“Galiza pola Paz” convoca manifestación nacional contra o desfile militar en Vigo

A plataforma Galiza pola Paz, da que fai parte a UPG, convoca unha manifestación en Vigo este sábado 30 de maio con saída ás 12h da Via Norte en rexeitamento do desfile das Forzas Armadas españolas. Este desfile é un intento de branqueamento do belicismo e de xustificación do aumento do gasto militar e que vai en detrimento da nosa calidade de vida.

Baixo o lema ‘Paz e soberanía. Nin guerra, nin OTAN nin gastos militares. Non ao desfile militar’, desde a plataforma buscamos expresar o firme compromiso do pobo galego e vigués con valores como a paz e o antimilitarismo fronte aos tambores de guerra no mundo. Queremos denunciar esa maquinaria de guerra posta en marcha polo imperialismo que está dinamitando o dereito internacional e esnaquizando diferentes nacións e países como Palestina, Líbano, Iemen, Irán, Venezuela ou a ameaza actual sobre Cuba.

Alertamos ademais do rearme na Unión Europea, con máis de 800.000 millóns de euros destinados a alimentar a guerra e non a seguridade ou a defensa. Acusamos ao Goberno español e galego de complicidade con esa escalada bélica e do gasto militar que está a significar unha maior carestía da vida con repercusións no día a día. Todos eses recursos teñen que destinarse a gasto social, a defender as pensións, o ensino e a sanidade pública ou a dependencia.

Unha escalada bélica que, para Galiza pola Paz, nos encamiña a unha guerra global que van pagar as clases populares e traballadoras. Seremos os pobos quen poñamos os nosos corpos e as nosas vidas en risco, non os que deciden dende despacho. Expresamos tamén a solidariedade cos pobos agredidos hoxe no mundo polo imperialismo.

Por estes motivos, facemos un chamamento a encher as rúas de Vigo o sábado 30 de maio para contestar a esa deriva militarista cunha aposta por unha paz xusta e duradeira, que respecte a soberanía dos pobos, unha orde internacional baseada en normas e regras, e un dereito internacional digno de tal nome que hoxe está sendo dinamitado polas potencias imperialistas.

Listaxe de autobuses para ir á manifestación:

•             A CORUÑA: Saída ás 9h do Campo da Leña. Paradas en San Pedro de Mezonzo e Av/ da Vedra –á altura do local da CIG-. RESERVA DE PRAZA: 981 169 810. PREZO 5€

•             BAIXO MIÑO: Saída da Guarda ás 10.15h desde o Centro Cultural. RESERVA DE PRAZA: 986 610 465

•             FERROL: Saída ás 9h do local da CIG-Av de Esteiro. RESERVA DE PRAZA: ferrol@galizacig.gal, Tlf.: 981 358 750. PREZO 10€

•             OURENSE: RESERVA DE PRAZA: 676 611 848 // 988 782 726

    • 8.15h saída da Mezquita (Praza do Concello)

    • 8.30h saída da Agudiña (Gasolineira da Gudiña)

    • 9h saída de Verín (Aduana de Verín)

    • 9.20h saída de Xinzo (‘Antela’ estación de servizo)

    • 9.40h saída de Allariz (Restaurante Limia N-525)

    • 9.50h saída de Celanova (Repsol ‘Rante’)

    • 10h saída de Ourense (pavillón dos Remedios)

    • 10.20h Carballiño+ O Ribeiro (rotonda ‘Viña Costeira’)

•             PONTEVEDRA: Saída ás 10.30h desde o Pavillón dos Deportes. RESERVA DE PRAZA: 986 847 610 // 986 866 205. GRATUÍTO.

•             SANTIAGO: Saída ás 10h da explanada do Estadio Verónica Boquete. RESERVA DE PRAZA: compostela@bng.gal. PREZO 5€

17 de Maio. O galego, lingua vital

Queremos Galego cita a sociedade galega o 17 de maio en Compostela, nunha grande mobilización en defensa da nosa lingua. A marcha partirá o 17 de maio ás 12h da Alameda e percorrerá as rúas da cidade baixo o lema “O galego, lingua vital” .

Desde Queremos Galego agárdase unha grande mobilización que enfronte a negativa da Xunta a garantir os dereitos lingüísticos do pobo gaelgo coa forza, a unidade e o traballo conxunto dunha sociedade que defende o seu idioma porque sabe que é vital para a súa existencia.

