Texto da intervención no acto de tributo da UPG a Moncho Reboiras. Ferrol, 12 de agosto de 2022.
Camaradas, amigas e amigos, xuntámonos hoxe aquí, neste Ferrol galego e proletario, para render tributo a quen tanto debemos como Partido, como movemento nacionalista e como País. Congregámonos hoxe para lembrar o camarada que nesta cidade camiñou por rúas clandestinas e na que, infelizmente, caeu en combate, asasinado pola policía española naquel xa lonxincuo agosto de 1975.
Reunímonos aquí cando se completan tamén cincuenta anos das grandes folgas obreiras de marzo de 1972, en que morreron asasinados Daniel Niebla e Amador Rei, mais en que naceu, xunto coas greves de setembro no Vigo industrial e operario, o xerme dun sindicalismo galego, nacionalista, de clase e combativo que non fixo máis que crecer desde entón até se tornar na vizosa realidade que é hoxe: a primeira central sindical do noso País e a máis grande organización do nacionalismo galego, a Confederación Intersindical Galega.
Sabemos do papel crucial de Moncho Reboiras nese proceso de clarificación política e ideolóxica e de organización da clase traballadora da nosa nación en tempos de grandes dificultades. O que hoxe é o sindicalismo nacionalista galego debémolo a persoas como Reboiras e á clarividencia e acertada análise do noso Partido sobre a necesidade de incorporar os traballadores e traballadoras á causa da liberación nacional do noso País. E aínda, ao labor sacrificado e incansábel de centenas, de millares de militantes da Unión do Povo Galego, de activistas do nacionalismo, de sindicalistas combativas que ao longo destes cincuenta anos e até hoxe mesmo ergueron unha ferramenta imprescindíbel de defensa dos dereitos dos traballadores e traballadoras galegas de que todos e todas, con certeza todas as persoas que militamos na UPG, nos sentimos lexítima e inmensamente orgullosas. É de xustiza este caloroso aplauso a todas as compañeiras e compañeiros que o fixestes e que o facedes posíbel.
Mais o que aconteceu naquel ano de 1972 en que a Galiza abandeirou os protestos operarios en plena ditadura franquista e nos que viñeron a seguir en que a UPG foi incorporando máis contixentes de traballadores e traballadoras, foi aínda de máis calado, moito máis profundo. E, con certeza, tivo a ver coa claridade analítica e a visión estratéxica de Moncho Reboiras e dos e das camaradas que na altura militaban no Partido e participaban da súa dirección. Estamos a falar da decantación como Partido Comunista e Patriótico, de unir e sintetizar -como acertadamente se sinalou nos documentos do Primeiro Congreso- o pensamento de Castelao co de Marx e Lenin. Non por acaso, o marxismo, como ferramenta analítica, permitiu ao noso Partido esclarecer as causas e as consecuencias da dominación do Estado español sobre o noso País sob a forma de capitalismo colonial e estabelecer a liña axial de confrontación -a contradición principal- entre o povo traballador galego e a oligarquía do Estado imperialista español.
En consecuencia, o noso Partido entendeu non só a necesidade do papel determinante da clase traballadora galega na loita de liberación nacional senón tamén a indisolúbel relación desta coa transformación revolucionaria da sociedade galega. A consciencia de que só será posíbel avanzar para unha sociedade nova, xusta, igualitaria e libre, unha sociedade socialista, se previamente racharmos a dependencia colonial do noso País. Por outras palabras, e se me permitides parafrasear o grande revolucionario irlandés James Connolly, a causa do povo traballador galego é a causa da Galiza; a causa da Galiza é a causa do povo traballador galego.
Isto, amigas e amigos, camaradas, fai vital a presenza do noso Partido no seo do movemento nacionalista galego, sumando esforzos á causa colectiva da nación, contribuíndo con humildade mais tamén con constancia e con determinación a facelo avanzar na sociedade e achegando a perspectiva de clase, a nosa visión dun nacionalismo popular ao servizo das maiorías sociais do noso País, que son as clases populares galegas.
