Non á guerra imperialista no oriente medio

A UPG condena as accións militares dos EEUU en Oriente Medio, e en concreto o último ataque que en Iraq asasinou ao xeneral iraniano Qassem Soleimani e a varios dos seus acompañantes.

Este ataque terrorista asumido polo presidente dos EEUU Donad Trump e rapidamente aplaudido polo goberno de Israel, supón un paso definitivo na escalada de provocacións coas desde hai meses vén actuando o imperialismo ianqui na rexión, e que ten como principal obxectivo neste momento o Irán, buscando un efecto acción-reacción con respostas violentas non só na rexión senón tamén en occidente de xeito que se instale na opinión pública internacional a impresión de que se está loitando contra terroristas perigosos para todos nós, aos que hai que eliminar usando a forza e sen ter en conta a legalidade internacional; unha forza exercida por quen segue erixíndose como xendarme mundial.

Realmente o que buscan os EEUU é inzar a rexión de estados falidos, como xa son Iraq, Libia ou Iemen e como tentaron facer con Siria, posto que unha situación de falla de goberno e de estabilidade élle moito máis útil para os seus fins. Para iso precisan acabar con aqueles gobernos que  se opoñen aos deseños que ten definidos os EEUU para unha rexión de grande importancia, tanto polas súas reservas petrolíferas como pola súa posición xeográfica estratéxica.

Esiximos das Nacións Unidas e da comunidade internacional que condenen estes asasinatos e a escalada agresiva posta en marcha pola administración norteamericana; unha escalada agresiva e uns asasinatos que teñen o seu precedente noutros momentos históricos en que presidentes dos EEUU empregaron tamén o sangue inocente e a guerra para desviar a atención da cidadanía do seu país, tentar tapar os seus problemas internos –impeachment neste caso-,  e crear un ambiente entre a súa propia poboación favorábel para as eleccións -Trump ten presidenciais a final de ano-.

A tradicional política belicista dos EEUU e do seu socio na rexión, Israel, debe ser combatida por todos aqueles que defendemos a paz, a resolución pacífica dos conflitos, a liberdade e a soberanía de cada povo para decidir o seu futuro sen inxerencias externas.

 

Compostela; 6 de xaneiro de 2020

 

Secretaría de Relacións Internacionais

Unión do  Povo Galego- UPG