Tamén lamentan desde a plataforma que a Xunta sexa incapaz de ofrecer máis alternativa á emerxencia lingüística que negarse a mencionala e calificaron a incapacidade da Xunta para cumprir os prazos de renovación do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega que ela mesma fixou non só de desleixo, senón de mostra do profundo desprezo que teñen por Galiza e o seu idioma. Neste sentido, Queremos Galego denuncia que a única actualización do PXNLG que estamos a ver é o de limitar máis o seu alcance para convertelo nun plan de enterro do galego e afirman que contra a inacción da Xunta existe unha alternativa sólida, nacida dun proceso amplo, participativo e plural sobre o que comezar a reverter a emerxencia lingüística: o Protocolo Lingua Vital.

O Protocolo Lingua Vital é o primeiro resultado desa forza, unidade e traballo conxunto que se verá nas rúas o 17 de maio e que comezaremos a aplicar na parte que corresponde ás entidades sociais, traballando pola oficialidade real en todos os territorios de lingua galega, conxuntamente, as entidades que participamos no proceso.

Así pois animamos á nosa militancia e ao conxunto do pobo galego a participar nesta grande manifestación. A plataforma Queremos Galego pon a disposición da cidadanía autobuses que saen das principais cidades e vilas do país para a manifestación do 17 de maio. Aquí tes a información precisa: Listaxe de autobuses.

1º de Maio. Soberanía, paz e traballo digno

A brutal ofensiva do Imperialismo botando man da guerra e o militarismo nun intento desesperado por apuntalar a hexemonía dos EUA e impedir o avance dunha realidade multipolar, está a estender polo planeta todo un ronsel de destrución, morte e espolio. O xenocidio sionista -aínda en curso- contra o pobo da Palestina, ou as guerras contra o Irán e o Líbano, así como o crecente intervencionismo na América Latina, co secuestro do presidente venezolano, Nicolás Maduro, son os vértices máis agudos dunha escalada diante da que a denominada comunidade internacional, con estruturas como a ONU e singularmente a Unión Europea, están a demostrar a súa impotencia e subordinación aos ditados de Washington.

Hoxe, como onte, as consecuencias das guerras imperialistas e da súa estratexia de caos e desestabilización mundial páganas os pobos e as maiorías sociais. Son a clase traballadora e o conxunto das clases populares quen paga a factura: en forma de carestía da vida, cunha inflación disparada na cesta da compra e cada vez maiores dificultades para acceder á vivenda; no aumento do gasto militar, de que participa tamén o actual Goberno español de PSOE-Sumar, que consome recursos que deberan utilizarse para paliar os efectos sociais da guerra; e tamén no avance dos discursos reaccionarios que alenta a dereita ultraespañolista.

O povo traballador galego padece, ademais, o efecto combinado da inacción e das nefastas políticas que aplica o Goberno da Galiza do Partido Popular. Como testemuña o avance da crise industrial e a desertización da nosa base produtiva e tamén do espolio colonial e depredación dos nosos recursos, converxendo na mutilación das enormes capacidades que ten o noso País. Un Goberno galego que non exerce de tal e que se reduce a axir como franquía ao ditado dos intereses do PP español.

Neste contexto, é máis evidente do que nunca a necesidade de soberanía para a Galiza, como condición de posibilidade para poder desenvolvermos un proxecto de País que utilice os nosos recursos en prol do noso desenvolvemento e da atención das necesidades das clases populares e traballadoras.

Neste 1º de maio, Día do Internacionalismo Proletario, a Unión do Povo Galego fai un chamado ao conxunto das traballadoras e traballadores galegos a participar nas mobilizacións que ten convocada a Confederación Intersindical Galega (CIG) e a se sindicalizar nela, para a fortalecer como mellor instrumento para a defensa dos seus intereses. E a apoiar con determinación o proxecto transformador e emancipador que representa o nacionalismo galego, para avanzarmos de vez no camiño da soberanía, a paz e o traballo digno e con dereitos, con rumo á independencia nacional, a unha Galiza ceibe e sen explotación.

Contra a agresión imperialista ao Irán. Non á guerra

A Unión do Povo Galego condena o ataque perpetrado polos Estados Unidos e o Estado sionista de Israel contra a República Islámica do Irán.

A agresión iniciada no pasado sábado, e que continúa neste momento, veu precedida dunha campaña de manipulación e intoxicación informativa ao respecto de supostas intencións agresivas do Irán, cando a realidade é xusto a contraria, pois en ningún momento o goberno iraniano mostrou intención de abandonar as reunións e negociacións diplomáticas que veñen de saltar polos ares con este ataque. A intervención militar converteuse nunha declaración de guerra total co asasinato premeditado do principal líder do estado iraní e doutros importantes dirixentes.