Mais os acontecementos de 1972 constataron tamén a experiencia histórica do movemento revolucionario internacional que o sindicalismo, o nacionalismo e o noso Partido mantiveron sempre ben presentes: os dereitos e as liberdades nunca son ofrecidos de graza por quen os detén, é preciso conquistalos. E iso implica compromiso, determinación e sacrificio, e non poucas veces tan alto como o que pagaron Amador e Daniel, como o que estivo disposto a asumir o noso camarada Moncho. Non hai avances sen conflito e non haberá liberdade para a Galiza se non a conquistarmos. Por iso, amigas e amigos, aquí estamos, aquí estaremos e aquí continuaremos traballando e loitando até vermos alcanzados os nosos obxectivos dunha Galiza libre, independente e socialista.
E, con certeza, o nacionalismo ten que estar preparado para enfrontar -organizándoa e liderándoa- a conflitividade social que inevitabelmente recruará nos próximos meses. Para alén dunha situación internacional -no mundo e no Estado- extremamente complexa, que contribúe para agravar situacións sociais difíceis, non podemos perder a perspectiva de que actúan sobre elementos estruturais, que afondan as súas raíces na dependencia política da nosa nación e no espolio que implica. É unha exixencia básica que o nacionalismo sexa capaz de evidenciar as causas profundas do empobrecemento que padece un País rico en recursos se quixer transformar o descontento en conciencia e a mobilización en organización; se aspirar a que fique claro cada vez para sectores sociais máis amplos que a soberanía é a única alternativa que pode realmente mudar as cousas e promover o desenvolvemento, o progreso e o benestar do noso povo.
A risco de ser cansativo, permitídeme lembrar algúns datos que puidemos ler nestas últimas semanas -non nos medios de comunicación do sistema, claro, mais si na imprensa libre galega que tan necesario é apoiar e fortalecer- e que ilustran perfectamente o que estou a dicir.
Máis de 330.000 persoas emigraron da Galiza na última década, especialmente mozas e mozos a quen se negan oportunidades laborais, proxectos de vida e futuro no propio País e que cronifica tanto a lacra da emigración como unha crise demográfica que arrastramos desde hai décadas e que se relaciona directamente cunha crise industrial igual de cronificada. Vexamos senón outro titular: A industria galega perdeu máis de 70.000 empregos desde o ano 2008. Aliás, a Galiza encabeza o afundimento da produción industrial, co maior descenso do Estado español e cunha caída de 8%. Infelizmente, asistimos ano si e ano tamén ao fechamento de empresas relevantes ante a pasividade dos gobernos galego e español.
Máis titulares. Un total de 4.165 empresas con actividade na Galiza pagan os seus impostos en Madrid. É a consecuencia do chamado ‘efecto sede’ mais tamén e sobre todo, de que as regras fiscais as marca o goberno español, sen que a Galiza teña ningunha capacidade para decidir. En consecuencia, Madrid recada 49% dos impostos totais do estado a pesar de representar apenas 19% do PIB.
Mais o espolio fiscal non para aí. A diferenza entre o que o Estado arrecada na Galiza e o que nos devolve vén a situarse cada ano por riba dos 3.000 millóns de euros. Unha cantidade enorme se temos en conta que o orzamento da administración galega en 2022 é de 11.627 millóns de euros. E aínda nos queren facer crer que vivimos da caridade de España!
Pensemos tan só o que implicarían estes recursos para fomentar o desenvolvemento económico, crear emprego, impulsar o benestar, avanzar en infraestruturas ou mellorar os servizos públicos. Razón de máis para que, mesmo neste marco político actual, o BNG continúe reclamando un novo modelo de financiamento baseado no concerto co Estado, polo que a Galiza recadaría todos os impostos e negociaría canto entrega.
