Camaradas, amigas e amigos:

Son estes tempos complexos, que entre outras cousas nos impiden expresar como é habitual a camaradaxe, mais que non afectan para nada o noso estado de espírito. Estamos aquí, máis un ano, para lembrar e render tributo ao camarada Moncho Reboiras. E estamos coa determinación de sempre e con enerxías renovadas.

Porque se estes son tempos complexos, tamén o son de esperanza. Tempos en que podemos e debemos redobrar o entusiasno na tarefa á que o compañeiro Reboiras entregou a súa vida, a da liberación nacional da Galiza, á conquista dunha Patria libre e dunha sociedade socialista.

Podemos porque a mesma firmeza política e ideolóxica que marcou a militancia de Moncho Reboiras foi a que mantivo o seu Partido, o noso Partido e o nacionalismo nos momentos difíciles, e sobre os mesmos principios. Autoorganización, coherencia política, mobilización social, traballo co povo no seo da sociedade galega, mantendo sempre un nacionalismo con vontade e capacidade de actuar socialmente na realidade concreta e inmediata sen por iso perder a perspectiva de a onde queremos chegar.

E debemos porque esta é ainda unha tarefa pendente e premente, á que temos de dedicar os nosos esforzos e o mellor da intelixencia colectiva do nacionalismo para darmos novos pasos no camiño que acheguen o obxectivo final da independencia da nosa nación.

Neste último ano, o nacionalismo avanzou en distintas frentes. A CIG reafirmou a súa condición de primeira central sindical do noso País, mantendo a súa posición mobilizadora e combativa e desde unha inequívoca perspectiva nacionalista e de clase.

O BNG consolidou a súa posición municipal e europea, recuperou a representación no Congreso e vén de dar un grande salto nas recentes eleccións galegas ao triplicar a representación e se situar como segunda forza política en confrontación directa co Partido Popular. Mais sobre todo, tornouse referencia central para todas as persoas que queren que as cousas muden neste País, especialmente para a mocidade. E é o grande potencial mobilizador que iso supón o que é preciso aproveitar para seguir avanzando.

Mais tamén, impulsada por militantes nacionalistas, a Galiza máis consciente de si propia foi dando pasos fundamentais en ámbitos decisivos como o da comunicación, a lingua, a cultura ou a defensa dos nosos dereitos nacionais. Esforzos que temos que seguir acompañando porque son vitais para que o noso País teña a cada día máis capacidade para pensar, analizar e actuar con criterio propio en función dos propios intereses.

Demostramos, en todo o caso, que aquí hai un povo digno, que non se resigna ao destino que escribiron para el, a seguir sendo maltratado e espoliado, e que está disposto a se pór en pé para reclamar cousas tan simples como poder vivir con orgullo e dignidade no propio país e na propia lingua e outras tan xustas como poder decidir libremente o seu futuro.

E certificamos, máis unha vez, que na loita pola liberdade da Galiza non hai atallos. Frente ás voces que chamaban a seguir o camiño aparentemente fácil e doce, aferrámonos ao mastro e mantivemos o rumbo cara á nosa Ítaca, a Patria libre soñada, sabendo que habíamos ainda de enfrontar moitos perigos mais tamén conscientes de que ese era o camiño certo. E hoxe estamos un bocadiño máis perto. Corresponde agora asegurar o campo e continuar avanzando.

Non obviamos que o Partido Popular mantivo a maioría absoluta e que as dúas principais forzas de ámbito estatal son no conxunto ainda moi maioritarias electoralmente. E porque estamos conscientes de que ese é un dos pilares en que, no contexto actual, se sustenta políticamente a situación de dependencia colonial da Galiza, é que temos que axir para gañar o apoio do noso povo. Porque o noso obxectivo é conquistar a hexemonía social, facendo que as políticas do nacionalismo teñan cada vez maior presenza, máis arroupe social,máis apoio electoral e cheguen a ser decisivas no noso País.

E sabemos que son os mesmos principios e a mesma coherencia soberanista que nos trouxo até aquí, os que van permitir que o nacionalismo continúe a a avanzar. Porque fica claro que se os resultados electorais do BNG non reflicten aínda unha mudanza social e política profunda, tamén é verdade que colocan o nacionalismo nunha magnífica posición para que o seu traballo e a súa mensaxe irradie con máis intensidade ao conxunto da sociedade galega.

