Queremos galego convoca concentración na praza do Obradoiro para o 17 de maio

A plataforma cidadá Queremos Galego, da que forman parte máis de 500 entidades sociais e culturais do país, convoca unha concentración na praza do Obradoiro ao medio día do vindeiro 17 de maio, Día das Letras galegas. “Os éxitos na denuncia da situación da lingua galega teñen que ir acompañados da mobilización social para revertela e mudar a política lingüística da Xunta e do Estado”, recordou o voceiro da plataforma, Macos Maceira. Por iso, animan as persoas interesadas na defensa da lingua a reservar a súa praza na concentración, que levará por lema Queremos vivir en galego, inscribíndose nesta ligazón.  A organización distribuirá o espazo entre as primeiras persoas que se inscriban, mantendo a distancia de seguranza e cumprindo todas as medidas de seguranza sanitaria.

“Desde decembro do 2019 até hoxe contamos cun informe da ONU e dous do Consello de Europa que recollen o que vimos denunciando: que o marco legal para o ensino non respecta a Carta Europea das Linguas, que na xustiza non se garante o uso do galego en calquera proceso ou as dificuldades para a atención na administración pública” salientou Maceira na presentación pública da actividade.
Dende a plataforma salientaron que a sociedade galega mantivo este ano a súa mobilización, con centos de iniciativas para gañar novos espazos para o galego ou evitar retrocesos noutros. Destacaron a Inicitiva Xabarín, que chega ao Parlamento con máis de 33000 sinaturas para garantir a posibilidade de gozar de contidos audiovisuais en galego, nomeadamente para a infancia e a mocidade. “Temos, por tanto, un 17 de maio para celebrar os pequenos pasos e para reclamar avances nos que a administración da Xunta e do Estado teñen xa que atender as demandas da sociedade galega e das institucións internacionais” asegurou o voceiro de Queremos Galego.
 
A reinvidicación é “queremos vivir en galego“. “Queremos vivir en galego con toda liberdade, con total normalidade, sen límites, sen coaccións e sen exclusións”, explicaron. “Podermos usar e dispor da nosa lingua en todo e para todo, un dereito humano recollido na declaración universal dos dereitos humanos, o pacto internacional dos dereitos civís e políticos ou a Carta Europea das linguas, mais que para o galego aínda temos que conquistar día a día”, concluíron.
Información tirada da web de Queremos Galego.

Declaración en solidariedade coa loita en Colombia

A Unión do Povo Galego quere facer público o seu apoio á loita do pobo colombiano, que desde hai unha semana realiza fortes mobilizacións, cun paro nacional que ten a centos de milleiros de persoas nas rúas, baixo a consigna “Por vida, Paz, Democracia e contra la Reforma Tributaria e o Paquetazo Neoliberal de Duque”. Ler máis

1º de maio. Por unha saída galega xusta da crise

A CIG conmemora este ano o Primeiro de Maio, Día Internacional da Clase Traballadora, cun total de 16 manifestacións e concentracións –a central en Vigo-, en todas as cidades e en múltiples vilas da xeografía de galega baixo o lema “Por unha saída galega xusta da crise”. Un lema que, segundo explicou o secretario xeral, Paulo Carril, resume as principais demandas da central sindical para enfrontar a crise económica que viñamos padecendo, agudizada agora pola pandemia. Ler máis

Saúdo ao 8º Congreso do Partido Comunista de Cuba

Entre o 16 e o 19 de abril celébrase na cidade da Habana o 8º Congreso do Partido Comunista de Cuba. Baixo o lema “O Congreso da continuidade histórica da Revolución Cubana”, o PCC márcase como principais obxectivos actualizar a conceptualización do Modelo Económico e Social Cubano de Desenvolvemento Socialista,e avanzar no proceso de renovación das estruturas de dirección partidaria. Ler máis

Manifestación nacional “Galiza Nación. Un Pobo con dereitos”

Vía Galega, plataforma social en defensa dos dereitos nacionais de Galiza, convoca unha manifestación nacional que terá lugar o domingo, 18 de abril, baixo o lema “Galiza nación. Un pobo con dereitos”. Sairá ás 11.30 da Alameda compostelá e rematará na Praza da Quintana, observando todas as normas estabelecidas como consecuencia do COVID-19. Será a culminación da campaña que ao longo de seis meses Vía Galega estivo levando a cabo por todo o país. Ler máis

33.000 sinaturas para unha canle infantil e xuvenil en galego na CRTVG

A Mesa pola Normalización Lingüística entrega no Parlamento de Galiza máis de 33000 sinaturas en apoio da Proposición Non de Lei de Iniciativa Popular para instar ao goberno galego a tomar as medidas precisas para que a CRTVG aumente a oferta en galego destinada á infancia e á mocidade nas televisións públicas a través dunha canle “Xabarín”, con programación atractiva, actual, educativa e de produción galega dirixida ao público infantil e xuvenil e dispoñíbel en todas as plataformas dixitais, así como nunha App actualizada para todos os dispositivos e que conte ademais con programas e xogos. A iniciativa tamén insta tamén a que toda a programación televisiva, incluídas as plataformas e TVE, teñan versión en galego orixinal, dobrada ou lexendada.   Ler máis

Diante das eleccións no Ecuador

O vindeiro domingo celébrase a segunda volta das eleccións presidenciais no Ecuador, e tendo en conta a situación de tensión que se vive nese país desde o pasado mes de febreiro, cando se celebrou a primeira volta na que quedou en primeiro lugar a candidatura encabezada por Javier Arauz, non sería estraño que se volveran repetir actuacións desestabilizadoras que cuestionen o resultado electoral, caso de que este non responda aos deseños do imperialismo e un novo goberno volva situar o país a carón doutros da rexión que defenden a soberania e políticas favorábeis ás maiorías fronte ao neoliberalismo. Ler máis