E o espolio continúa. A banca expatría 27.226 millóns de euros de aforro galego cara a outros territorios. Nin sorprende que Madrid sexa a grande beneficiaria dunha drenaxe do capital da Galiza que medra de forma progresiva desde 2013. Igual que podería acontecer cos impostos, o aforro dos galegos e galegas debería servir ao desenvolvemento do noso País, mais infelizmente, amigas e amigos, isto non é así e non é nin xusto nin admisíbel.
Ao roubo fiscal e do noso aforro temos que engadir o espolio enerxético. As tres principais empresas que conforman de facto o oligopolio eléctrico, Iberdrola, Endesa e Naturgy, tiveron en 2021 lucros record de 6.534 M€. Xa sabemos que boa parte deles conseguidos na Galiza, onde controlan térmicas, hidroeléctricas e parques eólicos. Tampouco sorprende que sexan as principais impulsoras do boom eólico depredador que sufrimos, que non está pensado nin dimensionado para as necesidades do noso País, con máis de 200 proxectos de megaparques na terra e no mar e que temos que frear custe o custar. Evidentemente, pagan os impostos fóra da Galiza.
Nen admira que entre os últimos titulares que lemos estes días estea que os galegos e galegas cobramos case 7.000 euros menos ao ano que a media da Unión Europea, e a metade que un traballador ou traballadora alemá. Tamén non que teñamos das pensións máis baixas do Estado (Ourense, por exemplo, a máis baixa, 550 euros menos que Madrid) ou un déficit histórico en infraestruturas e servizos, especialmente ferroviarios, sendo as áreas urbanas galegas máis poboadas as únicas da súa dimensión de todo o Estado que carecen de tren de proximidade.
Mais hai aínda outro tipo de espolio, que afecta ao cerne do que somos como povo, como ben deixou dito Castelao. Estou a falar da lingua, porque se aínda somos galegos e galegas é por obra e graza do idioma. E tamén, a pesar de ser a cuestión ben máis complexa, podemos infelizmente cuantificar a magnitude da traxedia: máis de 30 puntos de caída de falantes en 30 anos. O que nos debe levar necesariamente a reaxir e a colocar as accións en prol da normalización lingüística no centro das nosas preocupacións e das nosas políticas.
Non son casualidades, nin unha praga bíblica, nin sequera resultado do desleixo e mal goberno, aínda que tamén haxa moito diso. Non, amigas e amigos, chámase colonialismo, chámase dependencia. E feito correctamente o diagnóstico tamén é preciso aplicar o remedio adecuado e nós sabemos que o antídoto a esta situación é a soberanía da Galiza.
Nós sabémolo, si; mais tamén estamos conscientes que é o corpo social galego quen ten que entendelo, quen ten que asumilo e quen ten que desexalo. Por iso é preciso realizar un labor permanente de pedagoxía, asumir que é chave a batalla das ideas e despregala coa máxima eficacia posíbel sen descoidar a atención aos desafíos políticos e sociais que temos pola frente, que son, sen dúbida, extremamente importantes.
Estamos vivindo unha escalada descontrolada de prezos que está a provocar o empobrecemento das clases populares e frente á que o goberno español se nega a adoptar medidas estruturais porque significaría afectar fortes e poderosos intereses económicos, cousa que non están dispostos a facer. Só a crecente presión social os levou a anunciar medidas como impostos ás enerxéticas ou a banca, mais que xa limitan no tempo e no alcance aos “lucros extraordinarios”, sen precisar como é que se van calcular. Xa veremos como é que fica.
Porén, nin falar de nacionalizar as grandes enerxéticas, nin sequera de modificar en profundidade a regulación do mercado eléctrico ou mesmo estabelecer topes á electricidade e aos carburantes á conta deses lucros escandalosos das empresas enerxéticas.
