Hai catro anos realizábamos o XIV congreso da UPG nun contexto ben diferente. Na altura, a irrupción electoral da chamada ‘nova política’, alegadamente rupturista, tiña provocado confusión e un cativo resultado para o nacionalismo que levou a perder a representación que durante 20 anos mantivéramos en Madrid. Provocou tamén un debate intenso sobre os camiños a seguir, en que un sector do nacionalismo –afortunadamente minoritario- optaba por una alianza electoral coa esquerda española que, aliás, só se podería producir desde una posición de evidente subordinación.

Nese contexto, no XIV Congreso, o noso Partido apostou en manter o rumbo e reafirmarse no práctica da autoorganización, tamén a nivel electoral. E fixémolo, non por ninguna clase de principismo estéril, senón por sermos absolutamente conscientes de que iso significaba salvagardar a independencia organizativa e de criterio imprescindíbeis para garantir que a actuación do nacionalismo dependese sempre e exclusivamente daquilo que interesa á causa nacional da Galiza e aos nosos intereses como povo.

Non por casualidade o principio de autoorganización está no cerne da existencia do nacionalismo e tamén non por acaso é sistemáticamente atacado polas forzas españolas –de dereita ou de esquerda- que conflúen na defensa do mantemento da España única que nos nega como nación e como povo.

Éramos moi conscientes que se trataba dunha decisión estratéxica, que ía moito alén da conxuntura do momento, e por iso a única posíbel. Mesmo se iso significaba asumir unha etapa difícil de resistencia. Foi, aliás, unha posición moi maioritaria no nacionalismo galego, que partillamos con centenas de compañeiras e compañeiros do BNG, e que a frente patriótica aplicou con determinación para alén de todas as dificultades.

Agora, coa perspectiva que dá o tempo, non só podemos constatar que a decisión foi absolutamente acertada, senón tamén que deu resultados políticos positivos. Creo que ninguén no BNG dubida hoxe de que os pasos dados en 2016 supuxeron apostar por un nacionalismo galego socialmente actuante (tamén no plano electoral) e con capacidade de intervención propia no seo do noso povo, sempre con absoluta coherencia na súa liña política e ideolóxica.

Hoxe, apenas catro anos despois, o contraste entre un Bloque Nacionalista Galego fortalecido, que avanza, que crece en organización, que gaña apoios políticos e electorais día a día, e unha mal chamada ‘nova política’ en constante refluxo, non deixa dúbidas sobre o acerto das decisións adoptadas e do camiño andado.

Con todo, convén sempre reflexionar sobre a propia experiencia, para aprender dela, especialmente para asentar no noso campo as posicións que posibilitan ao nacionalismo gañar terreo e desterrar definitivamente liñas e orientacións que conducen a becos sen saída para un movemento que nunca ten de perder a perspectiva do obxectivo final da soberanía nacional do noso País.

É isto que tamén facemos neste noso XV Congreso. Analizamos e constatamos que nos debates políticos e ideolóxicos que historicamente enfrontou o nacionalismo -e moi especialmente nos últimos 8 anos-, encontramos dúas tendencias que, desde posicionamentos diferentes, tentaron pór en cuestión unha orientación inequivocamente popular, antiimperialista e de ruptura co rexime español, que ten como alicerce a auto-organización do povo galego; orientación que foi, sen dúbida, a que nos trouxo até aquí.

Por un lado, aquela que foxe da confrontación co rexime político español, que evita o cuestionamento do modelo constitucional e autonómico, que considera que unha opción política galega pode gañar a hexemonía social cun discurso ‘amábel’, que evita o conflito político entre a Galiza e España e que se sitúa na práctica -e acaba por facelo tamén na teoría- no campo do galeguismo autonomista. A argumentación empregada defendía que deste modo a mensaxe galeguista sería máis asumíbel polo povo galego e iría levar a gañar amplos apoios electorais. A experiencia evidenciou que, oito anos despois, esa liña resultou claramente fallada, tanto do punto de vista electoral como tamén de presenza social e institucional.

Por outro lado, a vía da alianza subordinada coa esquerda española, a partir da negación da capacidade da Galiza para avanzar por si propia no camiño da soberanía e, por tanto, desde a asunción da non confianza nas propias forzas. A renuncia, en definitiva, non só á autoorganización, senón tamén na práctica á propia necesidade ou utilidade do nacionalismo. A consecuencia real neste caso foi a de debilitar o nacionalismo e o propio País na medida en que contribuíu para reforzar as dinámicas políticas españolas na nosa nación.

Analizamos acertadamente nas teses que estamos realmente diante dunha versión -agora enfeitada de ‘nova política’- dun vello debate que o noso Partido e o nacionalismo tiveron que enfrontar desde a reorganización en 1964 frente á esquerda española. Un debate que o noso Partido sempre enfrentou con decisión desde a convicción de que a autorganización do pobo galego é a única garantía de manter a independencia de criterio e a capacidade de decisión soberana para encarar con éxito o proceso de emancipación nacional e social. A experiencia mostra que ningún povo oprimido ou colonizado foi capaz de alcanzar a independencia sen organizacións políticas propias e soberanas que a reclamasen e loitasen por ela.

En todo o caso, hoxe constatamos que ambas as correntes fracasaron socialmente e acabaron na indixencia política. Fica claro que non pode haber avances reais nunha nación colonizada como a nosa sen atacar as causas profundas dos problemas sociais e económicos, de carácter estrutural, que padecemos. Quer dicir, sen cuestionar o marco xurídico-político constitucional e autonómico e a inserción dependente da Galiza no Estado español.

