Discurso no acto de tributo a Bautista Álvarez o 22 de outubro de 2022 no Auditorio de Galiza de Santiago de Compostela

Moito boa tarde camaradas, amigos e amigas. Antes do máis, lamento inmenso non poder estar fisicamente aí con todos e con todas vós e ter que intervir desde a distancia, mais non quería que de ningún modo ninguna afección me impedise participar deste necesario acto de tributo a Bautista Álvarez.

Porque cando Bautista nos convoca, temos que estar. E hoxe convócanos a súa memoria e o seu exemplo. Mais tamén a persoa. Hai sempre unha dimensión humana neste tipo de actos lóxica e absolutamente necesaria, que se alimenta de todos eses momentos que, á beira do traballo político, moitas e moitos de vós partillastes, partillamos, con Bautista. E son momentos que nin esquecemos nin esqueceremos.

Como Partido, queremos render tributo de gratitude e recoñecemento a unha figura central non apenas da Unión do Povo Galego, senón tamén do BNG e do movemento nacionalista contemporáneo; unha persoa que, con absoluta coherencia e entrega, dedicou toda a súa vida á causa máis nobre e máis xusta, a causa dunha patria libre, dunha Galiza ceibe e socialista.

En 2014, no acto conmemorativo do 50 aniversario do noso Partido, Bautista destacaba que é significativo que a UPG sexa a única organización política galega que permaneza en activo despois de 50 anos co mesmo nome e baixo o mesmo ideario. Temos que salientar que el non só acompañou esa traxectoria colectiva con una traxectoria persoal non menos brillante, senón que, ademais, foi artífice principal dela.

Trinta deses máis de 50 anos como Presidente da UPG, mais de 20 como dirixente do BNG após o papel determinante que xogou no proceso de conformación da fronte patriótica de que nestes días estamos a comemorar o 40 aniversario, varias lexislaturas como deputado no Parlamento da Galiza e sempre coa preocupación constante por acertar nas análises e nas propostas de maneira que o movemento nacionalista fose dando pasos firmes no camiño da soberanía.

Mais, sobre todo, con total confianza no noso pobo, con absoluta honestidade e con permanente lealdade á Galiza e ao nacionalismo. Esa traxectoria impecábel converteu Bautista nun referente incontornábel no nacionalismo e na política galega. Foino en canto estivo entre nós e continúa a selo hoxe.

Porque, para alén do máis, do seu legado fai parte unha obra teórica extraordinaria, que se foi forxando ao ritmo das necesidades analíticas e propositivas do nacionalismo e que contribuiu de maneira excepcional a acertar nas orientacións políticas que fixeron o nacionalismo avanzar na sociedade galega ao tempo que foi constituíndo un corpus teórico invulgar, hoxe plenamente útil e vigorante.

Partindo do mellor da tradición nacionalista e armado co marxismo como ferramenta analítica -Castelao e Marx, (lembrámolo sempre afirmando: nunha man o Sempre en Galiza, na outra O Capital, nesa orde)- Bautista foi disecando con fino bisturí a realidade galega, mais tamén achegando propostas, liñas de traballo e alternativas congruentes.

Aliás, tanto polo seu contido como polo estilo característico de Bautista, cada artigo, cada intervención, cada discurso, virou unha pequena xoia política e literaria. As poderosas imaxes que costumaba utilizar para apoiar as súas argumentacións e que, ademais, deixaban translucir os seus vastos coñecementos quer da cultura galega quer da cultura universal, nunca deixan de nos sorprender.

Unha desas imaxes ficou gravada na miña memoria desde o momento en que a pronunciou, acho que na Asemblea de Ourense, aló por 1998, teño a certeza de que tamén na de moitos e moitas de vós. Lembro perfectamente Bautista na tribuna, coa vehemencia que o caracterizaba, no medio do debate que estaba a decorrer: “O condor non pode voar con asas emprestadas”. Unha imaxe que sintetiza como poucas o que de verdade significa o principio de autoorganización do pobo galego.

Así é, porque, con independencia das decisións tácticas que o nacionalismo teña adoptado en cada momento en función do contexto, sempre actuou desde o respecto ao exercicio da autoorganización e da confianza na propia capacidade e nas propias forzas. Nunca se deixou engaiolar por pretensos atallos que non eran tal. Nunca a Galiza voou con asas emprestadas porque nunca o poderá facer.