Para iso, cando analizábamos os resultados electorais, marcábamos tamén algunhas pautas que achábamos esenciais para garantir que non se tornen un teito senón unha boa base para gañar novo impulso: Manter a coherencia política; seguir afondando na idea de que o BNG é a casa común do nacionalismo e que ten as portas abertas a todas as persoas que realmente acreditan na necesidade de a Galiza contar con forzas propias que defendan os seus intereses nacionais; orientar o esforzo á incorporación de novas persoas; fortalecer organizativamente o conxunto do nacionalismo e desenvolver proxectos que lle dean máis forza e solidez na sociedade. En definitiva, construír contrapoder galego e popular e traballar na expansión e fortalecemento da organización e do medre do apoio social e electoral do movemento nacionalista.

En todo o caso, é vital que o nacionalismo manteña a iniciativa política, a capacidade de analizar, de confrontar politicamente, de estar presente na conflitiva realidade social do noso país, de lanzar propostas e de lideralas socialmente. Frente ao País minguante, consecuencia da dependencia colonial e das políticas das forzas estatais, ten de emerxer con forza a Galiza viva que representa o nacionalismo.

E iso ten de ser visíbel no ámbito político, mais tamén no social e económico, no cultural ou no lingüístico. Porque se defendemos a soberanía é para, todos os galegos e galegas, podermos vivir mellor no noso País e na nosa lingua.

Frente a un País en crise económica, industrial, demográfica…, temos de defender a capacidade produtiva da Galiza e o dereito a desenvolvela sobre as propias potencialidades, como sempre fixo, fai e fará o nacionalismo. Vaia desde aquí, por tanto, o noso firme apoio solidario aos traballadores e traballadoras de Alcoa e ás xentes da Mariña na súa loita por manteren os postos de traballo e a actividade económica tan fundamental para esa comarca e para o noso País. E permitídeme dicir, porque é de xustiza, que se o conflito de Alcoa segue vivo e se enxergan perspectivas de solución é grazas ao papel do nacionalismo e, moi especialmente, grazas ao labor de dirección da CIG e do seu Secretario Xeral, o compañeiro Paulo Carril. Máis un exemplo de como o nacionalismo está sempre que é preciso na defensa do País e do povo traballador galego.

Mais é fundamental tamén manter a iniciativa no ámbito político, especialmente nun contexto en que son evidentes os síntomas de crise do rexime español, con independencia de que non debamos nunca desprezar a súa capacidade de resiliencia nin moito menos ignorar os poderosos recursos de que dispón para se manter ao prezo que for. Unha crise en que sobresaen dous elementos ben visíbeis: a loita das nacións polos seus dereitos e o descrédito xa absoluto da monarquía que converteran en pedra angular do rexime de 78.

Curiosamente en ambos, tamén neste último, somos as forzas soberanistas das nacións do Estado as que mantemos o pulso, ante a incomparecencia da chamada esquerda española, colaboradora do rexime desde a Transición e a aprobación da Constitución e mais acomodada do que nunca, agora desde as poltronas ministeriais.

A fuxida de Juan Carlos de Borbón no medio do mar de lama da corrupción abriu unha vía de auga que o rexime tentará tapar con control político e mediático e con represión. É así que se entende que a Fiscalía do Tribunal de Orden Público, agora denominada Audiencia Nacional, abrise dilixencias de investigación contra Ana Pontón por dicir no Día da Patria que hai que xulgar os Borbóns por ladróns e por corruptos. Pois ben, terá que abrir dilixencias contra todas e cada unha das persoas que militamos no BNG, porque non imos calar a verdade: que os Borbóns son ladróns e son corruptos. Porque esta é xa case unha evidencia histórica, avalada por varias xeracións borbónicas e constatada no presente por un rei que foxe sen devover o resultado do seu nada pío latrocinio exercido durante anos desde a Xefatura do Estado.

Con todo, nós nunca ficamos na superficie da cousas. Non é só o espectáculo deleznábel desa familia de parasitos sociais que vive a corpo de rei á conta de todas e todos nós. É a propia existencia dunha institución anacrónica e antidemocrática como a monarquía, restaurada polo ditador Franco, a que retrata perfectamente o rexime político español.

Por iso continúa sendo imprescindíbel a ruptura democrática que non se produciu ao final da ditadura. Mais non só co rexime de 78, senón a que naquela altura xa defendía o nacionalismo galego: a ruptura co Estado español para acabarmos co espolio colonial e a dependencia e para asumirmos a propia soberanía.