Máis unha vez, o imperialismo inventa escusas para ocultar o seu verdadeiro obxectivo, que non é outro que controlar as reservas dun dos maiores produtores de petróleo do planeta e eliminar un réxime político que defende a súa soberanía e non se dobra diante das imposicións imperialistas dos EUA.

Denunciamos que se invoque, para levar adiante a agresión, o suposto perigo de que o Irán posúa capacidade para construír armas nucleares, cando é sabido que en Oriente Medio só Israel posúe ese tipo de armamento, negándose ademais a ser inspeccionado pola Axencia Internacional da Enerxía Atómica.

O ataque ao Irán é un paso máis na escalada dos EUA e do seu títere na zona, o estado de Israel, para desestabilizar permanentemente unha rexión do planeta dunha enorme importancia estratéxica tanto polos seus recursos enerxéticos como pola súa situación xeográfica, e eliminar todos aqueles que se opoñan aos seus designios. Vímolo recentemente en Siria e vémolo diariamente co xenocidio do pobo palestino e coas agresións contra o Líbano, perpetradas coa complicidade de moitos estados do norte global e a inutilidade das institucións internacionais.

No mesmo sábado puidemos comprobar como, máis unha vez, a Unión Europea exerce o papel de simple mascota obediente ás ordes dos EUA, condenando a resposta defensiva do agredido mentres pedía contención aos agresores nos seus ataques.

A UPG defende o dereito de todo pobo a exercer a soberanía e a construír un futuro propio sen inxerencias, sexan directas ou indirectas.

É sempre necesario loitar pola paz, mais, neste momento, cando o imperialismo consciente da quebra da súa hexemonía ataca terceiros países obviando todas as regras que el mesmo tiña imposto, é máis necesario do que nunca levantar un amplo movemento social contra a guerra, o belicismo, e pola construción dun mundo en paz, en que as discrepancias se resolvan por medio do diálogo e a cooperación.

Facemos un chamamento ao pobo galego a se mobilizar coa Plataforma Galega pola Paz, contra a agresión a Irán, contra a guerra imperialista e por un mundo en paz.

Saúdo ao XIV Congreso do Partido Comunista do Vietnam

Entre os días 19 e 25 deste mes de xaneiro celébrase en Ha Noi o XIV Congreso Nacional do Partido Comunista do Vietnam, no que baixo o lema “Unidade – Democracia – Disciplina – Avance – Desenvolvemento”, 1.586 delegados e delegadas definirán o pensamento estratéxico, a visión e as grandes orientacións de política para o desenvolvemento do país nun mundo cada vez máis complexo, e elixirá o novo Comité Central

Read more

Contra a agresión imperialista. Galiza con Venezuela.

A Unión do Povo Galego condena o ataque militar imperialista perpetrado polos Estados Unidos contra a República Bolivariana de Venezuela, co bombardeo da súa capital e doutros lugares do país, e o secuestro do Presidente Nicolás Maduro.

Ao tempo queremos facer chegar o noso total apoio ao povo venezolano, ao que con esta agresión se pretende truncar o camiño para construír unha Venezuela plenamente Soberana na que os recursos sirvan para o benestar do seu povo.

Este ataque mostra, máis unha vez, que o imperialismo norteamericano, para conseguir os seus obxectivos, non ten problema en vulnerar a soberanía doutros estados, pasar por riba das institucións e do dereito internacional e empregar a forza militar, como fixeron esta madrugada contra Venezuela.

Os EUA con este ataque teñen un único obxectivo, o de apropiarse dos recursos enerxéticos e minerais de Venezuela, e para conseguilo precisan desmontar a institucionalidade construída polo proceso político bolivariano e impor un goberno títere e submiso aos seus intereses.

Diante da actual situación:

  • Manifestamos a nosa total condena á agresión militar imperialista contra territorio venezolano.
  • Exiximos a inmediata liberación do Presidente Nicolás Maduro, de Cilia Flores, e de todas as persoas que poidan estar secuestradas polos EUA.
  • Condenamos os silencios cómplices diante da agresión, e demandamos da Xunta da Galiza, do Goberno español e da Unión Europea unha total condena.
  • Facemos un chamamento ao pobo galego a se mobilizar en solidariedade co pobo venezolano e contra o imperialismo.

Manifestación Nacional “Altri Non. Fóra xa”

A Plataforma Ulloa Viva, a Plataforma en Defensa da Ría de Arousa e a Plataforma veciñal contra a Mina de Touro-O Pino convocan manifestación nacional para este domingo, 14 de decembro, en Santiago de Compostela en rexeitamento á macrocelulosa de Altri. Baixo o lema “Dende a Ulloa até o mar, polas que somos e polas que virán”, a mobilización sairá ás 12 horas dende a Alameda e rematará na Praza do Obradoiro.

