Como non podía ser menos nunha teoría que aspiraba  a desvendar e acabar coas inxustizas e opresións do capitalismo, o marxismo, especialmente na súa formulación leninista, asumiu e teorizou sobre o dereito de autodeterminación dos pobos. E, desde logo, fíxoo non co pensamento postos exclusivamente no que eran colonias asiáticas ou africanas dos Estados europeos hexemónicos, senón nas realidades nacionais plurais de Estados imperialistas como o ruso, o austro-húngaro ou a Grande Bretaña. Atendían, pois, a problemas moi vivos e que urxían a tomar posición práctica, na contorna na que se movían os partidos que se  proclamaban socialistas, en especial durante todo primeiro terzo do século XX, e sobre todo á vista das consecuencias da primeira grande guerra. Nesta cuestión, o leninismo era radical e claro. O dereito de autodeterminación para ser real ten que significar a posibilidade de separación da nación dependente, dominada ou oprimida, do Estado que a ten aferrollada. Outra cousa é a análise e explicación que Lenín daba para comprender as causas desta aspiración das nacións sen Estado a contar con el. As forzas produtivas do capitalismo esixen os instrumentos estatais propios para desenvolver o mercado nacional e mesmo, no que non lle faltaba razón, para definir o espazo de comunicación e a relevancia do idioma propio como aglutinador e impulsor dese mercado. Nesta consideración caberían moitos matices. Porén, o único que cumpre indicar agora é que Lenin parece estar razoando máis desde a perspectiva  da instauración  dos Estados-nación no século XIX que desde a perspectiva dos movementos de liberación nacional dos pobos sen Estado, na fase plena do capitalismo imperialista. Naturalmente, non imos entrar en como foi a aplicación na práctica da teoría leninista na URSS. Emporiso non cabe dúbida de que o problema nacional ten un trato de naturalidade, no plano teórico, maior na Europa do Leste que na Occidental, e de facto a realidade dos Estados está mellor acomodada á realidade nacional.

Vaiamos logo ao que a situación de Catalunya está evidenciando. Guste ou non, é difícil non ser conscientes de o conflito catalán estar resultando o revulsivo máis revolucionario e incisivo contra un réxime anquilosado, corrupto e que, malia ser de forma pasiva, concita a desafección de amplos sectores sociais que, sobre todo no plano económico, vén as súas expectativas frustradas: hai dificultades a cada paso máis graves para unha maioría poder vivir con dignidade. O problema catalán, por máis que se teña empregado para compactar a conciencia de españolidade, está a provocar tamén desagrado e desacougo pois se evidencia que os instrumentos do Estado, xustiza, forzas de orde pública, exército, medios de comunicación, a maioría das forzas políticas e sindicais, basculan entre unha agresividade e intolerancia que desbota calquera diálogo entre iguais, co recurso á represión de todo tipo e á descualificación groseira, e unha ambigüidade inerme e acovardada que é incapaz de formular con claridade a natureza política do conflito e a inadecuación do Estado español, á súa realidade plurinacional, como unha das causas que o fai fondamente antidemocrático, corrupto e autoritario. O suposto republicanismo español comproba como o único lugar onde hai republicanismo de feito é en Cataluña. Alí a lexitimidade da monarquía borbónica está polo chan, e a pinga que se desbordou a desafección foi cando Filipe VI  na  súa ardorosa defensa da unidade de España, como patria común e indivisíbel de todos os españois, cunha soberanía única e indiscutíbel, incitou de forma  perversa aos cidadáns de Catalunya que se sentiren españois a opórense con provocación e chulería ao proceso autodeterminsta catalán, pois contarían coa protección de toda a forza do Estado. A súa intervención pública foi a mellor demostración de como se devecía pola división da sociedade catalá co recurso a factores emocionais que provocasen violencia interna, deixando claro que os cataláns favorábeis ao procés non eran españois….