Desouvindo non apenas Bautista, máis a experiencia histórica do nacionalismo e até a propia traxectoria, houbo quen o tentou e os resultados foron esclarecedores. Non confiar nas propias asas, no propio pobo, nas propias forzas e procurar fóra remedio que non se quer achar no propio País, só deriva en máis debilidade e máis dependencia.

Sirva isto para, sen ánimo de exhaustividade, introducir algunhas das preocupacións insistentes de Bautista que son tamén preocupacións recorrentes nosas no traballo que temos que desenvolver hoxe.

Fortalecer a autoorganización e a conciencia nacional foi unha delas, pois con absoluta e convicción -e con razón- alegaba que se a conciencia do noso pobo crece e se reforza, ofrece unha base moi sólida desde a que non só resisitir se for preciso, mais tamén avanzar e alcanzar novos obxectivos políticos no ámbito que for, no social, no organizativo, no institucional, mesmo no electoral.

Bautista tiña claro, como ten claro o noso Partido, que unha forza que naceu con vocación revolucionaria ten que empregar todos os métodos de loita que fagan avanzar o proxecto, sabendo compasar de forma adecuada a actuación en todas as frentes, na institucional e na social, mantendo unha presenza permanente e activa na rúa, na mobilización e nos conflitos. E aínda, en relación coa concorrencia electoral, que sempre “o proceso e a participación institucional que dela se deriva sirva para avanzar nos obxectivos e non para consolidar o sistema”. Esa ten que ser tamén unha preocupación permanente nosa. Acertar para avanzar.

Acertar, así mesmo na combinación de táctica e estratexia, mesmo á hora de orientar algún dos desafíos políticos e institucionais máis inmediatos. O nacionalismo non naceu para derrotar o Partido Popular na Xunta da Galiza, embora derrotalo sexa hoxe un obxectivo táctico de primeira magnitude que permita ir para a frente no obxectivo estratéxico dunha Galiza liberada. Como sempre defendemos e nos lembra Bautista, a contradición principal é Galiza-España, o antónimo do nacionalismo está no españolismo, que abranxe todo o abano ideolóxico comprometido cunha Constitución que nos nega como nación e sacraliza a dominación sobre a Galiza. O nacionalismo ten que estabelecer as alianzas imprescindíbeis en cada caso, mais sempre sen perder esta perspectiva esencial.

E lembraremos nós escoitar o noso camarada insistir en que “a descolonización do noso pobo comeza pola descolonización das mentes”, atribuíndo un papel central á batalla das ideas e á formación política para o alargamento da conciencia nacional e aínda da eficacia política do labor desenvolvido na sociedade galega, ámbitos en que de maneira autocrítica temos que recoñecer que nen sempre dedicamos o nivel de atención preciso ou que puidemos e debemos, que podemos e debemos facer moito máis.

E, por último, quero sinalar o papel que Bautista atribuía á nosa lingua, non só como mellor expresión -xunto coa cultura- da nosa identidade e co permanente obxectivo político normalizador, mais tamén polo estrito coidado con que se sempre fixo uso dela, preocupándose por empregala con absoluta corrección, porque aquilo que non sería nunca aceptábel nunha lingua normalizada, tampouco pode selo na nosa, que non é menos que ningunha outra. Bautista, tamén nisto, dando exemplo e servindo de exemplo.

Non quero estenderme excesivamente, pois ademais son consciente de que este medio de intervención é especialmente cansativo, mais tamén non quería finalizar sen facer referencia a algúns dos máis importantes desafíos políticos que o nacionalismo galego ten por diante e nos que, sen dúbida, tamén as reflexións de Bautista nos poden orientar.

Imos encarar un ano en que teremos dous procesos electorais -municipais e xerais- e despois, en 2024, outros dous, europeas e galegas. Todas, sen dúbida moi relevantes e que, aliás, queremos que conformen un ciclo único que confirme a capacidade do nacionalismo de determinar o futuro político deste País e de mudar definitivamente o rumbo. Temos a certeza de que o imos conseguir, mais para iso temos que traballar xa coa maior intensidade de que sexamos capaces na preparación dunhas eleccións municipais en que o BNG pode e debe experimentar un importante salto adiante.

