Vense de facer público o informe do Relator Especial da ONU para as Minorías Nacionais, Fernand de Varennes, en particular sobre a súa situación no Estado español. Naturalmente verbo de Galiza reflicte a discriminación lingüística que bota por terra a pretensa cooficialidade do galego, a comezar nas administracións públicas, en xeral, e na xustiza e no sistema educativo, en particular. A reacción do Goberno español consistiu en negar a maior: nen Galiza, nen Catalunya nen Euskadi son unha minoría nacional, enténdase nacións, para a legalidade política española. Porén, gústelles ou non, certamente teñen todas as características nacionais, malia careceren de Estado. Isto por fortuna está claro para algúns organismos internacionais, embora non se deriven consecuencias prácticas evidentes desta consideración. Témolo nós, galegos e galegas, claro?
A verdade é que, sendo conscientes da nosa diferenza como pobo, hai unha case atávica resistencia a telo presente na práctica. Algo desvía da propia realidade como referencia primeira e principal da nosa preocupación política. Algo perturba, na práctica, a nosa identificación plena cos riscos nacionais característicos, a comezar coa lingua propia e orixinaria. Pode máis a mentalidade moldeada para fóra e dependente de fóra. Acreditamos, de forma tan ideal como compensatoria, en que, antes de nada, somos españois. Non é casual: é o froito de séculos de subordinación. Non sería esaxerado falarmos dun paradoxal síntoma de Estocolmo colectivo, que nos fai prisioneiros de quen nos maltrata. Quere isto dicir que somos un pobo rendido, privado de coraxe para defender o noso? Non é iso. Estamos prestos a sermos activos e a defendérmonos de agresións económicas e sociais, tan puntuais como reiteradas, resistíndonos a tirar conclusións sobre as súas causas estaren vinculadas case sempre á dependencia de Galiza e o seu papel dentro do Estado español. Tendemos a reducilas a unha dialéctica política partidaria, esquerda/dereita, sen entrar a debater nen reclamar outro status para a nosa nación. Dá a impresión de estar contraindicado aspirarmos a ocupar outro papel, dentro do Estado español, e tamén por suposto pretender ter un Estado propio. A manifestación máis ruín desta conformidade política é o sentidiño de Feixóo.
O resultado é que agora, máis do que na última década do século XX, estamos máis distantes do status legal de Catalunya e Euskadi dentro do Estado, e por suposto na consideración e respecto político. Isto quere dicir que estamos máis hipnotizados e anestesiados por España, e os seus servidores internos; somos máis marxinais. O españolismo aquí gobernante só aspira a que España, nas súas esencias imperiais, perdure, embora para iso haxa que matar Galiza. O españolismo aquí opositor non pensa prioritariamente en nós. O nacionalismo galego faría ben, precisamente en nome do realismo e do pragmatismo ben orientado, en non basear toda a súa esperanza na competición electoral e na presenza institucional hexemónica, necesaria desde logo. A súa acción política global debe ter como obxectivo prioritario aumentar a conciencia nacional e amolecer unha mentalidade social petrificada pola dependencia e a subordinación que nos españoliza. Da defensa tan puntual como reiterada, que está a facer das clases populares do país debe derivar a conclusión política pertinente. Sen medo ao debate social que poda e deba derivarse. E insistir, con paciencia en obxectivos nacionais galegos para saírmos da prostración en que nos teñen sumidos. Non podemos seguir afogados pola idea de sermos solidarios con todos, menos con nós.
O artigo orixinal atópase en Nós Diario