Agora que se van cumprir na Galiza cen anos de nacionalismo organizado como tal, isto é, dunha corrente ideolóxica que se autodenominou así, e como tal actúa, gustaríame facer algunhas aclaracións ou consideracións sobre o tema. O feito de se cumpriren cen anos, o día 18 de novembro próximo, do Manifesto elaborado na Asemblea Nacionalista, celebrada en Lugo, en 1918, e considerado o primeiro programa estruturado e nidio de semellante alternativa política na Galiza, é unha ocasión propicia. Alguén se pode preguntar se antes desta data non había nacionalistas conscientes na Galiza. Habíaos desde a metade do século XIX. Non se pode explicar, entre outras, a obra de Rosalía de Castro nin a de Pondal, malia as múltiples contradicións deste, sen unha vontade nacionalista. Antes, en homes como Antolín Faraldo, coas súas intencións iniciais, aniñaba a necesidade da idea nacionalista callar en activismo práctico. Igual que en Murguía de forma tan temperá como escorada ao terreo da cultura, ou en Brañas, un verdadeiro federalista xenuíno que defendía a soberanía da nación galega nas súas formulacións prácticas máis depuradas, por máis que embafase ás veces a súa prístina visión da situación de Galiza con ideoloxemas propios dun tradicionalismo católico e do españolismo imperante e rampante, en circunstancias críticas e conflitivas, os anos da guerra de Cuba. Malia todo, luxaba as mans con activismo e organización, incluída a das clases traballadoras do mar e do campo. Era a súa unha vontade nacional e unha intención nacionalista, por máis que se denominase Asociación Rexionalista a que el dinamizaba.
Se non se ten en conta o alento nacionalista que percorre a Europa da segunda metade do XIX as figuras devanditas e as súas obras, e actitudes, e as súas mesmas contradicións, nin se entenden, e moito menos se len na súa verdadeira dimensión. Que non é a que resulta de adaptalas a unha perspectiva e a un horizonte que as limite ao terreo acoutado do marco español reinante na súa época ou hoxe, a da nación española única existente, en confusión intencionada de nación con Estado, e a súa unidade como algo sagrado e intocábel.
Certamente, habería que explicar por que estando esta ideoloxía tan presente nas minorías intelectuais galegas do XIX tardou tanto en concretarse nunha alternativa nacionalista claramente política cunha organización do pobo nesa dirección. Neste aspecto, é onde Galiza pode resultar algo demorada, non na aparición da ideoloxía e a súa presenza nos froitos máis maduros no terreo cultural ou artístico. Foi un camiño lento, con retrocesos, avances parciais e mesmo con lixeiras solucións de continuidade o do nacionalismo na Galiza até 1918, entre 1918 e 1936 e entre 1936 e 1964. Desde esta data está presente sen solución de continuidade organizativa, porén con avances e retrocesos, na sociedade galega.
Nesta traxectoria, a data do 18 de novembro de 1918 simboliza un salto cualitativo espectacular, pola súa concreción analítica e propositiva, a depuración de ambigüidades e o afán por responder con propostas prácticas á emancipación de Galiza como nación diferente e ás necesidades das súas clases traballadoras, en especial, labregos e mariñeiros, entón maioritarios, convertidos en clase nacional por excelencia. Este avance dáse, pois, no terreo da análise da realidade da nación (diferenciándoa de raíz do Estado) , na definición, como nación, do país, na formulación dos dereitos que lle son inherentes como pobo (entre eles, un básico, o dereito de autodeterminación) e na significación que, no contexto internacional o no do Estado español, ten o movemento nacionalista: a defensa da idea de democracia, o antiimperialismo, o pacifismo e o antimilitarismo.
Estas ideas levan inherentes os conceptos de igualdade e fraternidade entre os individuos e os pobos ou nacións, tan esquecidos ou preteridas nas democracias burguesas. E conducen como corolario á oposición ás estruturas xerarquizadas e opresivas dos Estados centralistas, ás guerras e agresións imperialistas e ao colonialismo. Asemade estamos perante unha concepción da liberdade que a contempla como unha simbiose necesaria entre a dimensión dos individuos e a colectiva da sociedade ou dos pobos. A liberdade para os pobos significa gozar do exercicio pleno da soberanía política e o dereito a contar cun Estado propio. Na disgregación destas dúas dimensións está un dos maiores fraudes, enganos e manipulacións á que a propaganda do imperialismo global e dos Estados centralistas, que a sustentan, recorren hoxe para dominar, oprimir e desorientar, en especial, as nacións ou os pobos oprimidos, e tamén ás clases traballadoras.
