A neutralidade non é posible, nunca. Non existe nos medios de comunicación e non existe no sistema xudicial do estado español nin nas forzas da orde, nin no sistema educativo. Se che venden algo como neutro ou inocuo, mellor bota a correr ou polo menos pénsao dúas veces. Hoxe espállase con máis facilidade que nunca o discurso do “non mollarse”, do “manterse á marxe” do individualismo, do “bah, podiamos estar peor”. En definitiva, o discurso da anestesia permanente xeneralizada para que ninguén cuestione o sistema que nos tocou vivir. Forma parte da “esquizofrenia” social, que tamén podemos chamar contradicións, de que moitas persoas votan a opcións políticas que saben con certeza que non defenden os nosos intereses senón que máis ben atentan contra os nosos dereitos fundamentais, afectando negativamente no noso día a día.

E parece mentira que isto ocorra precisamente nestes días, nunha época na que estamos expostas a unha cantidade de información sen precedentes. Non é de estrañar, non obstante, se temos en conta que realmente o que estamos é sobreexpostos a demasiada información en cantidade pero extremadamente pobre en calidade. Neste aturullamento que sufrimos é máis fácil que nunca sucumbir e caer na propaganda sistémica que nos bombardea por tódolos medios, desde a televisión ata as redes sociais, e mesmo nos círculos máis próximos.

Agora máis que nunca, se queremos unha sociedade máis libre, onde a explotación quede nos libros de historia e onde o noso país poida desenvolver as súas potencialidades sen atrancos, só hai un camiño: o da organización e a loita. É por iso vital seguir a promover e reforzar o tecido social autoorganizado na Galiza, como única vía para acadar a independencia nacional, e polo tanto a nosa soberanía, e será a organización e o compromiso militante da mocidade de hoxe o que marcará a diferenza á hora de exercer unha oposición real ó réxime do 78 e o imperialismo do século XXI.

E si, é certo que a mocidade é especialmente permeable ó discurso do sistema e a tendencia á desmobilización alcanza límites preocupantes. Vendéronnos a idea de que “a política non mola”, ou si que mola pero só se se pode facer a través duns cantos “gústames” de facebook e quizais algunha mobilización (que esixa pouco traballo) de vez en cando para vermos que “non estamos sós” e “xa está todo feito”, como aconteceu no pasado 8 de marzo. Moitas persoas, dunha convocatoria cun papel difícil de delimitar pero sen dúbida determinante dos medios, saíron satisfeitas coa idea de que as reivindicacións do feminismo están practicamente logradas e que a igualdade real se acadara aí nesas fotos de prazas ateigadas de mulleres na rúa. As mobilizacións foron, sen dúbida, masivas e mostra de que algo se está a mover, pero non servirán de moito se non veñen acompañadas pola loita diaria, que, desde logo, é moito máis complexa e dura, non queda tan ben nas fotos que partillamos nas redes sociais, e non chega cun marxismo-leninismo de postureo – desculpádeme a aberración, por favor.

Como mocidade, o compromiso activista coas causas xustas non só contribúe á transformación da sociedade, senón que nos enriquece substancialmente como persoas e forma parte da nosa aprendizaxe individual e colectiva. Mediante el adquirimos responsabilidades, ferramentas e competencias para o noso desenvolvemento persoal e político. Isto aplícase tanto no ámbito estudantil, coma no xuvenil, o sindical, o partidario, e mesmo nas institucións. Por non esquecer o asociacionismo, ferramenta esencial para a actuación directa na sociedade pola capacidade que ten para influír en sectores determinados da poboación. Aquí entra o asociacionismo cultural, deportivo, veciñal, etc., ou calquera tipo de colectivo que organice traballo en beneficio do pobo e teza redes de activismo social. Este tipo de traballo é tamén o que desde o nacionalismo galego se ten promovido como prioritario en tódolos ámbitos, e que constitúe unha das bases da nosa actividade política.

Claro que todo isto é moito máis complexo e dá moito máis choio ca facer “política de sofá” ou de redes sociais. Tampouco abonda limitarse a campañas electorais se non as acompaña o traballo diario nas rúas e en tódolos ámbitos da vida pública. A política, cando se fai en serio, é un traballo moi duro e esixe sacrificio. Mais é o único camiño para transformar a realidade.

Por isto, ante a onda propagandística que nos intenta convencer de que pertencer a unha organización política é algo do que debemos sentir vergoña, que a militancia “non mola”, que antes se manifestaba nun simple “organizarse é unha perda de tempo” e que agora se reconverteu coa chamada nova política nunha especie de “necesitamos outras formas de actuación política, espontáneas e que partan da xente” esquecendo que a organización é clave para que calquera transformación social real sexa posible, nós damos a cara. Opoñémonos a este discurso oficial neoliberal que nos mete unha actitude individualista polos ollos, onde calquera tipo de acción colectiva é desprezable e prexudicial para o desenvolvemento e a expansión do sistema, opoñémonos a este posmodernismo “neutral” que canaliza tódalas carraxes coma quen lle dá un caramelo a unha crianza para que esqueza o que realmente lle preocupa.

Mentres no mundo continúa o avance do capitalismo, o imperialismo, o colonialismo, as guerras, a sofisticación da explotación laboral, o machismo, as discriminacións contra as persoas LGTB, o racismo, a propaganda sistémica que conduce ó individualismo para que quedemos sentadiños na casa e non fagamos nada, e mentres continúa tamén a imposición do discurso do odio como ferramenta para coartar a liberdade de expresión e para discriminar a grupos marxinados, e como forma de oprimir aínda máis as nacións sen estado como estamos vendo dunha forma cada vez máis clara desde os últimos acontecementos en Catalunya, é nas loitas colectivas e organizadas que florecen as mellores e máis elevadas características do ser humano.

Neste contexto ningún logro, por pequeno que sexa, é insignificante se responde ós intereses do pobo. Todo conta, desde a mellora da calefacción nun centro de ensino, pasando polo aumento dos horarios dunha liña de autobús ata a mellora das condicións salariais nunha empresa. É estar non só ó lado da clase traballadora galega, senón nela. Contacto continuo en cada colada, en cada reparto, en cada reunión para escoitamos as problemáticas nas empresas, en cada xuntanza coa mocidade dun concello, en cada proposta que levamos ás institucións, en cada actividade organizada, en cada texto que editamos.

E, deste xeito, non caracterizándome eu nunca por un gran amor á humanidade (eiva que compatibilizo como podo con ser comunista), non podo deixar de recoñecer que a sociedade, tan caótica e contraditoria como é, cando se organiza é capaz de facer cousas grandes. E só por iso (que non é pouco) calquera sacrificio paga a pena.

 

O Orixinal atópase no dixital Terra e Tempo: http://www.terraetempo.gal/artigo.php?artigo=4934&seccion=4