E para que? Pois para facer avanzar os concellos, para mellorar a vida da xente, mais tamén para facer avanzar o nacionalismo, para mover o país. Permitídeme traer aquí unhas oportunas palabras de Bautista Álvarez: “O éxito dunha boa xestión municipal, ademais de ser un compromiso contraído co noso electorado, forma parte da nosa ética política. Pero non abonda, se ao final do mandato non deixamos máis Galiza, máis impronta nacionalista, máis poder popular en movemento e menos caciquismo. O controlo das institucións serve na medida en que permita levar a cabo as transformacións que a sociedade necesita.” Con esa premisa traballamos.

Mais antes, de forma inmediata, o nacionalismo ten de enfrontar unha grave crise social e económica á que nos arrastraron os intereses da oligarquía e do imperialismo e que se manifesta fundamentalmente -non só- nunha escalada de prezos que está empobrecendo aínda máis as clases populares galegas. Unha crise que se suma á xa cronificada crise industrial do noso país, á crise demográfica e ao permanente e continuado espolio a que estamos sometidos.

E frente a isto, só o nacionalismo galego está a reaxir. Debemos facelo aínda con máis intensidade, porque aquí está en xogo o noso futuro e tamén a nosa credibilidade política. Aquí é onde a sociedade galega mellor pode ver que o nacionalismo representa unha alternativa ao conxunto das forzas que actuan como pilares do réxime de 78, que no fundamental van estar de acordo.

Por iso, cando todo indica que a situación só vai mudar para se agravar aínda máis, a resposta ten de ser potente, nas institucións e na rúa. Impulsando, organizando e liderando o descontento social e pondo en evidencia que tamén aquí, a única alternativa real é que a Galiza teña capacidade real de decidir, teña plena soberanía.

O nacionalismo galego xa mobilizou e mobilizará contra esta crise social e económica, contra as decisións do Goberno español e contra a inacción do Goberno galego. O nacionalismo galego xa mobilizou e mobilizará contra o roubo continuado dos nosos recursos, contra o espolio enerxético, do noso aforro, dos nosos impostos, do noso talento pola vía da emigración xuvenil… O nacionalismo galego xa mobilizou e mobilizará contra as decisións alleas -como agora de novo na pesca- que queren impedirnos vivir do noso traballo e desenvolver as nosas potencialidades para podermos ver mellorar a calidade de vida e benestar de todos os galegos e galegas.

E tamén, o nacionalismo galego xa mobilizou e mobilizará contra a escalada belicista de aqueles que, ao servizo do imperialismo norteamericano, se empeñan en meternos cada vez máis nun conflito que ameaza con deflagar a grande escala, con consecuencias impredecíbeis. Mais que xa hoxe, para alén da dor e sufrimento que provoca, está a afectar de maneira importante a calidade de vida e as expectativas vitais das clases populares galegas. E máis que o fará, cun Goberno que se empeña en actuar de fiel vasalo do amigo americano e que vai aumentar só nun ano máis de 3.000 millóns de euros o gasto militar -negocio para o complexo militar-industrial dos EUA-, recursos que non poderán ser destinados a políticas sociais peremptorias ou a mellorar servizos públicos como a sanidade ou os servizos asistenciais.

Nós dicimos con claridade non ao gasto militar, non á OTAN e non a esta escalada belicista.

Amigas e amigos, nunha das súas últimas intervencións públicas, Bautista deixou dito, falando de Moncho Reboiras “o maior inferno para quen morreu por unha causa é a morte da propia causa”. Temos a certeza de que o nacionalismo galego non morrerá nunca, precisamente porque xorde como unha necesidade do propio país. Mais, en todo o caso, comprometémonos, máis unha vez, hoxe con Bautista, a traballar para facelo avanzar até a vitoria. Unha vitoria que brindaremos ao camarada Bautista, a Moncho, a Bóveda, a Castelao, a Rosalía; a todas e todos os que foron abrindo e alargando o camiño polo que o noso pobo avance para a soberanía, para unha patria libre, para unha Galiza ceibe e socialista. Esa é a mellor homenaxe que podemos facer a Bautista e a todas e todos eles.

Obrigado.