Entre tanto, en plena crise social e económica, o autoproclamado “goberno máis progresista” anuncia a decisión de aumentar o gasto militar até 2% do PIB. Quer dicir, destinar a maiores entre 10.000 e 12.000 millóns de euros que necesariamente se detraerán de políticas sociais no peor momento. Na realidade, o gasto militar, se para alén de computar os orzamentos do Ministerio de Defensa (sobre 1%) se computan tamén partidas doutros ministerios, supera xa, segundo cálculos do Centre Delàs para a Paz de Cataluña, os 22.000 M€ (1,8%), por tanto, o incremento de un punto situaríao practicamente en 3%. Iso si, manda o amigo americano, que será, sen dúbida, -o seu complexo militar-industrial- quen se vai beneficiar dunha medida que levaban tempo procurando e que agora sairá adiante en toda a UE ao calor do conflito e Ucraína. Cero casualidades.
E todo isto nun contexto de grande incerteza económica, coa suba dos tipos dos xuros, con síntomas dunha desaceleración económica, unha máis que posíbel crise de débeda e un máis que probábel novo rescate, chámese como se chamar, que, se non o evitarmos, derivará en novas “reformas”, quer dicir, en máis recortes e privatizacións.
O nacionalismo galego enfrentou desde o primeiro momento esta situación con propostas de calado que trasladamos tanto ás institucións como á sociedade galega e mesmo con mobilizacións populares. Con certeza que teremos de continuar nesa liña, opóndonos ao incremento do gasto militar e a calquera medida, como o anunciado “pacto de rendas” que signifique que a crise a vaian pagar de novo os traballadores e traballadoras, as clases populares galegas.
O BNG vén mantendo unha decidida posición crítica á deriva do Goberno español, cuestionando todas aquelas decisións que van en contra dos intereses do noso País e das clases populares e ofrecendo alternativas desde a esquerda e o soberanismo. Como o vén facendo na Galiza frente a un Partido Popular que continúa as súas políticas de precarización e privatización dos servizos públicos, de desmantelamento, en definitiva, con consecuencias desastrosas -como estamos infelizmente a comprobar nestes días- en ámbitos como a sanidade pública ou a loita contra os incendios forestais.
Tampouco son casualidades, desleixo ou má xestión. Detrás destas políticas do Partido Popular hai poderosos intereses económicos que se lucran da privatización da sanidade, dos coidados, do ensino (eis a nova Universidade privada que veñen de aprobar ás agachadas e incumprindo a lei) ou dunha política forestal perniciosa para o País máis moi lucrativa para empresas como ENCE. Desde aquí, toda a forza ás persoas que ao longo e largo do País loitan contra os lumes e todo a determinación nunha loita que vai conseguir, si ou si, que máis cedo do que tarde ENCE deixe de marcar as políticas forestais públicas e saia definitivamente da Ría de Pontevedra.
Ao difícil contexto actual non é allea a complexa situación internacional, que o noso Partido ten analizado como a consecuencia dunha mudanza fundamental na correlación de forzas a nivel mundial, basicamente marcada polo fin da era unipolar que seguiu á desaparición da URSS e a conformación progresiva dun mundo multipolar, coa consolidación de potencias emerxentes que visan escapar do control político, militar, tecnolóxico e económico do imperialismo norteamericano.
Nese escenario, os EUA, que ven esmorecer a súa capacidade de influencia e control internacional, principalmente pola emerxencia económica, política e tecnolóxica dun polo alternativo arredor da China e dos BRICS (aos que, con certeza, logo após as eleccións de outubro se reincorporará con decisión o Brasil de Lula) reaxen promovendo políticas de tensión que xustifiquen a permanencia e expansión da OTAN, a militarización das nosas sociedades e o aumento exponencial do gasto militar. Isto ficou evidenciado na cimeira da OTAN de Madrid e -xa o vemos no caso de Taiwan- está a ser aplicado segundo o definido.
Outra cousa é a capacidade real dun imperialismo que comez a facer augas para confrontar con éxito nesta situación. Onte mesmo o senador norteamericano Ted Cruz dicía, a propósito da vitoria de Petro na Colombia: “Creo que a nosa política exterior debería usar o pau e a cenoria para incentivar outros países a se comportaren dunha forma que beneficie os intereses dos Estado Unidos”. A novidade non é que o fagan -sempre o fixeron-, senón que o recoñezan con ese descaramento, síntoma de que dixiren mal os reveses políticos que están a sofrer.