Un dos estereotipos ou prexuízos máis cómodos e estendidos na opinión pública española consiste en, malia tantas evidencias en contra á luz dos acontecementos que estamos a vivir, crer, como se fose prescrición dun catecismo indiscutíbel, que o nacionalismo, nomeadamente o catalán, é cousa da burguesía, dos ricos, que atordan o pobo coas súas cantilenas. É unha cuestión de egoístas que o queren todo para si.  De analizarmos o sucedido con ponderación mínima, comprobaríamos que todo o mundo vinculado á burguesía oligopólica, o capital financeiro e industrial con sede en Catalunya, aliñouse con armas e bagaxes coas decisións represivas e autoritarias do Goberno, sendo un dos máis poderosos factores de intimidación social  para afastar o pobo da loita polo dereito a decidir o seu futuro. Non o lograron, porén axudaron decisivamente a crear un clima de desafío e crispación nos sectores que estaban á marxe do proceso, como se for  algo alleo. Se alguén pretender colocarse nunha especie de fiel da balanza para constatar feitos empíricos, sen afondar en nada, nin pronunciarse para nada sobre o dereito dun pobo a decidir libremente o seu futuro, tería que recoñecer aínda así que: o bloque soberanista representa unha alianza nacional e popular, desde a pequena e media burguesía até amplas capas populares, traballadoras, con conciencia de Cataluña ser un pobo e unha nación, con dereito a expresar a súa vontade política, contraria ao réxime monárquico actual e os poderes que o sustentan; o bloque españolista representa unha alianza da oligarquía industrial e financeira cun importante sector popular como comparsa, aproveitando o seu sentimento de españolidade encirrado, para manter o statu quo. Emporiso, do punto de vista electoral, hai unha maioría social evidente, clara, a prol dun referendo de autodeterminación, que o Estado español se nega a aceitar sequera como unha posibilidade pactada.

O sentimento de pertenza nacional, lexítimo, é unha arma moi poderosa, para ben e para mal. Para ben cando axuda a ver e comprender a unha realidade opresiva e cando aposta por facer normal o que debe ser normal: o dereito dun pobo a ser libre e a contar cos aparatos institucionais que garanten a súa existencia en todas as ordes. Para mal, cando se emprega para, en nome dun Estado centralista, autoritario e desigual, que so admite unha única nación, cando dentro del hai varias, ir en contra do pobo que aspira simplemente a ser normal,  a autogobernarse e decidir por si mesmo.  Desta incapacidade para ver que só tratando aos outros como iguais (o dominio e a superioridade é o que non se quere mudar),  pode haber un diálogo positivo e aceptábel que acabe en concordia resolutiva ou en discordia racional, provén a tendencia a atribuír aos cataláns o que o Estado español practica: exclusión e persecución do diferente, violencia, incitación ao odio e violación do Estado de dereito….A violación do que debe ser un Estado de dereito comezou xa co penoso calvario do Estatut saído do Parlament que, ademais de debidamente peneirado e rebaixado polas Cortes, foi anulado na súa virtualidade por un tribunal político, o constitucional, após ser aprobado na sede da soberanía do pobo español e, máis grave, polo pobo catalán en referendo. A forma de conducirse o Estado, desde o Goberno ao poder xudicial, e mesmo as forzas armadas e de seguridade, e os medios de comunicación públicos, así como a maioría dos privados, para reprimir e combater o dereito do pobo catalán a expresarse libremente nas urnas e aos seus dirixentes democraticamente  eleitos por intentar posibilitalo, é un exemplo de agresividade represiva descontrolada, de persecución con parcialidade manifesta, xustificada en nome de que non se pode pensar diferente nin menos expresalo en sede parlamentaria ou nas urnas, no referente á unidade de España e a soberanía. Son  realidades sagradas, tabús, que hai de quen ouse polas en cuestión coa palabra ou co voto…Así chegamos a descaradas violacións mesmo da liberdade de expresión e manifestación. Pretenden que vexamos como naturais, como se for unha consecuencia lóxica do conflito, que, mentres uns andan chuleándose coas súas bandeiras españolas e os seus berros ameazantes,  a outros se lles requisan as súas bandeiras e camisetas, simplemente por pertenceren á nación dominada, que nos crea problemas, e seren dunha cor que simboliza a solidariedade cos presos políticos realmente existentes, é dicir, cos perseguidos sen cuartel…

