Ofrenda floral polo II cabodano do falecemento de Bautista Álvarez

O luns 16 de setembro será o II cabodano do falecemento de Bautista Álvarez. O día previo, o domingo 15 de setembro, ás 12 do mediodía, no cemiterio de San Cibrao das Las, no concello de San Amaro, a Fundación Terra e Tempo e a Unión do Povo Galego organizan unha ofrenda floral para lembrar a súa memoria e o seu importante contributo para coa Galiza e as súas clases traballadoras. Pronunciará unhas palabras o camarada Antón Sánchez Ribeiro, amigo e compañeiro político de Bautista.

Con  este sinxelo acto de homenaxe queremos honrar a figura dunha persoa transcendental para entender a reorganización do movemento nacionalista galego nos anos da ditadura franquista e para a súa expansión social na segunda metade do século XX. Bautista Álvarez exemplifica o compromiso militante coa nación galega, o estudo continuado da nosa realidade económica, social, cultural e lingüistica e, por último mais non menos importante, a coherencia entre principios e práctica política.

Ao remate da ofrenda floral decorrerá un acto de confraternización ao que tamén te convidamos.