A miña primeira colaboración deste ano dediqueina a Castelao, por ser o mes de Xaneiro estreitamente vinculado á súa persoa: naceu no día 30 de 1886, faleceu no 7 (1950) e tamén o único fillo, de Virxinia Pereira e del, morreu neste mes (o día 3, de 1928). Voltamos, pois, a Castelao. Naquel do día 5 incluín unha carta aberta dirixida ás autoridades da Deputación Provincial e do Museo de Pontevedra coa petición de honraren a memoria do noso insigne compatriota á altura do seu valor artístico. Pouco despois, leo na prensa que se dá a coñecer a procedencia familiar do álbum Nós e o importe da súa compra, 650.000 euros. Lin que a familia Domínguez Lino, a vendedora, ignoraba a excepcionalidade de semellante tesouro e, seica, unha vez averiguada, procedeu a vendelo ao Museo pola cantidade indicada. Só podo comentar:… e eu nacín onte. Aplaudo, como non, que tal obra a podamos contemplar xa de forma definitiva e espero –tal e como solicitaba naquel meu artigo citado– que tan alto desembolso se converta en “investimento”, isto é, que anime aquelas autoridades a exporen a obra de Castelao en cantidade e variedade significativas, representativas da inmensa riqueza e valor da súa obra artística. Por iso apontaba a idea de lle consagraren un edificio dos seis que integran o Museo. Ben sei que unhas obras pictóricas que podamos ter na nosa casa e as coleccións dun centro público non teñen nada a ver, mais, desde logo, a min non se me ocorrería confinar no rocho cuadros que podo ver todos os días e aos que teño gran cariño, así que manteño e reitero a petición. De momento (menos dá unha pedra…), algo avanzamos: leo, poucos días despois, que o 6º edificio do Museo levará o nome de Castelao. Que menos para quen foi un seu cofundador e promotor constante!
Oxalá que do nome pasemos á obra.

Obra que lembra oportunamente o último “Sermos Galiza” e recordación á que eu quero tamén contribuír coa viñeta publicada no xornal Galicia, o domingo 25 de Maio de 1924, que vén ser unha resposta directa do autor ao limitadísimo dereito de voto feminino, nos comicios municipais, permitido pola ditadura de Primo de Rivera, con exclusión das mulleres casadas. Velaquí o pé do debuxo: “Anque o meu home vai fora non terei voto, pero seguirei pagando todol-os trabucos”, posta en boca da muller responsábel monoparental, centro da imaxe. Magnífico alegato contra discriminación tamaña, que actualiza a denuncia formulada por Olympe de Gouges na súa Declaración Universal dos Dereitos da Muller e da Cidadá (1791), a que lle custou a vida. Castelao intervén directa e pontualmente nesta reivindicación democrática.