En todo o caso, esta crise abre un escenario de maior receptividade ás propostas do nacionalismo e permite visualizar perfectamente a existencia de dous modelos: o dun Estado español decrépito, que nos marxina e nos espolia; cunha xustiza reaccionaria; cada día con máis pulsión centralizadora, e cunha monarquía corrupta á frente. E o dunha Galiza dona dos seus recursos, que os aproveita para se desenvolver e crear benestar; unha Galiza cunha lingua normalizada, que aproveita as inmensas potencialidades -mesmo económicas- de partillala cos países da lusofonía; unha Galiza democrática, en que é realmente o povo é quen máis ordena, e que toma o futuro nas propias mans. Esa é a nosa proposta e témolo claro, frente á monarquía española corrupta, nós República Galega soberana.

Mais sabemos que o camiño hai que o andar paso a paso. Como dicía, non hai atallos para a causa da liberdade e non chega con enunciar os obxectivos para facelos realidade. Nunca o nacionalismo que representamos caiu nun ideoloxismo estéril como tampouco debe facelo nun pragmatismo inútil que non permita avanzar no camiño da soberanía. É preciso traballalos, facer pedagoxía política e xuntar povo detrás deles.

Por tanto, será fulcral nos próximos tempos cuestionar o marco autonómico como incapaz para dar solución aos problemas sociais, económicos e políticos do noso País. Un marco que o nacionalismo leva denunciando 40 anos por non representar un verdadeiro autogoberno senón unha mera descentralización administrativa. Aliás, non un dereito conquistado senón unha carta outorgada e que, por tanto, pode mesmo ser suprimida por decreto como aconteceu durante a emerxencia sanitaria, deixando en evidencia o que realmente representa.

Por iso é necesario avanzar con propostas que, sendo tácticas, posibiliten un debate social sobre a necesidade de mudar o marco para termos capacidade real de decisión sobre os nosos asuntos. No mínimo, permitirán forzar as costuras do rexime de 78 e evidenciar os seus límites. E temos claro que non hai mellor pedagoxía política soberanista do que esa.

Temos, pois, moito traballo por diante. E por iso quero chamar desde aquí toda a militancia, en nome da dirección do Partido, a non baixar as mans, a redobrar os esforzos e intensificar o traballo político e social, coa certeza de que sempre é útil ao movemento nacionalista e ao País e de que máis cedo do que tarde dará os froitos esperados.

Non quero terminar sen facer referencia a un feito que, para alén da dimensión cultural e artística, tamén ten unha dimensión política relevante. Cando se fan 45 anos do asasinato do noso camarada Moncho Reboiras pola policia española, ve a luz o primeiro filme sobre a súa figura. Un documentario que permitirá, de forma extraordinaria, dar a coñecer a figura política de Moncho, o militante nacionalista e comunista, sempre preocupado por organizar a clase obreira, desde a consciencia de que nunha nación colonizada a loita de clases é indisolúbel da loita pola liberación nacional. Tamén servirá para salientar o seu firme compromiso patriótico e revolucionario e valorizar a causa á que entregou a súa vida, a causa da liberdade da nosa nación, a causa dunha Galiza ceibe e socialista.

Por iso quero expresar aquí, en nome do Secretariado Político do Partido, o agradecemento a todas as persoas que o fixeron posíbel, agradecemento que me permitiredes personalizar en dúas delas: Roberto Vilameá, Presidente da Fundación Terra e Tempo e Alberte Mera, director do filme. A vós, a todas, a todos, moitísimo obrigado.

Con certeza, grazas a esta peza absolutamente necesaria, coñecemos mellor o labor do noso camarada asasinado. Hoxe todas e todos estamos orgullosos do noso Partido, orgullosos e orgullosas de sermos membros da CIG e militantes do BNG, orgullosos e orgullosas do nacionalismo que contribuímos a construír e que é debedor tamén do contributo imprescindíbel e do compromiso militante de Moncho Reboiras e de persoas como o camarada Bautista Álvarez, que nos deixou fisicamente vai facer tres anos, mais que sempre estará presente na nosa memoria.

O exemplo de Reboiras e de Bautista sérvenos de guía e de acicate para continuar construíndo un movemento nacionalista cada vez máis forte, popular e antiimperialista, imbricado no povo, nas clases populares galegas. Un movemento que se nutre do inmenso amor por este país e da identificación coa causa do povo traballador galego e que crece na acción política que desenvolvemos. Acción e corazón. Un movemento que mais cedo do que tarde abrirá definitivamente a esta nación as portas da independencia e da liberdade.