Hoxe celébranse, por fin, as eleicións imperiais de Madrid. Que afortunada fun ao poder asistir, sen saír da Coruña, a un acto eleitoral. Foi telemático, claro está, e moito aprendín. Tivo lugar a quinta feira pasada, na “Casa de Galicia” da capital, organizado por ela e mais polo Concello de Madrid. Tratábase dunha mesa redonda, coa presenza de Ana Mª Freire, catedrática da UNED; José Manuel González Herrán e Darío Villanueva, catedráticos eméritos da USC, e mais Xulia Santiso, responsábel da Casa-Museo Emilia Pardo Bazán, da Coruña. Ela, a escritora, foi o motivo da mesma. Abriu o acto o alcalde de Madrid, Almeida; estaban presentes Pablo Casado e Andrea Levy, e clausurou, como non, o presidente da Xunta. Sobre a escritora confeso que moito non me instruín, mais si sobre outras achegas colaterais. Polo alcalde de Madrid, souben que a cidade tiña moito cariño a Dª Emilia e que ela loitara por unha sociedade máis libre e máis xusta. Anotei ben a xaculatoria, pois vale para un roto e para un descosido, e sempre está ben tela a man para saír do paso.

Ora ben, o que máis me cativou foi unha recorrencia que percorreu todo o coloquio: a escritora foi “muy gallega y muy española”. Tamén europea e cosmopolita, absorbeu múltiplas culturas e foi amiga de todo o mundo, mais sempre coas “raíces” na Galiza. A min o das “raíces” é que me embelesa. Só se me ocorre un leve inconveniente: o tronco, as pólas, as ramas, o froito…, onde se teñen e a quen aproveitan? Cousa menor, desde logo, pois o caso é abenzoar Madrid, desde a variada periferia, como “rompeolas de todas las Españas”.

O momento estelar correu a cargo da clausura do presidente da Xunta. Evocou a refutación da lenda negra española que a escritora defendeu nun discurso en París (isto engádoo eu); converteuna nunha precursora do feminismo, ao igual que Rosalía de Castro e Concepción Arenal, e informounos de que as tres defenderon un feminismo non hostil a ninguén. En meditado in crescendo, fixo dela unha adiantada por non se amarrar ao pensamento único, e unha practicante do sentidiño. É máis: o seu europeísmo nunca a afasta de España; é unha muller da Transición: intelectual, europea, española, galega. Por esta orde. Grande conexión final: foi a ponte aérea entre a Galiza e Madrid, a representante dun “galleguismo cosmopolita” cuxa validade chega aos nosos días.

Velaí a verdadeira identidade galega: en Madrid, Buenos Aires, Londres ou Xenebra. E, por suposto, Madrid e a Galiza son as dúas comunidades autónomas que proban como España é variada e diversa. Todos unidos por e en Emilia Pardo Bazán. Somos tan intercambiábeis que até pagamos o IBI en Madrid, porque “Madrid puede conseguirlo todo”. Aplauso xeral.

Rematado o acto, unha dúbida me asaltou: doume á bebida ou aplico a parte racional que conservo? Nisto, soa o teléfono e o comunicante dime: “Ola, son eu”. Antes de poder perguntar quen era “eu”, xa me fixo a consulta que mo aclarou. Grave cuestión, pensei despois: quen son eu, quen somos nós?

El será que, en pleno século XXI, a identidade que se nos concede e impón é a do modelo-Pardo Bazán no XIX? Laus Deo!

 

O orixinal atópase en Nós Diario.