego reclamou unha transición ecolóxica social e territorialmente xusta, unha reforma profunda no sistema eléctrico estatal que garanta unha transición xusta socialmente, a comezar pola nacionalización das grandes compañías eléctricas e  a eliminación dos impostos engadidos no recibo eléctrico e a creación dunha Tarifa Eléctrica Galega por ser un País produtor excedentario de enerxía eléctrica.

No Parlamento Galego Ana Pontón defendeu no Parlamento unha batería de medidas, -en forma de proposición de lei-, para abaratar o prezo da luz, pero foron tombadas polos votos en contra de PP e PSOE. Ana Pontón pregúntase que clase de democracia é a que lle permite a unha manchea de multinacionais fixar o prezo dun ben básico como a luz e defende o dereito de Galiza a beneficiarse da súa riqueza cunha tarifa eléctrica galega máis barata, algo habitual en Europa nas zonas produtoras.

Así pois, animamos ao conxunto da nosa militancia e simpatizantes a participar nas concentracións que a CIG ten convocadas para este domingo 19 de setembro en 20 vilas e cidades da Galiza, así como implicarse no desenvolvemento da campaña que o BNG ten organizada para facerlle fronte a este expolio.