E aínda teremos que agradecer que se lembren da cenoria, pois até agora foi pau tras pau, con millóns de vítimas só nos últimos anos en países como Iraq, Afganistán, Libia ou Siria. Poderíamos falar de Vietnam, poderíamos falar de Guatemala. Lembremos Hirosima, lembremos Nagasaki, 6 e 9 de agosto de 1945. O único país no mundo que utilizou bombas nucleares e que o fixo contra poboación civil, destruíndo dúas cidades e deixando un balanzo de centenas de millares de vítimas inocentes.
En todo o caso, é de xustiza sinalar que neste difícil contexto internacional, de inmensa presión mediática e de asedio político a calquera disidencia do discurso único, o nacionalismo galego mantivo con coherencia a súa histórica posición antiimperialista, denunciando a permanencia da OTAN e a súa actuación ao servizo do imperialismo norteamericano, sinalando o papel servil e subsidiario da Unión Europea, rexeitando a escalada belicista e o envío de armas e de operativos militares por parte do goberno español e opóndose con firmeza ao aumento do gasto militar.
E fíxoo, ademais , nun escenario de desarme ideolóxico de boa parte da esquerda europea -de renuncia, máis ben-, situada en posicións que podemos denominar de “esquerda liberal” e que non dubidaron en branquear a OTAN e en apoiar as súas accións de escalada belicista que, infelizmente, continúan. Unha actitude á que non foi allea a chamada esquerda española, cuxa dirixencia -polo menos nalgunha das súas referencias fundamentais, que ben coñecedes- maniféstase obnubilada por Biden. Por ese mesmo Biden que con total naturalidade anunciou que era consciente que o conflito na Ucraína ía implicar consecuencias durísimas para a poboación europea, mais que ese era un sacrificio que EL estaba disposto a asumir. Este é o descaro do imperialismo norteamericano!
Podemos, por tanto, camaradas, amigas e amigos, sentir lexítimo orgullo da posición do noso Partido e do nacionalismo galego, fiel aos seus postulados antiimperialistas, á defensa da Paz e a soberanía dos povos, así como das vías pacíficas e dialogadas para a resolución dos conflitos.
Orgullo tamén de contribuír para erguer un movemento nacionalista e popular organizado cada vez máis influente e con capacidade de iniciativa. Nas próximas semanas o BNG completa 40 anos de vida como frente patriótica. Foi posíbel grazas ao contributo de moitas persoas e colectivos diferentes. Mais eu hoxe quero sinalar aquí, con humildade, o papel da Unión do Povo Galego, que tomou a iniciativa de abrir o debate no seo da AN-PG e de propiciar o encontro con outras forzas e colectivos. A xenerosidade e a visión estratéxica sobre a necesidade de agrupar, por riba das lexítimas diferencias ideolóxicas, todas as persoas que quixeren traballar pola autodeterminación e a soberanía non só posibilitou a ben sucedida asemblea de Riazor, mais tamén un BNG con apoios crecentes e que, para alén de ser determinante na Galiza destes anos, olla con confianza para o futuro.
Porque, por moito que debamos sentir lexítimo orgullo de catro décadas de coherencia e fidelidade ao povo galego, celebrar 40 anos non se trata tanto dun exercicio de nostalxia ou auto-compracencia como de se preparar para encarar con suceso os grandes desafíos que o nacionalismo galego ten por diante. A comezar por organizar a conflitividade social frente ás consecuencias da crise e compasar adecuadamente a intervención social coa institucional. Este é tamén o momento de alargar a organización e capacidade de influencia social do nacionalismo, base sempre segura para enfrontar con éxito os procesos electorais que temos no horizonte.
