Non á mina de Touro. Manifestación nacional o domingo 10 de xuño

A UPG apoia a manifestación convocada para o vindeiro 10 de xuño en Compostela contra o proxecto de megaminería de Touro pola Plataforma veciñal Mina de Touro-O Pino, NON e a Plataforma en Defensa da Ría de Arousa, para dar unha resposta contundente a un proxecto colonial letal para Galiza.

Este proxecto pon en perigo a continuidade e o futuro das actividades agrarias e gandeira da zona. Unha actividade mineira desta envergadura elimina explotacións gandeiras porque estraga  a base territorial, reduce a produción, paraliza proxectos iniciados  no sector agrogandeiro e vai ser  unha hipoteca para calquera desenvolvemento das actividades de transformación. Un megaproxecto mineiro que deixa un impacto medioambiental gravísimo e unha  ameaza que permanecerá no futuro sobre un amplo territorio bañado pola vía fluvial do Ulla que abastece de auga potable unha zona densamente poboada e que  conecta coa ría de Arousa, xeradora de grandes recursos.

Este proxecto de megaminería suporía reabrir e ampliar en 2.000 hectáreas unha explotación de cobre a ceo aberto que implica a mobilización de miles de toneladas de terra e a utilización de materiais tóxicos que se filtrarían ao terreo e aos cursos de auga da mina, que de aí drenan ao Río Ulla e chegarían á Ría de Arousa. Como así xa está acontecendo na actualidade coa anterior explotación abandonada e como leva denunciando dende anos o BNG da localidade e organizacións ecoloxistas como ADEGA. Ademais, implica a construción dunha balsa de lodos de 80 metros e alto asentada sobre simples lonas de plástico. A explotación da mina será unha auténtica autoestrada de contaminantes cara a ría, e ante un accidente, a catástrofe alcanzaría a ría de Arousa en media hora co que iso implicaría para o sector da pesca e do marisqueo.

Un claro exemplo de explotación colonial que extrae o produto en Galiza para beneficiar a empresas foráneas e que deixa aquí a contaminación, a destrución da base territorial e hipoteca o futuro de amplas zonas do País, que non xera riqueza nin vai crear ningún tecido produtivo na zona, tan só unha pequena xeración de postos de traballo temporais e de baixa cualificación que en absoluto compensan, nin de lonxe, todo o dano que, ese si, será para sempre.

Por iso animamos ao conxunto da militancia e simpatizantes da UPG e ao povo galego no seu conxunto a participar activamente na manifestación nacional convocada para este domingo 10 de xuño con saída ás 12 horas na Alameda de Compostela e con final na Praza do Obradoiro.