«Non podemos considerar sociais uns orzamentos do Estado que discriminan o noso pobo»
O BNG presentou emenda á totalidade dos OXE por seren claramente negativos e discriminatorios coa Galiza. Os números non enganan. En canto o orzamento global se incrementa en 19,4%, redúcese o investimento directo no noso País en 11,4% a respecto das contas do PP de 2018, xa claramente insuficientes. O investimento territorializado na Galiza fica nos 832 M€, moi lonxe das necesidades urxentes que temos e 105 M€ menos que no último aprobado.
Ante o proxecto de Orzamentos presentado polo Goberno do Estado, o portavoz do Bloque Nacionalista Galego no Congreso, Néstor Rego, afirmou que “queda moi lonxe das políticas verdadeiramente transformadoras que defende o BNG, que aposten porque a saída da crise económica e social non recaia -unha vez máis- sobre as maiorías sociais e actúen como verdadeiro mecanismo de reequilibrio social”.
En relación co investimento territorializado, Néstor Rego cualificou estes orzamentos como negativos e discriminatorios con Galiza. “É inaceptábel que, sufrindo a nosa nación un déficit histórico en investimentos en equipamentos e infraestruturas -especialmente no ámbito da mobilidade ferroviaria- o proxecto de Orzamentos non só non compense ese déficit senón que non atenda a necesidades perentorias do noso País” sinalou
Tanto Ana Pontón como Nestor Rego na comparecencia para explicar as emendas parciais aos orzamentos do Estado, sinalaron que: “Estamos con total disposición de negociar, pero o BNG non vai colaborar nuns orzamentos que discriminan a Galiza e o que cabe preguntarse é porque outras forzas políticas están dispostas a facelo”, indicou Rego, en referencia a Podemos e ao PSOE, e en referencia a este último sinalou ,“quen sen embargo non ten problema en votar coa extrema dereita de VOX e co PP cando se trata de impedir que se investigue a corrupción da monarquía”.
Nunhas contas que medran un 20%, no que as partidas de investimentos reais e transferencias de capital soben un 138%, Galiza baixa un 11% “e iso é o que queremos cambiar” durante a tramitación. En concreto, Rego subliñou que as emendas parciais presentadas polo Bloque están en relación con tres eixos: infraestruturas, políticas sociais e medio ambiente
Máis información nos seguintes enlaces:
“Orzamentos do Estado: Chega de discriminar a Galiza!”, artigo de Néstor Rego no NÓS DIARIO
O BNG emenda os Orzamentos do Estado por consideralos discriminatorios para Galiza