Non é unha crise de prezos, é unha estafa. Mobilización nacional o domingo 18 de decembro
Este domingo 18 de decembro ás 12h na Alameda de Compostela, o BNG convoca unha manifestación nacional baixo o lema “Non é unha crise de prezos, é unha estafa”. Para reclamar medidas realmente eficaces ante a situación de suba de prezos e crise que estamos a padecer.Como as propostas de medidas urxentes que o propio BNG está a presentar durante estes días en diversos actos e repartos informativos por todo o país para facelas chegar ao conxunto do pobo galego. Porque si hai alternativas, só é preciso vontade política para desenvolvelas, e no noso caso, soberanía para poder executalas.
No actual conexto de crise é fundamental que o nacionalismo teña presenza na rúa, organizando o descontento, alentando a protesta e liderando a resposta social organizada. Nos últimos meses vimos denunciando que o Goberno español aproba medidas “paliativas” (e sempre tarde, forzado pola presión social e política), mais que se nega a adopar mudanzas estruturais -as únicas que de verdade poderían lograr que esta crise non a pagasen as clases populares- precisamente porque non quere tocar os intereses dos grandes poderes económicos, particularmente da banca e as enerxéticas e especialmente das grandes eléctricas. É precisamente aquí onde se evidencia con máis claridade a posición dun nacionalismo que avanzou propostas valentes e viábeis e que as defendeu nas institucións e na rúa.
O Goberno utilizou a guerra de Ucraína para tentar tapar o feito de que a crise de prezos viña de antes e ocultar así a súa responsabilidade política por acción ou omisión (negativa a colocar a produción de enerxía sob control público, mesmo a mudar a regulación do mercado eléctrico ou a estabelecer topes ao prezo da electricidade e dos carburantes no mercado final; pésima xestión -centralizada e para beneficio dunhas poucas grandes empresas- dos fondos europeos…).
Mais tamén esta situación crítica puxo en cuestión o papel subsidiario dunha Xunta da Galiza que non estivo nin está disposta a actuar como un verdadeiro Goberno galego, como o Goberno que precisa este País. E aínda, evidencia -e temos que saber incorporalo á mensaxe política do nacionalismo- a necesidade de que a Galiza teña soberanía para poder decidir en función dos seus propios intereses.
Neste contexto, o nacionalismo axiu sempre nas institucións en que está representado rexeitando medidas inxustas ou inadecuadas, criticando as insuficientes e achegando sempre propostas e alternativas. Mais tamén optou por unha resposta social mobilizadora na rúa. Fixémolo no pasado mes de abril e facémolo de novo agora. A manifestación do día 18 de decembro debe ser unha mostra da capacidade de mobilización do nacionalismo e ten de servir para visibilizar a nosa alternativa en favor dos intereses do pobo traballador galego e para unha saída galega e xusta da crise.
É moito o que está en xogo. É por iso que toda a militancia do noso partido ten de participar de forma activa no proceso mobilizador. Temos de traballar alí onde estamos -na frente nacionalista, no sindicalismo, nas diferentes organizacións sociais…- para activar todas as persoas con que traballamos e a que chegamos para lograrmos o éxito da mobilización.
Aquí pódese consultar os distintos autobuses que sairán para a manifestación e os horarios de paso polas distintas localidades.