Unhas eleccións municipais en que o nacionalismo vai ver reforzada a súa presenza nos Concellos ao longo e largo do País, con máis representantes e con máis gobernos municipais nacionalistas. Unhas xerais en que iremos incrementar a representación en Madrid para, coa mesma determinación, mais con máis eficacia aínda, defender os intereses das clases populares galegas. Unhas europeas en que é preciso asentar e alargar a representación nacionalista, tornándoa permanente. E unhas galegas en 2024 en que aspiramos a unha mudanza de rumbo definitiva do noso País, cun Goberno nacionalista que exerza como o Goberno que esta nación precisa e merece.
Sabemos que non é fácil e estamos plenamente conscientes da limitación do marco, por iso sabemos que é preciso cuestionalo e colocalo permanentemente en evidencia. Mais tamén sabemos que se o fixermos ben, aprendendo do pasado, asumindo o Goberno galego non como un fin en si mesmo, senón como un medio para producir mudanzas profundas que melloren as condicións de vida dos galegos e galegas, que fagan aflorar as contradicións e, por tanto, avanzar a conciencia nacional, o resultado poderá ser moi positivo.
Dicía Rosa Luxemburgo, falando da loita de clases, que quen non se move non sente as cadeas. Se o aplicarmos á cuestión nacional, comprobamos como no caso do autogoberno galego é evidente que Partido Popular e Partido Socialista coinciden en non se mover, nin sequera para completar as competencias previstas, satisfeitos coa posición submisa e dependente do noso País e, sobre todo, preocupados porque o debate social ao respecto a poida pór en cuestión. Por iso ten de ser o BNG o que marque a axenda do debate institucional e social sobre un novo marco xurídico-político que nos recoñeza como nación e blinde as competencias galegas, intensificando o que xa está a facer.
Sen fixar expectativas no gradualismo máis con toda a confianza na clarificación política que ese debate debe permitir para coñecer e recoñecer o límite das cadeas que representa o marco autonómico e a inadecuación para resolver os grandes problemas estruturais deste País, podemos avanzar no camiño da soberanía. O noso Partido sempre tivo e ten a audacia necesaria -como exemplificou o camarada Moncho- para desenvolver as accións precisas en cada momento que nos acheguen do obxectivo final. Sabemos que hoxe esa audacia consiste en organizar, concienciar, confrontar e traballar pola hexemonía social do nacionalismo galego.
Por iso, como sempre fixemos, quero trasladar hoxe desde aquí á dirección do BNG e á súa Portavoz, a compañeira Ana Pontón, a plena disposición e o firme compromiso da militancia deste Partido para traballar activamente para conseguilo, para traballar polo crecimento organizado e o éxito dos desafíos sociais, institucionais e electorais que o nacionalismo ten de enfrentar nos próximos tempos.
Amigas e amigos, camaradas, non quero acabar sen facer referencia a outra efeméride que nos move e nos conmove como patriotas, como comunistas, como militantes deste Partido e do nacionalismo. Nos próximos días fará cinco anos que nos deixou o camarada Bautista Álvarez. Home de reflexión e de acción, comunista e patriota galego exemplar, o seu inmenso legado continúa iluminado o noso camiño cara á liberdade. Anuncio xa que a Unión do Povo Galego renderá neste outono un xusto e merecido tributo público a quen traballou con absoluta entrega, honestidade, lucidez e coherencia durante máis de cincuenta anos pola causa dunha Galiza ceibe e socialista. Hoxe pídovos expresar aquí o noso recoñecemento cun grande aplauso.
Neste Ferrol galego e proletario, nesta cidade que viu camiñar e caer Reboiras en horas clandestinas, honramos os nosos heroes e os nosos mártires: Bautista Álvarez; Castelao; Alexandre Bóveda, asasinado; Ánxel Casal, asasinado; Amada García, asasinada; Amador e Daniel, asasinados; Moncho Reboiras, asasinado. E con eles todas e todos os que entregaron a súa vida a esta nobre causa. Elas son, eles son, semente de vencer, as bandeiras da nosa redención que marcan o camiño que inexorabelmente conduce á independencia nacional, á República da Galiza soberana, a unha Patria libre e socialista.