Despois de tres décadas, comezo o curso atoutiñando. Literalmente. A desorientación é tal, que unha ten a sensación de ter que camiñar cos brazos tendidos para non golpearse, e nin así.

A pesar do caos, de cando en vez tamén botamos unhas risas. Iso pasou onte. Limpaba con tanta enerxía que lancei polo aire o mando do proxector, o castrón del estaba agochado non sei onde e saíu coma un foguete, iso si, ao tomar contacto con terra desintegrouse e saltaron até as espirais que suxeitas as pilas.

A risa é boa. Desentumece os músculos e o cerebro. Unha fica máis disposta á tarefa que vén despois. Mais aínda así a explicación que lles dou fai que chegue até o protocolo. Até o carafuncho do protocolo. E daquela, sen me decatar, sóbeme a ira á cabeza e acabo por maldicir a enésima versión e declarar que non a vou ler, que estou farta. Non sei se me entenden, así que busco unha comparación axeitada:

-Imaxinades que o mesmo día en que tedes que entregarme o traballo e cando teño que recollelo, vou e vos digo que agardedes un momento porque tedes que incluír unha pregunta máis no traballo?

Que vos parecería? Seguramente fariades baixar os santos do ceo (isto non o dixen).
E agora si, agora quedoulles claro.

Eles e elas tamén entenden.

Elas e eles tamén están desorientados.

Todas e todos imos atoutiñando, ás apalpadas e con medo de caer.

Tempos estraños en que os vellos títulos dos 80 adquiren novo significado. Malos tempos…

Malos tempos en que as mentiras traspasan a pantalla do televisor tentando instalarse no subconsciente.

Non esquezamos, a memoria é o antídoto imprescindíbel para os días que corren.

Non esquezamos que o protocolo (o carafuncho do protocolo!) publicouse por primeira vez o día 22 de xullo de 2020, ao mesmo tempo que o profesorado se manifestaba diante das portas da Consellaría de Educación esixindo que se retirase ese documento que baixo a denominación de borrador fora enviado ás centrais sindicais dous días despois de que o PP obtivera maioría absoluta.

Unha publicación que se fixo coa oposición de todos os sindicatos que unanimemente e en nome do profesorado que os elixiu para estaren presentes na Mesa Sectorial reclamaron da Consellaría que retirase o documento e ante a negativa dun partido que aínda estaba coa resaca da noite electoral decidiron, por dignidade e coherencia, abandonar a mesa mal chamada de negociación.

Non o esquezamos. Porque agora, día si e día tamén un señor que é o presidente do Goberno galego di que as mobilizacións de setembro se convocaron antes de coñecerse o protocolo e iso non é certo (estou sendo educada, como vedes). Pode repetilo todas as veces que queira e mesmo berrar ao expresalo, nin así se converterá en verdade.

Non o esquezamos porque despois desa versión do 22-07-2020, cun título de 20 palabras, 121 caracteres e 96 páxinas en que se recollía expresamente:

“Durante as clases en aulas nas que o alumnado se dispoña sentado en pupitres e todos orientados nun mesmo sentido, establecerase unha distancia física mínima de 1 metro sen uso de máscara.”
viu a versión do 31-08-2020 cun título de 65 palabras, 425 caracteres e 93 páxinas en que se recollía expresamente que:

“De forma xeral, manterase unha distancia interpersonal de polo menos 1,5 metros nas interaccións entre as persoas no centro educativo. En educación infantil e na educación primaria, a organización do alumnado establecerase, con carácter xeral, en grupos de convivencia estable, en cuxo ámbito non se aplicarán criterios de limitación de distancia… A distancia a manter entre postos escolares será a máxima que permita a aula, para a aplicación do criterio de medición a distancia realizarase dende o centro das cadeiras”

A Consellaría comezou entón a dicir que estas modificacións obedecían ao cambio de criterios do Ministerio, que acababa de decidir e informalos nesa semana que a distancia tiña que ser de 1,5 m.

Estas cousas dinse así, con naturalidade, coma se nós non tivésemos máis información ou non soubésemos que o 9 de xuño, xuño, xuño, máis dun mes antes de que se publicase a primeira versión, a distancia xa era de 1,5. Digo, como se non soubésemos e puidésemos comprobar que o 9 de xuño se aprobara o Real Decreto 21/2020 que contiña este pequeno detalle:

“Artigo 9. Centros docentes. … En calquera caso, deberá asegurarse a adopción das medidas organizativas que resulten necesarias para evitar aglomeracións e garantir que se manteña unha distancia de seguridade de, polo menos, 1,5 metros. Cando non sexa posible manter dita distancia de seguridade, observaranse as medidas de hixiene adecuadas para previr os riscos de contaxio.”
Xuño. A verdade é que non os informaron con suficiente antelación (non teño que dicir que son irónica, ou si?).

Non esquezamos que estas modificacións no protocolo coincidiron tamén co rexistro e a convocatoria de dúas xornadas de folga. E non fai falta dicir que xustamente as mobilizacións previstas e as xa feitas, así como os apoios expresados a elas, explican os cambios substanciais na nova versión, coma os desdobres, malia ser unha medida non universal, nin debidamente garantida.

E setembro avanzaba cara a un dos inicios de curso máis convulsos que eu lembre. En todo caso, un inicio de curso absolutamente inédito, que non puido ser máis caótico, un caos, por certo, provocado, única e exclusivamente, polos dirixentes políticos da Consellaría de Educación.

Faltaban varias guindas. Por exemplo, unha versión máis do carafuncho do protocolo. Versiooón do 23 de setembrooo! Vivaaa!

É vostede profe? Directora? Xefa de estudos? Ha, ha, ha, ha, ha. Desculpe que me ría. A quen se lle ocorre. Ah, que tiña xa todo elaborado e previsto? Fódase! Ten que cambialo.

Outra vez.

Versión do 16-09-2020, título de 19 palabras, 121 caracteres e 89 páxinas. Inda bo é que vai diminuíndo as páxinas. Iso si, nesta data viu acompañado dos correspondentes protocolos de atención á diversidade e comedores.

Dóeme a cabeza.

Mal, porque isto pode ser un síntoma de COVID. Teño que mirar o anexo, tomar a temperatura, preocuparme, desesperarme, preguntarme se estarei contaxiada ou será a tensión que me devora… Por favor!

Nin con humor.

Nin con humor porque o curso comezou e segue faltando profesorado e respostas a moitas preguntas que levan semanas agardando resposta.

Desprezo, desprezo, desprezo. Ese é o seu lema.

Mais contra estoutro andazo, temos a medicina da mobilización. Non esquezamos que “a burbulla está en San Caetano” e a nós nos corresponde tiralos fóra e colocalos diante da realidade.