Máis alá do anuncio do Goberno español de non incluír na Planificación Eléctrica 2025-2030 a liña eléctrica e a subestación necesarias para o Proxecto Gama e da negativa reiterada a que este proxecto poida recibir financiamento europeo, o Goberno do PP na Xunta teima no seu apoio institucional e na defensa pública dunha macrocelusosa que, a día de hoxe, constitúe o maior perigo ambiental para o noso país e suporía a morte da Ría de Arousa.

Hai que lembrar que o proxecto conta cunha DIA favorábel e malia o tempo transcorrido, Augas de Galiza non pechou aínda o expediente de solicitude de captación de auga no encoro de Portodemouros.

Así pois faise un chamamento, ao que como Partido nos sumamos, a repetir o éxito da manifestación de hai un ano, cando 100.000 persoas encheron Compostela ao berro de “Altri NON”. Faise este chamado a toda a sociedade galega porque cómpre seguir deslexitimando socialmente o proxecto de Altri, e demandar que dunha vez por todas a Xunta dea carpetazo definitivo á macrocelulosa.

Desde a UPG sempre nos opuxemos a este modelo de industria de enclave e depredación que representa Altri e defendemos un modelo e un aproveitamento radicalmente distinto dos recursos naturais de Galiza, para que revertan no noso propio país, que non poñan en risco aqueles sectores que proporcionan alimentos básicos a poboación, que apostan por un desenvolvemento industrial con base en criterios de estabilidade, sustentabilidade, de peche dos ciclos produtivos e que derive en beneficio do país todo o seu valor engadido.

Así pois insistimos no chamamento ao conxunto do pobo galego e a toda a nosa militancia e simpatizantes a participar e popularizar a manifestación nacional deste domingo 14 de decembro en Compostela. ALTRI NON!!!

Actos de izamento da bandeira galega por todo o país

A plataforma social Vía Galega leva tempo promovendo diversas campañas e iniciativas co obxectivo de divulgar e poñer en valor os símbolos nacionais galegos, especialmente o himno e a bandeira. Van xa cinco anos que se estableceu como Semana da Bandeira o período que coincide co aniversario da I Asemblea Nacionalista das Irmandades da Fala, celebrada os días 17 e 18 de novembro de 1918.

Este ano, coincidindo co 107º aniversario daquela histórica efeméride, Vía Galega mantén o seu compromiso de fortalecer e visibilizar os nosos símbolos nacionais. Por iso, durante esta semana, do 10 ao 15 de novembro, a plataforma anima a colocar bandeiras galegas nas vivendas e espazos públicos de toda Galiza, como mostra de orgullo e afirmación colectiva.

A campaña culminará o sábado 15 ás 12:00 horas con actos simultáneos en distintos puntos do país, nos que se izará a bandeira galega para que perdure no tempo. Os actos contarán con lectura de poemas como tema central arredor da bandeira da autoría de poetas como Ramón Cabanillas, Manuel María ou Marica Campo e actuacións musicais.

Ante a crecente españolización que vivimos é necesario impulsar campañas para divulgar o uso dos nosos símbolos, os únicos que nos identifican e recoñecen como pobo, que fortalecen a nosa conciencia e cohesión nacional e que axudan a contrarrestar a invasión da simboloxía española.

Por iso, facemos un chamamento á nosa militancia e ao conxunto do pobo galego en xeral a implicarse activamente nesta campaña de Vía Galega, contribuíndo así á defensa e visibilización dos nosos símbolos nacionais.

Con Cuba, polo fin do bloqueo

Diante da próxima votación na Organización das Nacións Unidas dunha nova resolución exixindo o fin do bloqueo económico, comercial e financeiro, ao que desde hai décadas os Estados Unidos someten a Cuba, a UPG reitera o seu apoio ao pobo cubano e exixe o fin do bloqueo.

Read more

Impulsar a mobilización social e o avance do nacionalismo

As chaves do documento aprobado polo Comité Central da UPG

O Comité Central da Unión do Povo Galego (UPG) vén de aprobar en reunión plenaria un documento en que sintetiza as liñas de traballo e prioridades políticas da súa militancia para os próximos meses. O documento analiza a intensa conflitividade social e política, que se estende ao longo e largo da Galiza, que está a marcar a axenda política do País e debe ser tomada como prioridade nesta etapa e neste contexto.

Read more