Intento sempre razoar sen elas. Neste caso, será máis necesario facelo para rebater as, en boa parte, infundadas queixas ou reticencias dun meu anónimo lector. Reprocha con frecuencia que o nacionalismo galego, coa súa análise marxista do mundo, rompeu, segundo el, coa traxectoria representada polo Partido Galeguista, e moi en particular co pensamento de Castelao, en prexuízo de Galiza. Intentarei inserir o tema dentro dun contexto internacional cargado de interrogantes e sombras sobre o futuro, á vez que ficarán subliñadas as virtudes analíticas e a perspectiva visionaria dun home como Castelao, metido a político por mor das circunstancias da nación negada en que naceu. A súa preocupación por as clases traballadoras do país, os labregos e tamén o proletariado, se incorporaren ao movemento nacionalista era nel obsesiva. E desta preocupación veulle tamén a conciencia de a liberdade das nacións, en particular de Galiza, afectar ao proletariado tanto ou máis que á burguesía, segundo expresión literal súa. Era unha forma de convencer os comunistas que a mellora das condicións de vida do pobo traballador dependía do desenvolvemento das potencialidades económicas da nación oprimida conforme aos seus intereses colectivos.
A dignificación da conciencia colectiva, o pleno desenvolvemento da capacidade creativa, non podían producirse sen a normalidade da lingua propia e da cultura nacional. Cumpría tamén unha mudanza de mentalidade sobre a propia realidade, liberándoa das deformacións da opresión nacional. Precisamente os nacionalistas galegos como Castelao, entón non comunistas, e tampouco nada anti-comunistas, acreditaban en que o federalismo internacionalista só se podería construír sobre “a ruína dos Estados imperialistas e coa previa abolición do sistema capitalista actual” (1937). O PG era na realidade un partido plural ideoloxicamente; nel cabía tamén o marxismo. E a súa práctica foi a dun partido que, por ser nacionalista galego, situouse con naturalidade práctica na esquerda, como afirmaba Carvalho Calero en 1934. Coa mesma naturalidade para a UPG a vinculación marxismo-nacionalismo , na década do sesenta do século pasado, resultou ser unha esixencia ditada polo papel de Galiza no contexto do capitalismo imperialista, e un empeño por defender na práctica os intereses dun pobo, o galego, sen burguesía nacional, sometido a un deseño estatal opresivo, colonial.
En todo caso, o BNG, en parte unha creación da UPG, non representa unha alternativa comunista, porén nela os comunistas que asumen o nacionalismo como algo fundamental atopan a súa casa natural. É unha alternativa nacionalista galega, e por iso antiimperialista, defensora do dereito de autodeterminación para Galiza, dos intereses da maioría social, incluída a pequena e mediana empresa, para alén do federalismo internacionalista, o pacifismo, o laicismo e a igualdade de sexos. Intenta actuar con alternativas tácticas de curto prazo tamén. Con todas as deficiencias ou críticas que se poden e deben facer, resulta claro que representa a continuidade, adaptándoa ao noso mundo e ás súas circunstancias, do que o PG simbolizou. O mellor da UPG foi e é a súa inquebrantábel vontade de defensa de Galiza como nación, patria e pobo que ten dereito á existencia. Sen esta convicción nada tería perdurado. Que o sistema capitalista actual debe ser substituído por un modelo económico e social que coloque o interese público e colectivo por enriba da apropiación privada da plusvalía e do roubo do excedente nacional, é estar en consonancia coa necesidade imperiosa do noso tempo.
Orixinal publicado en Nós Diario.