Os devanditos principios, a análise da realidade galega a que daban orixe e a alternativa práctica que se derivaba, foron os que sustentaron as Irmandades da Fala a partir da Asemblea Nacionalista de Lugo e o programa que alí elaboraron un fin de semana de novembro de 1918. Malia tratarse dunha organización nacionalista, estruturada a nivel galego e desde aquí dirixida, xurdida do afán de autoorganización, permitía a dupla militancia. Esta tolerancia xustificábase en nome de que podían convivir dentro dela homes de distinta ideoloxía -socialistas marxistas, agraristas, liberais…- teoricamente unidos polo ideal nacionalista e/ou pola crenza na necesidade de o galego ser unha lingua con dignidade e para todo, como forma de cohesión social e nacional, malia militaren tamén en organizacións ou partidos que tiñan un ámbito que excedía o galego e con centros de decisión centralizados en Madrid. Non hai que dicir que esta contradición resultou para moitos insuperábel. As posicións prácticas acababan por escorar as condutas, as adhesións e as fidelidades da dupla militancia dunha ou doutra banda.
Foi esta unha fenda que acabou por debilitar as Irmandades da Fala e por facelas inoperantes politicamente falando. Porén o seu programa e o seu alento continuou socialmente aguilloado pola necesidade de Galiza contar cun nacionalismo organizado. Inevitabelmente estaba xa marcado para sempre por unha tendencia laica, popular, democrática, antiimperialista e pacifista, como produto que era dunha nación oprimida e colonizada. Neste aspecto teórico, o nacionalismo galego manifestouse de forma máis avanzada e radical respecto do capitalismo, o imperialismo e o colonialismo, así como dos dereitos e liberdades das persoas e os traballadores que o nacionalismo vasco e o catalán. Só hai que comparar La Nacionalitat Catalana de Prat de la Riba coa Doutrina nacionalista de Ramón Vilar Ponte. E non o dicimos para desmerecer méritos dun respecto doutro. Dicímolo para subliñar que o espectro social, a realidade económica nacional e a forma de dependencia e a experiencia histórica respecto do Estado condicionaron o contido das devanditas teorías nacionalistas.
O alento e o compromiso nacionalistas hoxe na Galiza, nas circunstancias do Estado español, son tan vitais como o ar que se respira. Estas son as ideas centrais do nacionalismo: o pobo galego existe e debe como tal manifestarse politicamente; el debe ser, naturalmente, a referencia política preferente dos galegos e galegas; hai que responsabilizarnos de nos mesmos e interpretar o mundo desde a convicción de todas as nacións sermos iguais e termos dereito a sermos libres; non hai liberación social se non hai liberación nacional, isto é, non mudaremos as nosas condicións económicas, sociais, culturais e lingüísticas, a da maioría social, se Galiza non ten soberanía. Infelizmente, e como unha evidencia que reclama compromiso, coraxe e perseveranza, unha boa parte da sociedade galega padece abulia, apatía e resignación perante o seu estado. Hai quen renuncia a responsabilizarse de si mesmo, delegando o seu futuro como apéndice a quen conduza a nave española, pois nós nin podemos nin valemos por nós mesmos. Nestas circunstancias, non cabe a menor dúbida de o pobo galego necesitar unha cura de realismo, consistente en atreverse a mirarse a si mesmo, recoñecerse como tal, deixando de buscar estupefacientes que, en nome de estarmos no mellor dos mundos posíbeis, nos aproximan a un abismo irremediábel.
Pode ser que as ideas que teño enumerado como substanciais ao nacionalismo podan parecer a algúns simples e como naturais e lóxicas na súa maior parte nunha sociedade normal. Pois aquí non o son. Unha anécdota ilustrativa pode servir de colofón porque describe moi ben o que nos pasa. Hai días houbo unha manifestación na Coruña a prol dos traballadores de Alcoa, coa participación de miles de persoas. Inmediatamente após a faixa de cabeza ondeaban varias bandeiras asturianas. Con bo criterio, a delegación asturiana presente recorreu ao símbolo de Asturias para significar que estaban alí. Eses traballadores, seguramente de CCOO ou UGT, non enarboraron os símbolos destes sindicatos, senón os da sociedade á que pertencen, para evidenciar a súa presenza na Galiza. Mentres isto acontecía, nin unha soia bandeira galega, con ou sen estrela, ondeaba na cabeceira da manifestación na Coruña. E mesmo é posíbel que se alguén intentase colocarse con ela na cabeceira correse perigo de ser severamente reprimido. Practicamos o deporte da eliminación de nós propios e ás veces pretendemos comportarnos como individuos cuxa referencia pretende ser o mundo mundial, cando á hora da verdade non saímos do cárcere mental de España.
O orixinal atópase no dixital Terra e Tempo: http://www.terraetempo.gal/artigo.php?artigo=5157&seccion=13