Intervención de Marcos Maceira no acto de lembranza a Bautista Álvarez no seu VII cabodano no cemiterio de San Cibrao das Las, San Amaro:
Compañeiros, compañeiras, camaradas:
En primeiro lugar quero agradecer á UPG e á Fundación Terra e Tempo o convite a participar neste acto na memoria de Bautista Álvarez, un dos máis destacados dirixentes nacionalistas do século XX.
Galiza é unha nación e, por tanto, ten dereito á autodeterminación. Este aserto é o núcleo ideolóxico do nacionalismo galego. Segundo contaba o proprio Bautista,comezou a desenvolvelo coa consulta do termo “nación” no dicionario: alí estaban lingua, territorio, características sociais e económicas propias. Xustamente o que Galiza é ,mais se lle nega limitando o seu proprio desenvolvemento para beneficio alleo.
A miña xeración tivo a sorte de non o ter que descubrir clandestinamente. Xa existían organizacións políticas e sociais que afirmaban -sen necesidade de complexas técnicas de márketing baleiro-, o mesmo que xa se atrevían a dicir cando as consecuencias non eran un titular mal intencionado de xornal ou a resposta dun adversario político, senón a tortura, a prisión ou o asasinato. Antes, como hoxe, o medo non era a solución, senón a autoorganización para avanzar e enfrontar a adversidade con toda a pedagoxía precisa.
Bautista non dubidou en facelo, comezando e impulsando no anos 50 os primeiros cursos de galego após o 36. Nas súas intervención públicas no clube de amigos da UNESCO en Madrid, nas asociacións culturais, no sindicato, na rúa, ou onde fose requirido ao longo e largo do país. Tamén no Parlamento ou nas peores situacións políticas e persoais.
Tivemos a sorte de poder partillar moitos momentos con Bautista procurados por nós á mínima oportunidade. De preferencia xantares acompañados de viño do Ribeiro e longas sobremesas. Tentabamos coñecer en fonte limpa e primeira persoa o devir do nacionalismo contemporáneo. El, con simpatía, humor, probabelmente moita dose de paciencia, e sempre con vehemencia, prestábase xenerosamente.
Non o facía só por satisfacer a nosa pesada insistencia. Sabía moi ben o que fora para un movemento político e social como o nacionalismo perder o contacto coa historia, cos patriotas que nos precederon. Patriotas como Bautista asumiron a responsabilidade de comezar de novo a tarefa esgazada no 36. Para iso tamén tiveron que ollar atrás e traer canda si Castelao, Bóveda e o legado dos mortos, asasinados, exilados ou condenados ao ostracismo por verdugos ou renegados.
Recuperar e manter o proxecto nacionalista tamén precisaba/precisa da conciencia de non virmos da nada e reparar o elo roto da cadea.
Que sería de nós sen o Sempre en Galiza? Onde estariamos sen a xeración que o asumiu como guieiro e lle deu vida na acción política e social? Existimos grazas ao compromiso, a lucidez, o esforzo militante de quen recolleu o testemuño para convertelo en organización política, sindical ,social, cultural ou lingüística. Non temos futuro sen saber e sen aprender de quen nos trouxo até aquí.
E sempre sen esquecer ou renunciar á lingua, porque non é un accesorio do programa nacionalista. A loita pola lingua, a súa defensa e normalización social non está desligada da defensa e desenvolvemento xeral da nación. Renunciar ao idioma é renunciar a defender a posibilidade de Galiza existir como nación con futuro e capacidade de se desenvolver por si propia. Ben o saben tamén os que lle negan a Galiza a lingua e o futuro de seu. Como tantas veces deixou escrito Bautista, non hai acción de goberno nacionalista onde non se actúa decididamente para garantir a presenza do galego en todos os espazos, for nos campos de fútbol, nos servizos públicos ou na administración.
Estamos a falar e lembrar a persoa que se arriscou, en pleno 1964, a afirmar publicamente que a función da galeguidade consiste en salvar o idioma, a nosa cultura, en recuperar a historia. Salvando isto -continuaba-, estamos salvando a nosa sociedade, porque a galeguidade significa un humanismo integral. Hai que redimir o home galego, aferrollado por unha morea de limitacións. Concretamente,– finalizaba- a alineación da lingua e da cultura, ambas vencelladas á explotación económica da nosa terra. Por isto mesmo a liberación nacional carece de sentido sen unha auténtica revolución social”.
Bautista tiña claro que a situación do idioma reflicte perfectamente o estado da nación e que romper a subordinación de Galiza era romper a subordinación do idioma. Mostrábao na calidade coa que empregaba a lingua porque coidala é tamén eliminar as marcas da servidume que a colonización deixou en nós. Podémolo comprobar nas intervencións, discursos, relatos das súas obras escollidas ou nos romances dos últimos anos.
Por todo isto, e por moito máis, non podemos empregar o pasado ao falar de Bautista. Temos de falar en presente porque o seu exemplo e a súa perserverancia patriótica e revolucionaria, a súa integridade e lealdade ao proxecto de liberación nacional continúa viva no pensamento e na acción de miles de nacionalistas.
Terra a nosa! E sempre, sempre viva Bautista Álvarez e viva Galiza ceive e popular!