A nosa solidariedade co pobo cubano

Diante dos acontecementos dos últimos días na República de Cuba a UPG quere facer pública a súa solidariedade co pobo cubano, que enfronta unha situación complexa derivada do agravamento da pandemia e dos problemas económicos, provocados fundamentalmente polos efectos do bloqueo. Esa delicada situación leva a unha lóxica preocupación na súa poboación, preocupación que como pode acontecer en calquera outro país, levou a desenvolver protestas puntuais. Situación que como está demostrado foi aproveitada por sectores minoritarios contrarios á revolución, teledirixidos e financiados desde os EUA, para desenvolver unha intensa campaña que busca a desestabilización do país.

Nesa campaña, moi intensa en redes sociais a nivel internacional e nos medios de comunicación afectos ao capital, pídese unha intervención estranxeira baixo a escusa da urxencia humanitaria; un discurso demagóxico que aproveitando as dificultades, nunca negadas polo goberno cubano, pode conseguir apoio en persoas desinformadas sobre a realidade do país.

Gran parte dos problemas que sofren os cubanos e cubanas están relacionados cos efectos do bloqueo que sofre a illa desde hai máis de 60 anos, un bloqueo intensificado no seu momento pola administración  Trump, e que polo que se ve a nova administración norteamericana non ten intención de levantar, a pesar petición reiterada de novo hai unhas semanas na ONU pola inmensa maioría de países.

É certo que os efectos da pandemia nas últimas semanas téñense agravado, pero Cuba segue sendo un dos países do planeta nos que a actuación fronte á covid-19 ten conseguido mellores resultados e unha porcentaxe menor de falecementos, unha actuación da que deberían tomar exemplos outros estados nos que as condicións e os recursos económicos son moi superiores aos de Cuba. E ademais Cuba ten desenvolvido varias vacinas propias, para protexer á súa poboación e ofertándollas a outros países.

Un dos problemas fundamentais que ten hoxe Cuba é o ataque dos EUA á súa soberanía e á súa independencia, e o maior apoio humanitario que precisa o pobo cubano é esixir o levantamento do bloqueo, permitindo así o seu desenvolvemento e un libre intercambio comercial cos outros países.

A UPG enviou unha comunicación ao Partido Comunista de Cuba reiterando a nosa solidariedade, a nosa defensa da soberanía de Cuba e a nosa confianza en que superarán esta situación.