Aliás, tamén desta experiencia podemos tirar unha conclusión de interese para a nosa acción política: o nacionalismo non gaña máis apoios sociais por se acomodar ás liñas de pensamento dominantes na sociedade, senón xustamente dando con decisión a batalla das ideas, evidenciando as contradicións, concienciando e sendo capaces de achegar, pouco a pouco, as maiorías sociais ás teses que nós defendemos.

Sen confrontación política e ideolóxica non hai resultados para un movemento que aspira a un obxectivo estratéxico incompatíbel co rexime constitucional español. Tampouco no campo electoral. Precisamente, se algunha lección podemos tirar da chamada ‘nova política’ é a importancia da solidez política e ideolóxica e tamén organizativa frente ao recurso ao marketing e a política aparencial.

Vimos como unha forza, mesmo carecendo de organización e estrutura territorial, pode coñecer un éxito electoral fulgurante, a condición de contar cos apoios mediáticos necesarios, que só son posíbeis -claro- se tamén se conta co prace dos poderes reais. Mais puidemos igualmente comprobar como, cando interesa ao sistema retirar eses apoios, o refluxo é igual de rápido. Sabemos que o nacionalismo galego non vai contar nunca co beneplácito dos medios do sistema. Se ao longo destes anos puidemos resistir primeiro, ir superando as dificultades e avanzar despois, foi porque -como salientamos nas teses- a grande fortaleza do nacionalismo está na organización, na firmeza ideolóxica, na estrutura militante por todo o País, na introdución social, no traballo nas organizacións de base, no activismo e no proselitismo social…

É precisamente por iso que neste tempo nos preocupamos por reforzar o traballo social e por definir e abordar, para alén do ámbito electoral e institucional, obxectivos políticos e sociais que contribuísen para fortalecer o nacionalismo desde a consciencia de que son vitais para alargar a nosa capacidade de incidencia social.

E é de xustiza recoñecer que co esforzo de moitas persoas, co contributo de moita militancia do noso Partido e do BNG se teñen producido avances significativos en algúns ámbitos. Eu quero salientar aquí que neste período, a CIG se tornou a primeira central sindical do noso País e unha ferramenta imprescindíbel para a defensa da clase traballadora galega.

Precisamente, agora que estamos ás portas dunhas eleccións que poden ser decisivas para o futuro do País e do nacionalismo, temos máis claro do que nunca que o que nos fai avanzar é sermos unha forza política coherentemente nacionalista, que vai á raíz dos problemas, que cuestiona non só as consecuencias da dependencia senón a dependencia mesma. Temos claro que medran a conciencia e a organización na medida que desenvolvemos un traballo de mobilización social e de intervención institucional cohesionado e que enfronte con decisión o conflito social e político e a batalla das ideas.

É precisamente neste contexto de avance do nacionalismo en que é máis importante do que nunca enveredar o camiño certo, para non fanar as amplas posibilidades que se abren. Tamén aprendendo da experiencia, da propia e da allea, da positiva e da negativa. E o noso camiño non pasa por tentar xestionar a realidade existente, senón por transformala. Facer política para nós, na rúa e nas institucións, implica facer nacionalismo, evidenciar as contradicións, enfrontar os debates; implica, en definitiva, un compromiso difícil pero necesario.

Por fortuna, temos grandes virtudes e unha delas é a nosa capacidade de crítica e autocrítica, a nosa disposición a identificar os problemas, as fraquezas e a tentar resolvelas. Temos militancia disposta e entregada e tamén unha folla de ruta definida.

Recollemos nas Teses unha actualización das análises políticas do contexto internacional, estatal e nacional en que temos que actuar. Acertar nas análises significa partir dunha base correcta, dun diagnóstico adecuado para definir tamén as liñas de actuación.

O contexto actual, cun rexime político español cunha importante crise que se prolonga por anos, mais ao mesmo tempo con grande capacidade de reacción, é complexo para o movemento nacionalista. Ao tempo, abre tamén expectativas positivas que debemos saber aproveitar.

De facto, se o compararmos co momento en que realizábamos o anterior Congreso, podemos concluír que estamos nun bon momento para o nacionalismo.

Froito de todo o esforzo e do traballo coherente realizado, consolidamos a presenza municipal e europea e recuperamos a representación no Congreso. Agora, encaramos as eleccións galegas como un grande reto mais tamén como unha grande oportunidade de avanzar.

Sendo así, non podemos nin debemos caer na autocomplacencia considerando que xa está todo feito, porque non é verdade. Como sempre o resultado dependerá de nós, do que nós propios, nos própias, sexamos capaces de facer. E non podemos fallar. Para isto tamén deben servir os debates e resolucións deste Congreso.

Non quero terminar esta intervención sen lembrar o contributo inestimábel dos e das camaradas que traballaron con nós e que xa non están. E, especialmente, unha persoa que encarna como ninguén a traxectoria de loita e compromiso da Unión do Povo Galego ao longo de 5 décadas e que por primeira vez nun Congreso do Partido non está entre nós, o camarada Bautista Álvarez. Coa súa memoria como referente incontornábel, continuamos a loita por unha patria libre, por unha Galiza ceibe e socialista.

Discurso de apertura do XV Congreso da UPG realizado por Néstor Rego, Secretario Xeral