Hai un ano que despedíamos Bautista álvarez neste mesmo lugar, mais facíamolo desde a certeza de que quen dedica a vida a unha causa xusta non morre nunca, pois a súa memoria perdura no corazón do povo. É por iso que Bautista permanece entre nós e a súa lembranza convócanos hoxe aquí nun acto que non é mero ritual, pois á beira da inevitábel, salutar e necesaria dimensión humana que se nutre de momentos partillados, de amizade, de camaradaxe, ten unha profunda carga política. Tena, porque, como xa deixamos dito naquela altura, o contributo de Bautista Álvarez á causa da liberdade do povo e da patria non expirou co seu alento derradeiro, senón que continúa alimentando e fertilizando a nosa loita pola independencia nacional, por unha Galiza soberana e socialista.
E é así porque a súa traxectoria política e vital é de por si referencial para todas as galegas e galegos que aman o seu País e que queren velo libre e próspero. Como sinalábamos no pasado mes de agosto en Ferrol, no acto de homenaxe ao camarada Reboiras, Bautista Álvarez e Moncho Reboiras son os nosos grandes referentes éticos e políticos contemporáneos, e por iso erguemos con orgullo os seus nomes como bandeiras xunto aos de Rosalía, Castelao ou Alexandre Bóveda. Frente ao mar de lama permanente dos partidos do rexime, mais tamén frente ao oportunismo, ao tacticismo, ao transfuguismo, á falta de confianza na capacidade do povo galego ou ao sometemento a directrices alleas, nós temos neles dous farois que exemplifican perfectamente a razón de ser do nacionalismo popular, absolutamente diferenciadora de calquera outra das forzas políticas que operan no noso País. Nós estamos aquí non para xestionar o que existe, senón para facer posíbel un obxectivo verdadeiramente revolucionario: romper a dependencia da Galiza e conquistar a liberdade da nosa nación.
Comunista e patriota galego exemplar, Bautista encarna como ninguén o percurso do nacionalismo galego contemporáneo. Un movemento que el contribuíu como poucos a reorganizar; a conformar política, organizativa e ideoloxicamente; a alargar socialmente e no que exerceu un papel de liderado fecundo ao longo de varias décadas. Da fundación da UPG en 1964 á conformación do BNG en 1982; da loita clandestina sob a ditadura á firme oposición á Constitución española e ao Estatuto de autonomía; da articulación dunha alternativa soberanista de ruptura na chamada Transición e ao traballo político e parlamentar no cadro da democracia burguesa española, a pegada de Bautista está por tras das análises e das posicións tácticas e estratéxicas que se foron definindo e adoptando colectivamente e que lograron que o nacionalismo capilarizase a sociedade galega e avanzase de maneira significativa.
Neste mesmo ano, cando se fixeron 50 da celebración do Día da Patria Galega coa denominación actual, lembramos o contributo determinante de Bautista Álvarez á recuperación desa xornada de reivindicación dos dereitos nacionais, da democracia e da liberdade da Galiza.
Mais, o que é realmente importante é que ese traballo militante e de liderado do nacionalismo, fíxoo sempre con coherencia, con entrega xenerosa e con total lealdade á Galiza e ao movemento nacionalista. Tamén, por certo, con absoluta lucidez na análise da realidade galega e do contexto en que era preciso desenvolver a acción política, sen perder nunca a perspectiva de que aquilo que son instrumentos e medios de loita ou mesmo as necesarias adaptacións tácticas en cada momento, non poden substituír nin desviar o camiño do obxectivo estratéxico da soberanía, senón que teñen que contribuír para fortalecelo.
Mais tamén porque a súa vasta produción teórica continúa a nos fornecer elementos fulcrais para a reflexión e para a acción. Bautista nunca refugou o debate político e ideolóxico, por moi espiñentas fosen as cuestións a dilucidar ou delicadas as situacións a xestionar. Moi polo contrario, consciente do papel central que xoga a batalla das ideas no esclarecemento ideolóxico, na determinación das liñas de actuación adecuadas, na formación política e na toma de conciencia nacional, dedicou moitos dos seus esforzos -Castelao e Marx sempre presentes- á análise rigorosa, á interpretación e á argumentación, de forma a enriquecer e consolidar o corpus teórico do Partido e do nacionalismo.
Fíxoo, aliás, con enteira liberdade e honestidade, usando da autocrítica e da crítica afiada cando o considerou oportuno, por certo, na mellor tradición marxista e leninista, mais sempre cun estilo propio que acabou por o caracterizar. Os seus textos, artigos e discursos conforman, sen dúbida, quer polo estilo quer polo contido, pezas singulares e excepcionais da literatura política galega contemporánea. Máis, sobre todo, continúan a ser unha fonte de auga limpa en que beber e en que tomar novos folgos para continuar o longo camiño da liberdade. Loxicamente, poderemos discordar de apreciacións particulares, mais concordaremos sempre no esencial, na base analítica e propositiva, aínda de grande utilidade para a actuación no presente e no futuro.
Reparemos en que as principais preocupacións de Bautista, aqueles elementos en que máis insistiu na súa produción teórica, continúan a ser chaves para o avance do movemento nacionalista. A centralidade da oposición Galiza-España como contradición principal nun contexto colonial como o noso. A necesidade de fortalecer a autorganización do povo galego. O papel central que debe ter o traballo de concienciación da sociedade… “Antes e agora, o recurso máis importante para un proxecto de liberación é a sementeira de conciencia nacionalista” deixou dito. De onde se deriva a necesidade de realizar proselitismo político permanente, de atender a formación da militancia, de ter iniciativa e presenza determinante nos conflitos sociais ou mesmo de colocar as institucións en que estamos presentes ao servizo deste obxectivo. Insistía Bautista, e con razón, en que a organización e a conciencia nacional son sempre a mellor garantía de que o nacionalismo poida avanzar en todas as frentes, por moi difíceis que foren as situacións a enfrentar.
Como vemos, o legado de Bautista Álvarez continúa a ser frutífero para abordar os desafíos que temos por diante. Así pois, hoxe xuntamos aquí ao afecto, ao recoñecemento a unha figura central e a unha traxectoria excepcional na historia política galega contemporánea, ao tributo de gratitude por todo o que construíu e por todo o que inspirou, a necesidade de activar todo o potencial político que aínda encerran Bautista Álvarez e a súa obra para o colocar ao servizo da loita de liberación nacional e social do povo galego. E temos a certeza de que Bautista estaría feliz de comprobar que o seu labor continúa a ser útil e a prestar servizos ao movemento nacionalista e ao proceso de emancipación nacional e popular do noso País.
El propio deixou escrito -podedes lelo no folleto que tendes entre as mans- referíndose ao camarada Moncho Reboiras: ”O maior inferno para quen morreu por unha causa é a morte da propia causa”. Sendo así, tamén serve para quen viviu para unha causa, para aqueles que como Bautista dedicaron toda a súa vida a traballar por unha Patria libre e soberana. Pois estamos hoxe aquí convocados por Bautista Álvarez, prometemos que nunca deixaremos morrer a causa da liberdade do povo galego e comprometémonos a redobrar os esforzos para que a Galiza ceibe e socialista que el soñou e pola que loitou toda a súa vida sexa, máis cedo do que tarde, unha feliz realidade.
Texto do discurso pronunciado no acto de lembranza de Bautista Álvarez no aniversario do seu falecemento. San Cibrao das Las, 15 de setembro de 2018.