E agora estamos chegando á contradición interna. Lograron que, nun ambiente de euforia españolista, enviando milleiros de gardas civís a Cataluña, o orgullo español quedase restaurado. Por fin, cometeuse a valentía de impedir que as urnas falasen. Suspendeuse a autonomía e controlouse esa infecta Generalitat , que aleitaba o antiespañolismo, coa aplicación do 155: houbo eleccións, ditadas e vixiadas desde Madrid. Non saíron como se quería, agás na conformación dun compacto, amplo, pero minoritario, bloque españolista, apoiado por todos os oligarcas como unha alternativa máis adecuada que o PP para tempos tan convulsos e claros alí. A xustiza, Llarena dixit, encárgase de sentenciar quen vale e quen non, contra toda norma elemental nun Estado de Dereito, para presidente, mantendo a moitos dos eleitos e eleitas na cadea, sen xuízo nin sentencia firme de ningunha clase….Emporiso, non todo vai como querían: a xustiza en Bélxica non está polo labor de considerar que os alí exiliados cometeron rebelión ou sedición, a comezar polo presidente Puigdemont. Máis tarde un tribunal “rexional”, como despectivamente pensan aquí, dun länder alemán sentencia que tampouco ve motivos para devolver á xustiza española ao Presidente “cazado” no seu territorio de camiño a Bélxica desde Filandia, por suposta rebelión e sedición. Non vén violencia armada ou institucional por nigures, alén de, con coñecemento real, cavilar que  ten a forza é o Estado español e quen a empregou e emprega para pór as cousas no seu sitio.  Arrepía comprobar como o señor Llarena, e outros, argumentan non con dados da realidade, do que pasou, senón con hipóteses do que puider ter pasado…Algo así como se algún día un tribunal popular o xulgase a el acusándoo de conduta prevaricadora na forma de comportarse e aplicar a legalidade vixente en relación cun conflito político pacífico, argumentase que tiña en mentes de asasinar a todos os dirixentes cataláns encarcerados,  pois manifestaba un sadismo tan  irracional nas súas decisións que era como se estiver a castigar a pecadores inmundos que pretenderon violar un dogma sagrado, en contubernio co Demo.

Os resultados son paradoxais. O pobo catalán sofre, os seus dirixentes políticos son perseguidos e encarcerados. Vai ser imposíbel que o amplo bloque soberanista e todos os que están por defender o dereito a decidir poidan esquecer nunca esta experiencia política que fai irreversíbel, pase o que pase a curto prazo, o distanciamento emocional e político de España. Boa parte do pobo español é vítima dunha intoxicación que o leva a aliárense cos seus propios verdugos. Boa parte do pobo galego non quere saber;  limítase a ser servilmente seguidor das consignas de quen o espolia. O PP ve como toda a súa euforia e o seu despegue represivo desde o goberno non o favorece a el electoralmente, senón que provocou a eclosión de Cidadáns en Catalunya e a súa promoción no resto do Estado. E comeza a axexar un conflito entre o Goberno e o poder xudicial, pois os “excesos” de Llarena, mesmo darlle crédito a informes da Garda Civil sen o menor rigor por enriba dos do Ministerio de Facenda, sobre unha suposta malversación de fondos públicos pola Generalitat, indican que así até a lexitimidade do Estado é posta en cuestión mentres se é confesional  co descaro represivo. Por certo, que Estado de Dereito será un no que un corpo militarizado está acadando tal expansión funcional que vale para todo? Os “excesos” da xustiza española non pasan desapercibidos nin sequera na Unión Europea cuxos Estados, por norma xeral, estaban dispostos a mirar para outra parte na represión política contra o independentismo catalán. Por certo, a imaxe que España intentou vender do presidente Puigdemont como un delincuente, malversador, aproveitado e covarde prófugo da xustiza española, non só no callou na opinión pública da UE, senón que, en Catalunya, este home  agrandou o seu valor e admiración entre o bloque indepemdentista, e o respecto e consideración entre os non nacionalistas que recoñecen e admiten que Cataluña existe. Para min é un político hoxe inusual: fala con claridade, contundencia e verdade. Tanto que el, un europeísta convencido, non dubida en denunciar a pasividade ou indiferenza da UE perante a persecución antidemocrática que  o pobo catalán e os seus dirixentes están a padecer simplemente por intentar expresar a súa vontade política pacificamente.

Para o nacionalismo galego, para o pobo galego, esta conxuntura ofrécenos, dentro da súa negritude e tristeza, luces de esperanza. Convenzamos o noso pobo de que así non imos ben. Se outros están sendo perseguidos  con todo tipo de violencias é porque non se resignan  a desaparecer como pobo. É a opción dos galegos e galegas desaparecermos, acoutados a ser unha provincia, sen personalidade algunha propia nin vontade política manifesta, desta  España unha? Ou será, debe ser a de afirmar o noso dereito a existir con vontade política propia e conciencia de que podemos ser outra cousa, ben distinta e mellor, por nós mesmos? A dependencia é a causa dos nosos males. Vai sedo hora de que sexamos tamén máis conscientes da nosa realidade.

O orixinal atópase no dixital Terra e Tempo: http://www.terraetempo.gal/artigo.php?artigo=4961&seccion=4